CIG-saúde fai público o documento do SERGAS

CIG-Saúde presentou, en rolda de prensa, o documento do SERGAS no que se regula a autoconcertación de tarde nos hospitais. Desde a Agrupación Médica da federación denuncian que se trata dun texto non negociado na Mesa Sectorial, que ten unha redacción confusa,e que está sendo interpretado e aplicado de xeito diferente por parte de distintos xerentes. Para a CIG, o documento, até agora non publicado, demostra que a Consellería de Sanidade carece dunha alternativa coherente para afrontar as listas de espera mediante a existencia de traballo estrutural de tarde nos hospitais.

1.- A anterior administración sanitaria chegara a un acordo inicial, na Mesa Sectorial, coa CIG e outros sindicatos para superar o sistema tradicional de peonadas, co que o noso sindicato nunca estivo de acordo. Aquel acordo plasmárase no documento “Redefinición do Complemento Específico” e, nel, vinculábase a autoconcertación ao mantemento da dedicación exclusiva dos facultativos e ao establecemento de traballo estrutural de tarde nos hospitais.

2.- Coa entrada do actual goberno, a CIG preguntou reiteradamente na Mesa Sectorial polo desenvolvemento daquel documento. A resposta da Directora de Recursos Humanos foi sempre a mesma: a Administración estaba a preparar un novo documento. Sen embargo, e até hoxe, a actual Administración non presentou documento algún na Mesa Sectorial relativo á autoconcertación.

3.- Por outra banda, no mes de agosto de 2009, a Conselleira anunciou a supresión das peonadas de tarde e fixo unha polémica campaña nos medios de comunicación na que se culpabilizaba ao goberno anterior, e as/os profesionais, da perversión das peonadas. Segundo afirmaba a administración, o elemento esencial para reducir as listas de espera era aumentar a actividade en horario de maña e ían introducir medidas para conseguilo.

4.- Pasado máis de un ano desde aquela, as consecuencias reais da decisión de eliminar as peonadas son hoxe evidentes: un importante incremento das listas de espera, tanto cirúrxicas como de consultas, malia que se pretenda ocultar este feito dicindo que houbo unha redución das listas no caso da prioridade 1.

5.- Nos últimos meses a Consellería comezou, ás agachadas, a restaurar o sistema de peonadas. Sen publicidade algunha, para que non ficara claro que daba marcha atrás, a administración estableceu unhas novas condicións laborais e retributivas para o persoal que traballe na autoconcertación de tarde, condicións que quedaron reflictido no documento “Instrucción sobre a planificación da autoconcertación de programas asistenciais nos centros das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde”, que hoxe fai público a CIG. Ese documento, até hoxe “clandestino” foi elaborado e distribuido a todas as xerencias dos hospitais sen ningún tipo de publicidade, e en ningún momento foi debatido na mesa sectorial, como é preceptivo facelo cando se modifican as condicións laborais ou retributivas dos profesionais da sanidade pública.

6.- O documento é malo e contraditorio, e a súa redacción é confusa; nel, o concepto de “consulta de alta resolución”, que pretende ser un dos elementos centrais do documento, é abordado dun xeito especialmente confuso. Ademais, ao non ser público, senta as bases para seguir mantendo un dos peores aspectos das peonadas tradicionais: a posibilidade de negociacións individuais cos distintos profesionais e servizos, por parte das direccións dos hospitais.

7.- A falta de claridade do documento, e o seu caracter “clandestino”, está provocando unha grande variabilidade na súa aplicación práctica. Na maioría dos hospitais as direccións dos hospitais simplemente non o aplican e, pouco a pouco, están volvendo a aplicar o sistema tradicional de peonadas; e naqueles hospitais nos que os xerentes están aplicar o documento, están a facelo de xeito claramente heteroxeneo.

8.- A CIG chama a Consellería de sanidade a que aborde o problema de organizar o traballo de tarde nos hospitais con seriedade. O noso sindicato é contrario ao sistema tradicional de peonadas e defende a necesidade de organizar dun xeito estrutural ese traballo, pactando as súas condicións na mesa sectorial.

 

Artigo de Avantar.


Nota de prensa .

 

Documento de instruccións sobre autoconcertación .