Información sobre a reunión da Mesa Sectorial do venres 17

CIG INFORMA

Temas tratados na Mesa Sectorial do 17 de marzo de 2017:

  • Traslados FEAs:
  •  
    -Sobre medidas de conciliación: Desde a CIG-SAÚDE propoñiamos que coa finalidade de conciliar a vida familiar e laboral, as parellas (matrimonio ou parella de feito) que solicitaran destino na mesma localidade, e un dos membros non o acadara, poideran renunciar ao destino acadado. Isto é unha medida de conciliación, pero o SERGAS no seu texto recolleu, para este suposto, unha medida de penalización, xa que estableceu unha participación condicionada a que se unha das persoas non acada destino na mesma localidade, o destino da outra queda sen efecto. É dicir, na solicitude vai aparecer un recadro para que cubras voluntariamente a participación condicionada a que a túa parella tamén acade destino nesa localidade. Se cobres o recadro, e a túa parella non acada destino, a túa solicitude queda anulada, independentemente do destino que acadaras.
  • Isto non é conciliación familiar e laboral.

  • -Rexeitamos que se reserven prazas no CHUAC, e polo tanto non se convoquen neste concurso de traslados, co argumento da alta especialización, sen máis información. A actividade destes servizos é semellante a do resto de complexos hospitalarios. Esiximos o tratamento das prazas de alta especialización na mesa sectorial, segundo recolle o Decreto de selección e provisión 206/2005.
    -Solicitamos a incorporación no anexo das seguintes prazas:
    1 praza de ciruxía torácica en Vigo, na que a persoa eventual que a está a ocupar leva asinados 78 vínculos nos últimos anos; se isto non é unha praza estrutural, que alguén nos explique que é.
    Prazas nos hospitais de Monforte, O Barco e Hospital de Cee.

             -Non foron aceptadas ningunha das nosas alegacións.

  • Previsión sobre os próximos actos de eleccións de destino da OPE:

  • -Presentaron un cadro de prazas cos mesmos erros que na OPE anterior. Malia de que hai prazas vacantes nas áreas nas que aprobou o persoal, van ofertar prazas á elección de destino para que o persoal faga turismo. Ou para que se soliciten comisións de servizo, que é a forma natural de ordenar o cadro de persoal. Parece que queren recoñecer o esforzo do persoal que aproba ofertándolle un destino fora da súa localidade. Desde a CIG-SAÚDE imos esixir que o SERGAS mude esta proposta para que o persoal poida elixir destino na súa localidade.
    -Na oferta de prazas de TEF para OPE, inclúen 7 prazas cubertas con 7 TCAEs interinas. Non quixeron falar das TCAE fixas que foron ubicadas nas farmacias con posterioridade á entrada en vigor do Decreto da creación da categoría de TEF. Din que isto non é de OPE, senón que hai que resolvelo nos concursos de mobilidade interna.
    -Dos criterios de cesamento non entraron a falar.

  • Decreto de Itinerarios Profesionais.
  •  
    O informe do Consello Consultivo, do que non nos entregaron copia, seica recolle que os servizos prestados non se poden puntuar coma se fosen prestados na praza de destino. Ao ser categorías diferentes a puntuación dos servizos prestados debe ser diferenciada, sendo esta decrecente, se participas desde outra categoría. Como o Consultivo non di en que proporción se deben baremar os servizos prestados, cando se publique o decreto, que agardemos sexa en breve, isto terá doada solución na negociación do baremo.
  • Comisións Técnicas:

  • O SERGAS presentounos o seguinte calendario, para a convocatoria de Comisións Técnicas pendentes:

  • 31 de marzo de 2017:    Especialidades de enfermaría.
    6 de abril de 2017:         Adaptación a TIS.
    21 de abril de 2017:       Concurso de traslados aberto e permanente.
    28 de abril de 2017:       Selección temporal de FEAs. Desde a CIG-SAÚDE solicitamos o cumprimento deste calendario, e se por algún motivo hai que modificar algunha data, que sexa para adiantala sobre a data prevista. Tamén solicitamos que se poña data ás comisións de traballo pendentes, entre a que se atopa a negociación dunha orde de vínculos. Para garantir que o persoal sexa contratado pola causa que motivou o contrato.

  • Plano de Estabilidade.

  • Como xa informamos o pasado venres, rexeitamos o Plano presentado pola Administración. O SERGAS vai convocar unha reunión na próxima semana.
    No plano de estabilidade recóllese o baremo de selección de FEAS, tamén se recolle que este baremo establecerase segundo o artigo 67 do decreto 206/2005. Neste artigo recóllese unha puntuación pola entrevista persoal de 30 puntos. Se o baremo recolle 22 puntos de experiencia profesional, de manterse así, a puntuación da entrevista superaría todo o mérito da experiencia profesional. Isto non ten sentido. Desde a CIG-SAÚDE imos facer unha proposta de baremo.
  • Outros temas tratados:

  • Desde a CIG-SAÚDE preguntamos cando se van celebrar os cursos de manipulación de instalacións radioactivas. A celebración destes cursos, gratuítos, está acordado na acta de sinatura do pacto de contratacións temporais. Dinnos que xa están incluídos na programación do PEF (plano estratéxico de formación) que elabora a antiga FEGAS, quedaron en darnos información.