A CIG apoia o acordo da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública Galega.

O colectivo, do que forma parte a central, reclama ao goberno compromisos firmes para garantir o carácter público do sistema.

A Executiva Confederal da CIG vén de comunicar o seu apoio ao acordo achegado pola Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública Galega a prol da defensa do carácter público do sistema sanitario.

A plataforma, da que forma parte a central, reclama ao novo goberno que negocie un cambio no modelo de financiamento sanitario de Galiza que garanta “a suficiencia financeira”, así como o inicio das obras dos novos hospitais das grandes áreas e a mellora dos centros xa existentes. 19/05/2009

A continuación reproducimos o texto do acordo da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública Galega:

 Coa chegada do novo goberno a Galiza, que supón a volta ao poder dun partido que se caracteriza polo seu apoio ao sector privado e a xestión empresarial en detrimento do sistema público, sen recoñecer que o sistema privado debe considerarse subsidiario e complementario do Sistema de Saúde de Galiza. Diante desta situación que dificulta o desenvolvemento do sistema sanitario público., as organizacións que integramos esta Plataforma acordamos unha serie de puntos que queremos trasladar á opinión pública e ao conxunto das organizacións sociais e políticas de Galiza.

1.- Financiamento sanitario:

Consideramos insuficiente o actual financiamento sanitario de Galiza. O problema radica na vinculación da mesma á recadación de impostos transferidos que gravan a actividade comercial e o comercio, algo que afecta negativamente a unha Comunidade Autónoma como a nosa, con menor nivel económico respecto da media. A esta situación habería que engadir os efectos da crise económica que vai reducir aínda máis a recadación polos devanditos impostos e a incrementar as necesidades de asistencia sanitaria (o paro e pobreza levan asociados un incremento das enfermidades físicas e psíquicas).

Consideramos necesario que o novo goberno:

- Negocie un cambio no modelo que garanta a suficiencia financeira da Sanidade Pública Galega.

- Incremente as partidas orzamentarias destinadas á sanidade dentro do orzamento Galego (e evite destinar a outros fins o diñeiro da sanidade, como vén facendo o PP noutras CCAA onde goberna como Madrid ou Valencia).

- Introduza medidas de austeridade económica reducindo os gastos innecesarios (optimizando o gasto Farmacéutico) para destinalo a persoal sanitario e a melloras nos recursos.

2.- Plan de Mellora da Atención Primaria

Os acordos con todas as organizacións profesionais e sindicais do sector supuxeron un cambio importante nos recursos, a capacidade resolutiva e a mellora da calidade dos centros de saúde

- Consideramos necesario que se respecte o acordado polo anterior goberno con todas as organizacións sindicais e profesionais do sector.

- Esiximos que dentro do prazo previsto se reúna a Comisión de Seguimento para avaliar a reforma e se informe das novas medidas a adoptar para cumprir o acordado.

3.- Plan de Novas Infraestruturas Sanitarias

Consideramos urxente que:

- Se culmine o Hospital de Lugo

- Se inicie de xeito inmediato, e mediante financiamento público, o Novo Hospital de Vigo, coas dimensións de camas e recursos previstas, para mellorar a difícil situación desa área sanitaria e para que POVISA deixe de ser centro de referencia para a área do Morrazo, Coia e Valmiñor.

- Se inicie de xeito inmediato a obra do Hospital de Pontevedra mediante financiamento público. É inaceptable que se dilapide o diñeiro investido na mellora do Hospital Montecelo arrombándoo e construíndo un novo centro nunha localización descoñecida, especialmente no marco da actual crise económica e coas necesidades sanitarias que sofre Galicia. O atraso de máis de 13 anos deste proxecto de Hospital Único, esixe o inicio urxente dos expedientes de expropiación e de licitación pendentes.

- Todas as obras do Plan deben acometerse con financiamento público para evitar a hipoteca do sistema durante anos con empresas privadas que, ademais, aproveitan para apoderarse da xestión destes centros durante máis de 30 anos.

- Se cambien os estatutos de GALARIA por que poden facilitar a participación privada na construción e xestión dos novos hospitais.

4.- Dedicación Exclusiva do persoal facultativo que traballa no sistema público

- Esiximos o mantemento do complemento de dedicación exclusiva para evitar corruptelas e conflitos de intereses que se dan na actualidade, e que explican, en certa medida, as listas de espera e as desigualdades no acceso aos recursos polos sectores economicamente máis débiles.

- De xeito complementario esiximos que se cumpran os acordos cos sindicatos para ampliación do horario dos centros e acabar coas peonadas que xeran inxustizas e desigualdade entre os profesionais dos hospitais e un gasto inaceptable.

5.- Participación social no sistema sanitario

- Os órganos de Participación Social a nivel de Comunidade Autónoma e de Área Sanitaria, supoñen un primeiro paso para que os cidadáns poidan colaborar na planificación e control do sistema sanitario e comprometerse co bo funcionamento do mesmo, polo que consideramos que deben continuar reuníndose periodicamente e ampliando o ámbito das súas competencias.

- As experiencias de capacitación dos cidadáns supuxeron unha experiencia positiva de colaboración entre administración e axentes sociais que se deberá manter para mellorar a capacidade de participación dos axentes sociais

6.- Saúde Mental

Segue nunha situación de deterioro inaceptable polo que pedimos que de maneira urxente se desenvolva o Plan de Saude Saúde Mental.

7.- Atención sociosanitaria

Consideramos necesario:

- Incrementar as camas de longo tratamento e outros recursos asistenciais

- Mellorar a coordinación entre sistema sanitario e socisanitario

Facemos un chamamento a todas as organizacións sindicais, profesionais e cidadás a subscribir e apoiar este acordo para evitar o deterioro e a privatización do sistema sanitario público.

19/05/2009

Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública Galega

© Agrupación  Médica de CIG-Saúde

webmaster@agmedica.org