Procurar

Enquisa

O novo decreto de transporte abre a porta a que as Ambulancias medicalizadas leven un so técnico de transporte Sanitario. Que che parece esta medida?
 

Novas CIG Saúde

CIG-Saúde rexeita as medidas de recortes para os/as empregados/as públicos/as que foron hoxe presentadas pola Conselleira de Facenda e o Director Xeral de Función Pública, non só por recortar dereitos laborais senón porque o que se pretende con estas medidas é rematar coa prestación da asistencia sanitaria. Se se trata de xestionar eficientemente, non entendemos porqué se recorta sempre a traballadores/as e non se introducen outro tipo de medidas para combater a crise, sempre se prexudica aos máis débiles, a clase traballadora. As medidas anunciadas van ser especialmente lesivas coas persoas aspirantes das listas de contratación e con aquelas que actualmente están contratadas con vínculos temporais, o que agravará o paro entre os/as traballadores/as de todas as categorías da Sanidade.

Estas medidas concrétanse en:

  • Aumento de 21 horas sobre a xornada ordinaria actual.
  • Redución obrigatoria dun terzo de xornada para o persoal actualmente contratado con vínculos temporais e interinos, coa correspondente redución retributiva. Como medida benefactora, o persoal fixo tamén poderá optar voluntariamente por solicitar unha redución de xornada dun terzo, coa correspondente redución retributiva.
  • Consolidación de contratos inferiores á xornada legalmente establecida.
  • Xubilación forzosa aos 65 anos, aplicando a taxa de reposición, podéndose dar excepcións individuais.
  • Perda do complemento retributivo da Incapacidade Temporal durante os primeiros 21 días (remítese á lexilación xeral da Seguridade Social: os 3 primeiros días non haberá retribución, do 4º ao 15º percibirase o 60%, que pagará a empresa, e do 16º ao 21º percibirase o 75%, que pagará a Seguridade Social).
  • Regularase en Mesa Sectorial do SERGAS a xornada non inferior a 37,5 horas semanais.
  • Eliminación da Acción Social (desaparece a axuda por gardería, mellora por fillo/a...). 

Estas medidas son inasumibles na súa totalidade, precarizan ainda máis as condicións laborais e salariais dos/as empregados/as da Sanidade, polo que precarizan a prestación da asistencia sanitaria. A quén prexudican estas medidas? Ao persoal fixo e temporal do SERGAS, ás persoas aspirantes das listas de contratación, pero, sobre todo,  a toda a cidadanía usuaria do servizo da Sanidade Pública, posto que ao precarizar e empeorar as condicións laborais, reducindo persoal e aumentando cargas de traballo, diminúe a calidade da asistencia sanitaria.

NON O PODEMOS PERMITIR. MOBILIZÁTE!!!