URXENCIAS HOSPITALARIAS

URXENCIAS EXTRAHOSPITALARIAS

Despois dun acordo firmado coa Xerencia de Atención Primaria de Vigo os sindicatos CIG, CCOO, UGT e CEMS deciden desconvocar a Folga a que estaban chamados os profesionais médicos e de enfermería dos PACs da área de Vigo. 20/26/2007
Os sindicatos CIG, CCOO, UGT e CEMS convocan aos profesionais médicos e de enfermería dos PACs da área de Vigo a unha folga os días 22, 23 e 24 de xuño. Os motivos desta convocatoria son os mesmos que CIG-Saúde xa viña denunciando desde hai meses, a situación de discriminación e de precariedade que estes profesionais sofren: xornada anual excesiva, non recoñecemento de nocturnidade e festividade,  obrigatoriedade de substituír aos compañeiros en ausencias como vacacións, permisos, baixas.  O grave déficit de facultativos, moi acusado na área sanitaria de Vigo condiciona moitos dos problemas destes profesionais e é o que fixo necesaria a convocatoria de folga dada a nula resposta do Sergas as mobilizacións previas do colectivo. 16/06/2007.   
Na reunión da Mesa Sectorial do 1 de xuño prantexamos, e quedou acordado, que serán de aplicación ao persoal dos PACs as garantías recollidas na regulación do contrato de substitución de área respecto das seguintes cuestións:

O mínimo dun fin de semana libre ao mes.

Os períodos de asignación de xornada para facer real o período de disfrute de vacacións.

O recoñecemento do tempo de desprazamento e de xantar/cea respecto da incorporación en quendas sucesivas en centros distintos cando se fan substitucións.

A reunión da Mesa Sectorial do 15 de maio acabou sen acordo sobre os Puntos de Atención Continuada.

O Sergas anunciou que non renegociará a situación retributiva do persoal dos PAC ata o último trimestre do ano, unha vez teña a autorización da Consellería de Economía, e defende que o acordo para este ámbito dura ata o 31 de decembro deste ano.

CIG-Saúde defendeu que, aínda que os acordos sobre as condicións nos PAC poidan non aplicarse ata 2008, debese empezar xa a negociar.

URXENCIAS DE ATENCIÓN PRIMARIA: Información da Mesa Sectorial do 02/02/07

          Pactouse o peche do período de implantación do Novo Modelo de  PACs. A partir do 01/03/07, as condicións contractuais, retributivas e de xornada do novo modelo de PACs, aplicaranse tamén aos 10 PACs que aínda permanecen co vello modelo.

          O SERGAS acepta o criterio defendido por CIG, e vai lembrárllelo ás xerencias, que os períodos de baixa laboral son neutros a efectos de cálculo de xornada. E dicir, non producen alteración ningunha no seu cómputo, e se consideran traballados a todos os efectos. Quedan así desautorizados os intentos de algunhas xerencias que pretendían obrigar á súa recuperación.

          CIG defendeu que, a partir do 1º de marzo, ábrese unha nova etapa na que os compromisos de voluntariedade futuros teñen que ter prazos coñecidos (p.ex. de 1, 2 ou 3 anos), e que para definir a voluntariedade xa non se pode contar só co persoal de Unidades de atención ordinaria, senón que hai que regular tamén a do persoal específico dos Pac.

          Por outra banda, o noso sindicato tamén defendeu que cómpre iniciar axiña a negociación revisar/modificar a regulación das condicións de traballo nos PACs, en base ás nosas propostas xa coñecidas: 1430 horas, nocturnidade, festividade, turnicidade, etc.

  A MESA SECTORIAL DO 19/12/2006 RETOMOU O TEMA DA SITUACIÓNS NOS PACs, QUE SERÁ ABORDADO A FONDO NUNHA NOVA XUNTANZA DA MESA NA SEGUNDA QUINCENA DE XANEIRO. 20/12/2006

A situacións das Urxencias Extrahospitalarias tratouse na xuntanza da Mesa Sectorial a raíz da insistencia de CIG-Saúde, mobilizacións incluídas, en que cómpre abordar seriamente na mesa a situación dos PACs en canto:

       ao remate de implantación do novo modelo,

       á revisión das cuestións laborais máis conflitivas do seu funcionamento actual, e

       a necesidade de abrir a negociación para a mellora das condicións de traballo, antes de que finalice a vixencia do acordo actual.

Malia que se concretou pouco, fundamentalmente porque a administración non tiña as cousas claras, a xuntanza serviu para retomar o tratamento en serio desta cuestión en todos os aspectos comentados, que se terán que concretar, nun sentido ou noutro, na próxima reunión, que se celebraría na semana do 22 de xaneiro.

Para CIG-Saúde, os temas que é imprescindible resolver son os seguintes:

§         a aplicación das condicións de PAC-Novo-Modelo a todos os que faltan por acceder a esa situación (son 9) con efectos do 1 de xaneiro (o Sergas propón xuño, data límite prevista no acordo),

§         a revisión e corrección de aspectos que consideramos como incumprimentos do acordo, con especial énfase sobre aspectos como:

    a xornada do persoal non sanitario

    as dificultades e as reiteradas negativas para o disfrute de vacacións ou LDs

    a elaboración dos calendarios e o seu dimensionamento anual

    o recoñecemento inmediato da xornada de 1430 horas para os casos de realización maioritaria de dias de traballo nocturnos

    os cómputos de xornada en situacións de IT

§         a apertura de negociacións para a mellora das condicións de traballo nos PACs (xornada de 1430, retribución da turnicidade, festividade e nocturnidade, valor das horas que superen as 1430, novas regras para o traballo en ordinaria,…), para a súa aplicación no momento en que remate a vixencia do actual acordo.

Quedouse en abordar o tratamento e concreción destes temas nesa próxima reunión indicada. 

Como información adicional aportada nesta reunión, hai que dicir que no orzamento para o ano 2007 créanse, como vacantes novas de PAC, 268 prazas de médicos/as e 192 de enfermeiras/os, o que cubrirá a totalidade dos postos xerados nos PACs como persoal específico.

A transformación en interinidades dos contratos de servizo farase con efectos desde o 1º de xaneiro, para o persoal dos PAC que tiveron condicións de novo modelo no ano 2006. Quedou claro que as persoas que estean en situación de IT, maternidade, ou embarazo de risco, transforman tamén os seus nomeamentos en interinos, nas mesmas datas e sen outros condicionantes. Para os outros PACs restantes (aqueles 9 que aínda non están no novo modelo) a data de conversión en interinidade (entre xaneiro e xuño) dependerá do que se concrete na reunión pendente na 2ª metade .

Ao día seguinte que os seus compañeiros do resto de Galiza, o 15/12/2006, o persoal (médico e de enfermaría) dos PAC de Lugo, tamén secundaron as mobilizacións promovidas por CIG-Saúde.

  A mobilización de profesionais médicos e de enfermaría convocada por CIG-Saúde na xerencia de Lugo, seguiu a mesma liña que no resto de áreas do día anterior.  Unhas 25 persoas concentráronse diante da Xerencia para reclamar a conversión total dos PACs a novo modelo e a negociación de novas condicións laborais. 

Tendo en conta que moitos profesionais de PAC fan xornada complementaria pola mañá, as cifras globais de participación nas concentracións son moi elevadas.  Asemade, a recollida de sinaturas que se estivo a facer coincidindo coas xornadas de concentracións, pon de manifesto que a grande maioría dos traballadores dos PACs de Galiza secundan absolutamente as nosas reivindicacións.

ROTUNDO ÉXITO DAS MOBILIZACIÓNS DO PERSOAL DOS PAC (médico e de enfermaría), CONVOCADAS POR CIG-SAÚDE O 14/12/2006

O 14 de decembro tiveron lugar as concentracións, convocadas por CIG-Saúde, de persoal médico e de enfermería dos PACs de todas as áreas sanitarias de Galicia, agás en Lugo onde terán lugar hoxe día 15.

O motivo era a reclamación do remate do novo modelo de urxencias extrahospitalarias, a negociacións de novas condicións de traballo (1430 horas anuais, complementos retributivos de nocturnidade, festividade, etc), e a mellora da aplicación do acordo que en determinadas xerencias que se está a facer de forma irregular (elaboración de calendarios, denegación de permisos, cómputo erróneo das horas durante as IT,...).  para todo isto é necesaria a reapertura da mesa sectorial de urxencias extrahospitalarias polo que esta era tamén unha reivindicación das mobilizacións de onte.

Segundo Begoña Peiteado, médico do PAC de Vigo e responsable de CIG-Saúde nesta área, hai que valorar o resultado desta convocatoria como un auténtico éxito, xa que foi secundada por unha boa parte dos profesionais afectados, chegando a participación ao 60% na área de Vigo.  Os traballadores saíron a manifestar o seu malestar e a esixir do Sergas e das Xerencias de Atención Primaria melloras nas súas condicións laborais. Neste momento o Sergas manifestou a súa intención de convocar a mesa sectorial a próxima semana así que estamos á expectativa de que este compromiso se cumpra.  No caso de que isto non sexa así continuaremos coas mobilizacións.

O SERGAS convoca á Comisión de Seguimento do Acordo de Urxencias Extrahospitalarias, para o próximo martes 19 de decembro, para tratar da transformación en prazas interinas de vínculos en PAC.

Informacións de Prensa sobre as Mobilizacións do Persoal dos PAC convocadas pola CIG.

Novas Anteriores a 2006

© Agrupación  Médica de CIG-Saúde

webmaster@agmedica.org