CIG-Saúde e o Acordo Retributivo

 

ACORDO RETRIBUTIVO E FACULTATIVOS

ASPECTOS DO ACORDO RETRIBUTIVO DE ESPECIAL RELEVANCIA PARA OS FACULTATIVOS.

Nova Versión. Febreiro 2009 

O acordo finalmente acadado, está lonxe de satisfacer todas as nosas arelas, sen embargo coidamos que é un bo acordo, dado o contexto concreto no que se negociou: introduce melloras económicas e laborais relevantes cuxa importancia se realza tendo en conta as escasas posibilidades que existían, cando se asinou o acordo, de melloralo mediante a mobilización e, sobre todo, tendo en conta a que está caendo a nivel económico, co progresivo agravamento dunha crise económica que semella estar aínda lonxe de tocar fondo.

Avaliación de CIG-Saúde do acordo de “Mellora retributiva e de Condicións de traballo do persoal do Servizo Galego de Saúde. 28/10/2008
Texto do Acordo Retributivo asinado o 15/11/2008 e publicado no DOG o 10 de decembro de 2008
Documento “Redefinición do Complemento Específico do persoal licenciado sanitario”, aprobado polo Comité Executivo do SERGAS o 24/09/2008.

 

ACORDO RETRIBUTIVO, EXCLUSIVA E REDEFINICIÓN DO C. ESPECÍFICO

Alén dos aspectos de melloras económicas xa comentados en correos previos, na decisión de CIG-Saúde de asinar o Acordo Retributivo, xogou un papel relevante o feito de que, co Acordo, tamén se garantían outros aspectos que consideramos moi importante para a defensa tanto do Sistema Sanitario Público Galego como dos intereses da grande maioría dos seus facultativos.

Entre estes aspectos destacan os compromisos adquiridos pola administración de manter as retribucións específicas ligadas á exclusividade, así como a decisión de redefinir o actual Complemento Específico (CE), creando dous novos complementos voluntarios para os facultativos (de prolongación de xornada e de deslizamento).

A grande maioría do poboación, e unha grade proporción de facultativos, incluídos os que compoñemos a Agrupación Médica de CIG-Saúde (AgM-CIG), defendemos a dedicación exclusiva dos médicos da sanidade pública. Coa sinatura do Acordo Retributivo péchase a posibilidade de que trunfe no SERGAS a proposta neoliberal de que se eliminen as retribucións ligadas á exclusividade dos facultativos (que é o que realmente se agocha debaixo da reclamación de “xeneralización do complemento específico”). Este feito supón unha clara derrota de aqueles sindicatos que, no último ano, fixeron da desaparición da exclusividade o elemento central da súa actividade sindical, e constitúe a principal explicación da frontal oposición ao Acordo que manteñen estes sindicatos.

Por outra banda, a grande maioría da poboación, e unha grande proporción de facultativos, incluídos os que compoñemos a Agrupación Médica de CIG-Saúde (AgM-CIG), defendemos que os centros sanitarios, e nomeadamente os  hospitais, deben ter un traballo regular de tarde, superando as moitas eivas das actuais peonadas.

No Acordo Retributivo, ratificouse o establecido neste sentido no documento “Redefinición do Complemento Específico do persoal licenciado sanitario”, aprobado polo Comité Executivo do SERGAS o 24/09/2008. Este documento recolle o compromiso de crear dous novos complementos, de adscrición voluntaria e dirixidos a posibilitar a existencia dunha actividade regular polas tardes nos centros sanitarios.

Estes novos complementos serán os seguintes:

1) de prolongación de xornada, para aqueles profesionais que acepten traballar a maiores algunhas tardes,

2) de deslizamento, para os profesionais que acepten desprazara súa xornada ordinaria da mañá a tarde ou viceversa, algúns días.

Estes novos complementos permitirán, a aqueles facultativos que voluntariamente se adscriban a eles, incrementar os seus ingresos traballando algunhas tardes ou deslizando a súa xornada algúns días.

Debe salientarse que, no momento actual, o contido do documento antes mencionado de “Redefinición ...” está totalmente pendente de concreción. Deste xeito, aínda non están acordadas (aínda non comezou a negociación), nin as condicións concretas nas que se prestará a actividade ligada a eses novos complementos nin as contías económicas ligadas a eles, e moito menos está acordada nin negociada a súa  relación coas actuais “peonadas”. As informacións distribuídas por algún sindicato afirmado “Se acaban las peonadas” son totalmente falsas.

 

OUTRAS LUCES E ALGUNHA SOMBRA DO ACORDO RETRIBUTIVO

Alén das substancias melloras nas súas retribucións variábeis que recibirán máis de 70% dos facultativos do SERGAS, descritas aquí, o Acordo Retributivo asinado por CIG-Saúde tamén inclúe outras melloras. Entre elas figuran as seguintes:

- Os Pediatras e Odontólogos de Atención Primaria, no ano 2009, igualarán as súas retribucións coas correspondentes aos médicos de familia. Estes profesionais pasarán, durante este ano, a cobrar por TIS (Tarxetas Individuais Sanitarias) e, no Acordo, existe o compromiso e a reserva económica que garante que en calquera caso as súas retribucións se igualarán ás dos médicos de familia con efectos retroactivos desde o 01/01/2009.

- Os Odontólogos e Farmacéuticos de AP, así como os Técnicos de Saúde e Médicos de Desprazados, no 2009, iniciarán o proceso de homologación do seu CPV co dos médicos de familia. No 2009 terán un incremento inicial de 500 € no CPV. Nos anos seguintes terán incrementos similares até completar a homologación.

- Os facultativos que, sendo propietarios, viñeran exercendo cargos de xefaturas (servizo, sección, unidade, coordinación) durante máis de 2 anos continuados ou 3 descontinuos, con efecto do 01/01/2009, consolidarán o nivel de complemento de destino correspondente (28 ou 26), homologando así a súa situación coa existente noutros ámbitos da administración pública.

-  No ano 2010 todos os facultativos terán un incremento de 425 € e, nos anos 2011 e 2012, o incremento será de 611 €  cada ano. Deste xeito no ano 2012 o incremento será de 1.647 € anuais respecto ao momento actual.

 

INCREMENTO RETRIBUTIVO XERAL

Incrementos acumulados a 1 de xaneiro de cada ano

2010

2011

2012

Anual

Mensual

14 pagas

Anual

Mensual

14 pagas

Anual

Mensual

14 pagas

∆ +425 €

 

∆ +611 €

 

∆ +611 €

 

425 €

30,36 €

1.036 €

74 €

1.647 €

117,64 €

O Acordo Retributivo asinado, como sucede en todas as negociacións, inclúe aspectos que non nos gustan. Evidentemente, como estamos e continuaremos explicando, na avaliación que fixemos dos aspectos positivos e negativos do Acordo, os primeiros pesaban máis, e por iso décimos asinalo. Sen embargo é evidente que o Acordo inclúe aspectos que non nos satisfán e entre eles destaca o feito de que o SERGAS se negou a aplicarnos tamén aos facultativos a suba de 1 nivel, que xa desde xaneiro deste ano 2009 vai aplicarlles aos demais grupos profesionais do SERGAS co obxectivo de homologar os seus niveis cos existentes nos servizos de saúde de outras CC.AA.

O incremento de 1 nivel, no caso da grande maioría de facultativos que pasaríamos do nivel 24 ao 25, supoñeríanos no ano 2009 un incremento de 32,40 €/mes (e 456,16 €/ano).

O argumento utilizado pola administración para negarse a recoñecernos un incremento de nivel, foi que, en todas as CCAA, os facultativos que non teñen xefaturas teñen como nivel máximo o 24, pois ese é o máximo nivel ao que poden acceder os licenciados ao servizo de calquera administración do estado, que non exerzan xefaturas.

Por certo que sobre as subas de nivel no Acordo convén deixar claro son falsas as afirmacións que algúns difunden de que, como consecuencia do Acordo, “Los diplomados sanitarios soben 3 niveles de golpe” ou “el personal de enfermería sube tres niveles de golpe”. A realidade é ben distinta. Como se pode comprobar comparando a Orde de Nóminas do 2008 coa de 2009, o persoal diplomado (de enfermaría, fisioterapeutas, ...) sube exclusivamente 1 nivel (do 21 ao 22 a grande maioría, e do 22 ao 23 as enfermeiras especialistas (de saúde mental, matronas, ...), que tiñan nivel 22 e pasan a nivel 23. A única excepción, entre os miles de diplomados que traballan no SERGAS, é a dun pequeno grupo de enfermeiras de consulta dos antigos ambulatorios (menos de 40 en toda Galiza) que por diversas razóns mantiñan un nivel 19 e que, como consecuencia do acordo asindo, soben ao nivel 22, homologando así o seu nivel co que correspondente ao seu grupo profesional. Afirmar por tanto que “o persoal de enfermería sube tres niveles de golpe” é claramente unha falsidade.

 

RETRIBUCIÓNS FIXAS DO PERSOAL FACULTATIVO DO SERGAS NO 2009

Malia importante crise económica que atravesa o país, as retribucións fixas do persoal facultativo do SERGAS terán incrementos retributivos que oscilarán entre o 3,9% e o 6,5%.  Nesta táboa detállanse as retribucións fixas que recibirán os facultativos do SERGAS durante o 2009. 26/01/2009

Alén deses retribucións fixas, os e as profesionais dos colectivos que teñen unha maior penosidade ao ter que realizar traballos suplementarios a maiores da “xornada ordinaria de mañá” (e dicir as médicas e médicos que fan gardas, tanto de urxencias hospitalarias como dos PACs), verán tamén incrementadas as súas retribucións variábeis, como consecuencia do Acordo Retributivo recentemente asinado pola Administración e algúns sindicatos da Mesa Sectorial, entre os que está CIG-Saúde.

 

RETRIBUCIÓNS VARIÁBEIS DO PERSOAL FACULTATIVO DO SERGAS NO 2009

Miles de Facultativos do SERGAS, os que traballan en condicións máis penosas (pois teñen que realizar gardas, ou traballan a quendas), van ter substanciais incrementos das súas retribucións variábeis como consecuencia do Acordo Retributivo asinado por CIG-Saúde. 06/02/2009

O SERGAS ten, excluídos os MIR, 6.411 facultativos (Sistema Público de Saúde de Galicia, Memoria 2007). Deles, van beneficiarse deste aspecto do Acordo os seguintes: os facultativos que fan gardas, que son 3.800; os que traballan nos Servizos de Urxencias Hospitalarias, que son aproximadamente 250; e os que traballan nos PACs, que son case 500.

 

OS SINDICATOS CORPORATIVOS PÓÑENSE NERVOSOS

POR QUÉ ATACAN TAN VIRULENTAMENTE OS SINDICATOS MÉDICOS CORPORATIVOS Á CIG-SAÚDE E A SÚA AGRUPACIÓN MÉDICA?  21/01/2009

A intensificación, nas últimas semanas, das agresións recibidas por CIG-Saúde e a súa Agrupación Médica por parte dos sindicatos médicos corporativos, fan necesaria unha reflexión sobre os porqués desta situación.  

AgM

© Agrupación  Médica de CIG-Saúde

webmaster@agmedica.org