Despois do “éxito”(??) da convocatoria de folga de CESM-OMEGA Imprimir
Martes, 15 Novembro 2011 18:28

MILLONARIO-2Despois do “éxito”(??)  da convocatoria de folga de CESM-OMEGA, desde a Agrupación Médica da CIG (AgM-CIG) consideramos oportuno facer chegar a todos os facultativos do SERGAS, a nosa análise previa á folga. Esa análise é a que se adxunta despois desta introdución. Até agora, so a tiñamos difundido entre os nosos afiliados e simpatizantes, para evitar que alguén puidera argumentar que nos opoñiamos a unha folga contra os recortes.  

A desconvocatoria da folga e os motivos aducidos por CESM-OMEGA para facela, confirman plenamente a nosa análise. O sindicalismo médico corporativo non apostaba seriamente pola mobilización, non tiñan intención real de facer a folga, e a convocatoria non era máis que un amago por obxectivos diferentes que loitar contra os recortes.

Os “logros” acadados na “ardua negociación”, e que según CESM-OMEGA xustifican a desconvocatoria da folga, non teñen nada que ver cos motivos recollidos no texto de convocatoira da folga , e tampouco teñen nada que ver coa loita contra os recortes, coa que se pretendeu xustificar a folga. O sindicalismo médico corporativo heiche ben pouco serio.

Na acta de desconvocatoria da folga, so aparecen recollidos compromisos relacionados co CPV: a avaliación dos obxectivos independentemente de que se tiveran asinado ou non, e a desaparición de obxectivos excluíntes para o CPV-2012. Alegrámonos que o SERGAS poña por fin por escrito o que os seus responsábeis viñan recoñecendo desde hai tempo: a non avaliación de obxectivos aos que non asinen os obxectivos é manifestamente ilegal e contradictorio con múltiples sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, e os obxectivos excluíntes afectaban a unha ínfima minoría de facultativos e xa tiñan decidido non incluílos para o CPV-2012.  En calquera caso eses “logros” non teñen nada que ver cos motivos recollidos no texto de convocatoria da folga, nin coa loita contra os recortes, nin coa aplicación da taxa de reposición que pode supoñer a perda de 900 postos de traballo de Facultativos nos próximos anos,  motivos principais que publicamente dicían que xustificaban a folga.


------------------------------------------------------------------------------------

Algunhas reflexións perante da convocatoria de folga de facultativos convocada por CESM-OMEGA para o próximo 16/11/2011

NOTA INFORMATIVA da Agrupación Médica de CIG-Saúde (AgM-CIG) dirixida aos facultativos e facultativas afiliados e simpatizantes da CIG1.

A folga é presentada publicamente por CESM-OMEGA como unha folga contra os recortes na sanidade, obxectivo co que estamos totalmente de acordo e contra o que,desde CIG, temos convocado mobilizacións e folgas. Sen embargo, cando se afonda na análise da convocatoria, xurde unha dúbida evidente: realmente o obxectivo prioritario desa folga é loitar contra os recortes na sanidade?

     Sorprende en primeiro lugar o que semella escaso traballo sindical previo de preparación da folga que ten realizado CESM-OMEGA (algunhas asembleas nos hospitais e colexios de médicos con escasa concorrencia, e algún correo electrónico dirixido aos facultativos) se ben é certo que nos últimos días a convocatoria de folga está tendo un eco importante nos medios de comunicación, como por outra banda ven sendo habitual nas mobilizacións que convoca o sindicalismo médico corporativo. Esta escasa preparación da folga fainos sospeitar que, unha vez máis, o que pretende o sindicalismo médico corporativo é simplemente amagar, facer crer que van facer, presionando así á administración para conseguir uns obxectivos diferentes dos proclamados, sen ter intención real de organizar de verdade a folga de xeito que esta teña a máxima repercusión.

     Esta hipótese semella confirmarse cando comprobamos que, malia que nas súas declaracións pública os responsábeis de CESM-OMEGA din que a folga é fundamentalmente contra os recortes, no texto da convocatoria de folga na que se explicitan as reivindicacións concretas que se queren conseguir con ela, resulta que esas reivindicacións son, literalmente, as seguintes:  

1.    Apertura de una Mesa de negociación y dialogo directo entre la Administración y CESM-OMEGA2 en la que se negociarán todas las cuestiones con repercusiones sobre el facultativo y la asistencia sanitaria.

2.    Cumplimiento estricto de todos los acuerdos firmados por el Sergas y las OO.SS.

E foron os periodistas que acudiron as Roldas de Prensa convocadas por CESM-OMEGA quen deixaron claro que o auténtico obxectivo da folga non é a loita contra os recortes, senón conseguir unha negociación bilateral, ao marxe da Mesa Sectorial, entre o seu sindicato e o SERGAS.

REDACCIÓN MÉDICA (28/10/2011).- Los sindicatos médicos CESM y Omega han reclamado la apertura de una “vía de negociación” directa con el Sergas más allá de la Mesa Sectorial para analizar las medidas a llevar a cabo en la sanidad con motivo de la crisis y, de lo contrario, han anunciado que convocarán una huelga de facultativos el próximo 16 de noviembre.

Así lo ha anunciado el presidente de Omega, Víctor Crespo, en una rueda de prensa en la que ha estado acompañado por facultativos de distintos puntos de Galicia y representantes del sindicato CESM, que también ha reivindicado las medidas.

En este sentido, Crespo ha señalado la necesidad de abrir una “vía de negociación” directa con el Sergas para analizar tanto las necesidades de la sanidad gallega como las medidas a llevar a cabo para afrontar la crisis. “La Mesa Sectorial sí tiene legitimidad de negociación, pero no es la negociación que necesita ahora la sanidad gallega”, ha apostillado Víctor Crespo.

     Xa que logo, semella bastante claro que o obxectivo real de CESM-OMEGA coa folga non é loitar contra os recortes, senón utilizar o sentimento de cabreo que eses recortes nos provocan a facultativos para, nun momento preelectoral, tentar avanzar nun vello e insolidario obxectivo que o sindicalismo corporativo sempre ambicionou: ter un marco de negociación para os facultativos ao marxe do resto dos traballadores da sanidade no que se lles recoñeza a eles como os únicos representantes dos facultativos. Esa pretensión de CESM-OMEGA, alén de ilegal e profundamente insolidaria, é un elemento fragmentador nun momento en que é precisa a unidade e loita común de todos aqueles que nos opoñemos aos recortes e a privatización, e que defendemos a sanidade pública. Nesta situación, a nosa posición pode resumirse nos seguintes 4 puntos:

1.    CIG-Saúde oponse claramente aos recortes é ten feito múltiples mobilizacións contra os recortes e a privatización da sanidade pública. En concreto, e contra os recortes, temos convocado até agora as seguintes folgas:

16-12-2009

Folga

Folga pola anulación do Acordo Retributivo, a primeira medida de Feijoo ao chegar ao goberno, a pesar de que xa estaba publicada no DOG.

8-6-2010

Folga

Folga Xeral na administración pública.

27-1-2011

Folga

Folga Xeral contra a política económica do goberno español.

2.    Non imos opoñernos publicamente a folga. O feito de que esta apareza diante dos profesionais e da poboación como unha folga contra os recortes na sanidade, fai que non consideremos conveniente opoñernos publicamente á convocatoria de folga.

3.    Non imos secundar a folga, e como argumentos fundamentais desta posición a transmitir aos nosos compañeiros, teñen especial relevancia os seguintes

•      O obxectivo real da folga, non é loitar contra os recortes, senón presionar á administración para que abra unha mesa de negociación bilateral con CESM-OMEGA ao marxe da mesa sectorial, na que estes aparezan como representantes exclusivos dos facultativos, algo co que evidentemente non podemos estar de acordo desde a Agrupación Médica da CIG.

•      Trátase dunha folga convocada única e exclusivamente por CESM-OMEGA, sen ter feito o máis mínimo esforzo de buscar a unidade coas demais forzas sindicais que, como é o caso da CIG, temos presenza real entre os facultativos. Non podemos aceptar a pretensión de CESM-OMEGA de autoerixirse en representante exclusivo dos facultativos, negando a realidade de que somos un colectivo plural, e de que miles de facultativos non nos sentimos representados por eses sindicatos, entre eles os centos de facultativos que estamos afiliados á CIG e a outros sindicatos.

•      A folga foi convocada inmediatamente despois das amplas mobilizacións cidadáns celebradas o 27 de outubro en toda Galiza, organizadas polas plataformas en defensa da sanidade pública e “SOS: Sanidade Pública”, diante das que os sindicatos médicos corporativos mantiveron unha actitude distante, cando non manifestamente hostil.

4.    Defendemos a unidade de acción de todas as organizacións que nos opoñemos aos recortes e defendemos a sanidade pública. Temos que difundir entre os nosos compañeiros e compañeiras a idea de que só será posíbel rematar cos recortes e evitar que se continúe avanzando no camiño da destrución da sanidade pública, se loitamos xuntos todos os sindicatos que representamos aos traballadores da sanidade (incluídos os sindicatos corporativos si queren incorporarse a esa loita) e se, ademais, conseguimos que tamén se mobilicen en defensa da sanidade pública o conxunto da cidadanía que sufre o actual ofensiva contra ela. Se CESM-OMEGA pretenden de verdade combater os recortes e defender a sanidade pública, o que deben facer é chegar a acordos para mobilizacións conxuntas cos sindicatos do sector, e coas plataformas cidadáns, que perseguimos eses mesmos obxectivos.

Agrupación Médica da CIG (AgM-CIG).
07/11/2011 

1 A presente Nota Informativa é para coñecemento dos nosos afiliados e simpatizantes e non debe ser distribuída externamente nin ser publicada nas webs da CIG.

2  A negriña non figura no orixinal.