Información das reunións sobre contratacións celebradas no SERGAS o 29 de Abril de 2011 Imprimir Correo-e
Contratacións - Noticias

1.   Comisión Central de Seguimento do Pacto.
Vínculos de Servizos Determinados. Desde CIG-Saúde vimos pedindo reiteradamente, e despois de que xurdiran problemas por esta cuestión en Verín e O Salnés, que os contratos que se fagan por servizos determinados sexan cubertos  por aspirantes  da lista chamados  con criterio  de  primeiros,  posto que normalmente acaban converténdose en contratos de longa duración, ás veces moi longa. Nas áreas que mencionamos danse casos mesmo de xente das listas automáticas cubrindo servizos determinados  desde hai meses porque no seu momento non se realizou o chamamento ao primeiro da lista para longa duración.
En diversas ocasións temos esixido ao SERGAS unhas instrucións polas que este tipo de contratos debían de contratarse con criterio de primeiro de lista, obtendo sempre silencio ou escusas vagas como resposta.
Hoxe insisten en que non queren facer esas instrucións e agora din que é porque se vai negociar unha nova orde de vínculos. Desde CIG-Saúde respostamos que a orde de vínculos sairá, como moi cedo, en decembro e que ata aquela seguirá habendo problemas por esta cuestión. Advertimos que se a semana que vén  non  se  envían  esas  instrucións  procederemos  a  denunciar  o  tema  e a  facer  as  mobilizacións pertinentes. Esa mesma tarde recibimos unha mensaxe na que se nos indica que foi enviada polo SERGAS á Dirección Provincial de Ourense unha instrución para que procedan a realizar os chamamentos destes contratos con criterio de primeiro, dado que din que nas outras Direccións Provinciais xa o facían así. Isto haberá que comprobalo, posto que no Salnés si que houbo problemas deste tipo.

2.   Información Novo Pacto e Expedient-e.
O novo pacto xa está enviado a DOG. Sairá seguramente a finais de maio. Unha vez que se publique convocarán  a  Comisión  de Seguimento  do  Novo  Pacto  para  empezar  cos  traballos  de  realizar as instrucións e aclaracións que fallan (din que xa teñen bastante avanzado). Tamén convocarán durante o mes de maio a Comisión Técnica de OPE para ultimar a cuestión do baremo.

Informan de que se vai incorporar aos traballos de contratación e do expedient-e Ana Comesaña.

O expedient-e xa dispón dunha base de datos de 120.000 cursos.
Prevén que a plataforma informática estea visible a partir de xuño para que a xente poida ir metendo nela os datos que falten. Publicarán unha resolución ao efecto. Polo momento só o poderá facer o persoal que xa traballara algunha vez no SERGAS e farano a través do FIDES. A xente que nunca traballara no SERGAS deberá esperar a setembro para poder acceder e actualizar os seus méritos. O feito de actualizar méritos non implica inscrición nas listas. Para inscribirse haberá que facelo en setembro, no momento en que se publique outra resolución que dará instrucións sobre como facelo. Nesta primeira posta en marcha do expedient-e TODO O MUNDO, é dicir, @s que xa figuraban en listas e @s que non, deberán facer a inscrición, inda que só as persoas que se inscriban por primeira vez pagarán taxas.
Os cursos e demais méritos que se vaian engadindo serán catalogados en Servizos Centrais, para que haxa unidade de criterio e non se produzan as disparidades que se producían co sistema anterior.
Deste xeito o mesmo mérito puntuará igual para todo o mundo e non en función da Dirección Provincial de quenda.
O baremo non será cargado ata setembro, inda que esperan que saia publicado en maio, unha vez que se clarifique na Comisión Técnica de OPE.