Principal

REAL DECRETO 1215/1997, do 18 de xullo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipos de traballo

 

     

Sumario

 

Artigo 1. Obxecto.

Artigo 2. Definicións.

Artigo 3. Obrigas xerais do empresario.

Artigo 4. Comprobación dos equipos de traballo.

Artigo 5. Obrigas en materia de formación e información.

Artigo 6. Consulta e participación dos traballadores.

Disposición transitoria única. Adaptación de equipos de traballo.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

Disposición final primeira. Guía técnica.

Disposición final segunda. Facultades de desenvolvemento.

Disposición final terceira. Entrada en vigor.

 

ANEXO I

Disposicións mínimas aplicables aos equipos de traballo

 

ANEXO II

Disposicións relativas á utilización dos equipos de traballo

 

 

 

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, determina o corpo básico de garantías e responsabilidades preciso para establecer un axeitado nivel de protección da saúde dos traballadores fronte aos riscos derivados das condicións de traballo, no marco dunha política coherente, coordinada e eficaz. Segundo o artigo 6 desta, serán as normas regulamentarias as que irán fixando e concretando os aspectos máis técnicos das medidas preventivas.

 

Así, son as normas de desenvolvemento regulamentario as que deben fixar as medidas mínimas que se deben adoptar para a axeitada protección dos traballadores. Entre elas están as destinadas a garantir que da presencia ou utilización dos equipos de traballo postos a disposición dos traballadores na empresa ou centro de traballo non se deriven riscos para a seguridade ou saúde destes.

 

Igualmente, o Convenio número 119 da Organización Internacional do Traballo, do 25 de xuño de 1963, ratificado polo estado español o 26 de novembro de 1971, establece diversas disposicións, relativas á protección da maquinaria, orientadas a evitar riscos para a integridade física dos traballadores. Tamén o Convenio número 155 da Organización Internacional do Traballo, do 22 de xuño de 1981, ratificado polo estado español o 26 de xullo de 1985, establece nos seus artigos 5, 11, 12 e 16 diversas disposicións relativas a maquinaria e demais equipos de traballo co fin de previr os riscos de accidentes e outros danos para a saúde dos traballadores.

 

No mesmo senso, cómpre ter en conta que no ámbito da Unión Europea se fixaron, mediante as correspondentes Directivas, criterios de carácter xeral sobre as accións en materia de seguridade e saúde nos centros de traballo, así como criterios específicos referidos a medidas de protección contra accidentes e situacións de risco. Concretamente, a Directiva 89/655/CEE, do 30 de novembro, modificada pola Directiva 95/63/CE, do 5 de decembro, establece as disposicións mínimas de seguridade e de saúde para a utilización polos traballadores no traballo dos equipos de traballo. Mediante este Real Decreto procédese á transposición ao dereito español das Directivas antes mencionadas.

 

Na súa virtude, de conformidade co artigo 6 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención dos Riscos Laborais, a proposta dos Ministros de Traballo e Asuntos Sociais e de Industria e Enerxía, consultadas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas, oída a Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, de acordo co Consello de Estado e logo de deliberación previa do Consello de Ministros na súa xuntanza do día 18 de xullo de 1997.

 

      DISPOÑO:

 

Artigo 1. Obxecto.

 índice^

1. Este Real Decreto establece, no marco da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización dos equipos de traballo empregados polos traballadores no traballo.

 

2. As disposicións do Real Decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos Servicios de Prevención, aplicaranse plenamente ao conxunto do ámbito establecido no apartado anterior, sen prexuízo das disposicións específicas que se conteñen neste Real Decreto.

 

Artigo 2. Definicións.

 índice^

Para efectos deste Real Decreto, entenderase por:

 

a) Equipo de traballo: calquera máquina, aparello, instrumento ou instalación utilizado no traballo.

 

b) Utilización dun equipo de traballo: calquera actividade referida a un equipo de traballo, tal como a posta en marcha ou a detención, o emprego, o transporte, a reparación, a transformación, o mantemento e a conservación, incluída, en particular, a limpeza.

 

c) Zona perigosa: calquera zona situada no interior ou arredor dun equipo de traballo na que a presencia dun traballador exposto entrañe un risco para a súa seguridade ou para a súa saúde.

 

d) Traballador exposto: calquera traballador que estea total ou parcialmente nunha zona perigosa.

 

e) Operador do equipo: o traballador encargado da utilización dun equipo de traballo.

 

Artigo 3. Obrigas xerais do empresario.

índice^ 

1. O empresario adoptará as medidas necesarias para que os equipos de traballo que se poñan a disposición dos traballadores sexan axeitados ao traballo que se teña que realizar e convenientemente adaptados a este, de xeito que garantan a seguridade e a saúde dos traballadores ao utilizar estes equipos de traballo.

 

Cando non sexa posible garantir deste xeito totalmente a seguridade e a saúde dos traballadores durante a utilización dos equipos de traballo, o empresario tomará as medidas adecuadas para reducir tales riscos ao mínimo.

 

En calquera caso, o empresario deberá utilizar unicamente equipos que satisfagan:

 

a) Calquera disposición legal ou regulamentaria que lles sexa de aplicación.

 

b) As condicións xerais previstas no anexo I deste Real Decreto.

 

2. Para a elección dos equipos de traballo o empresario deberá ter en conta os seguintes factores:

 

a) As condicións e características específicas do traballo a desenvolver.

 

b) Os riscos existentes para a seguridade e saúde dos traballadores no lugar de traballo e, en particular, nos postos de traballo, así como os riscos que se poidan derivar da presencia ou utilización destes equipos ou agravarse por eles.

 

c) Se é o caso, as adaptacións necesarias para a súa utilización por traballadores discapacitados.

 

3. Para a aplicación das disposicións mínimas de seguridade e saúde establecidas neste Real Decreto, o empresario terá en conta os principios ergonómicos, especialmente canto ao deseño do posto de traballo e a posición dos traballadores durante a utilización do equipo de traballo.

 

4. A utilización dos equipos de traballo deberá cumprir as condicións xerais establecidas no anexo II deste Real Decreto.

 

Cando, co fin de evitar ou controlar un risco específico para a seguridade ou saúde dos traballadores, a utilización dun equipo de traballo se deba realizar en condicións ou formas determinadas, que requiran un particular coñecemento por parte daqueles, o empresario adoptará as medidas necesarias para que a utilización do dito equipo quede reservada aos traballadores designados para iso.

 

5. O empresario adoptará as medidas necesarias para que, mediante un mantemento axeitado, os equipos de traballo se conserven durante todo o tempo de utilización nunhas condicións tales que satisfagan as disposicións do segundo parágrafo do apartado 1. Este mantemento realizarase tendo en conta as instruccións do fabricante ou, no seu defecto, as características destes equipos, as súas condicións de utilización e calquera outra circunstancia normal ou excepcional que poida influír na súa deterioración ou desaxuste.

 

As operacións de mantemento, reparación ou transformación dos equipos de traballo, cunha realización que supoña un risco específico para os traballadores, só poderán ser encomendadas ao persoal especialmente capacitado para iso.

 

Artigo 4. Comprobación dos equipos de traballo.

índice^ 

1. O empresario adoptará as medidas necesarias para que aqueles equipos de traballo a seguridade dos cales dependa das súas condicións de instalación se sometan a unha comprobación inicial, logo da súa instalación e antes da posta en marcha por primeira vez, e a unha nova comprobación despois de cada montaxe nun novo lugar ou emprazamento, co fin de asegurar a correcta instalación e o bo funcionamento dos equipos.

 

2. O empresario adoptará as medidas necesarias para que aqueles equipos de traballo sometidos a influencias susceptibles de ocasionar deterioracións que poidan xerar situacións perigosas estean suxeitos a comprobacións e, se é o caso, probas de carácter periódico, co fin de asegurar o cumprimento das disposicións de seguridade e de saúde e de remediar a tempo estas deterioracións.

 

Igualmente, deberanse realizar comprobacións adicionais de tales equipos cada vez que se produzan acontecementos excepcionais, tales como transformacións, accidentes, fenómenos naturais ou falta prolongada de uso, que poidan ter consecuencias prexudiciais para a seguridade.

 

3. As comprobacións efectuaraas persoal competente.

 

4. Os resultados das comprobacións deberanse documentar e estar a disposición da autoridade laboral. Estes resultados deberanse conservar durante toda a vida útil dos equipos.

 

Cando os equipos de traballo se empreguen fóra da empresa, deberán ir acompañados dunha proba material da realización da última comprobación.

 

5. Os requisitos e condicións das comprobacións dos equipos de traballo axustaranse ao establecido na normativa específica que lles sexa de aplicación.

 

Artigo 5. Obrigas en materia de formación e información.

índice^ 

1. De conformidade cos artigos 18 e 19 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, o empresario deberá garantir que os traballadores e os representantes dos traballadores reciban unha formación e información axeitadas sobre os riscos derivados da utilización dos equipos de traballo, así como sobre as medidas de prevención e protección que se teñan que adoptar en aplicación deste Real Decreto.

 

2. A información, subministrada preferentemente por escrito, deberá conter, como mínimo, as indicacións relativas a:

 

a) As condicións e forma correcta de utilización dos equipos de traballo, tendo en conta as instruccións do fabricante, así como as situacións ou formas de utilización anormais e perigosas que se poidan prever.

 

b) As conclusións que, se é o caso, se poidan obter da experiencia adquirida na utilización dos equipos de traballo.

 

c) Calquera outra información de utilidade preventiva.

 

A información deberá ser comprensible para os traballadores aos que vai dirixida e incluír ou presentarse en forma de folletos informativos cando sexa preciso polo seu volume ou complexidade ou pola utilización pouco frecuente do equipo. A documentación informativa facilitada polo fabricante estará a disposición dos traballadores.

 

3. Igualmente, informarase aos traballadores sobre a necesidade de prestar atención aos riscos derivados dos equipos de traballo presentes no seu contorno de traballo inmediato, ou das modificacións introducidas nestes, mesmo cando non os utilicen directamente.

 

4. Os traballadores a que se refiren os apartados 4 e 5 do artigo 3 deste Real Decreto deberán recibir unha formación específica axeitada.

 

Artigo 6. Consulta e participación dos traballadores.

índice^ 

A consulta e participación dos traballadores ou os seus representantes sobre as cuestións ás que se refire este Real Decreto realizaranse de conformidade co establecido no apartado 2 do artigo 18 da Lei de Prevención de Riscos Laborais.

 

 

Disposición transitoria única. Adaptación de equipos de traballo.

índice^ 

1. Os equipos de traballo que na data de entrada en vigor deste Real Decreto estivesen a disposición dos traballadores na empresa ou centro de traballo deberanse axustar ao establecido no apartado 1 do anexo I no prazo de doce meses desde a citada entrada en vigor.

 

Non obstante, cando en determinados sectores por situacións específicas obxectivas dos seus equipos de traballo suficientemente acreditadas non se poida cumprir o prazo establecido no parágrafo anterior, a autoridade laboral, a pedimento razoado das organizacións empresariais máis representativas do sector, e logo de consulta previa coas organizacións sindicais máis representativas neste, poderá autorizar excepcionalmente un Plano de Posta en Conformidade cos equipos de traballo de duración non superior a cinco anos, tendo en conta a gravidade, transcendencia e importancia da situación obxectiva alegada. Este Plano deberá ser presentado á autoridade laboral no prazo máximo de nove meses desde a entrada en vigor deste Real Decreto e resolverase en prazo non superior a tres meses, tendo a falta de resolución expresa efecto desestimatorio.

 

A aplicación do Plano de Posta en Conformidade ás empresas afectadas efectuarase mediante solicitude destas á autoridade laboral para a súa aprobación e deberá especificar a consulta aos representantes dos traballadores a gravidade, transcendencia e importancia dos problemas técnicos que impiden o cumprimento do prazo establecido, os detalles da posta en conformidade e as medidas preventivas alternativas que garantan as axeitadas condicións de seguridade e saúde dos postos de traballo afectados.

 

No caso dos equipos de traballo utilizados nas explotacións mineiras, as funcións que se recoñecen á autoridade laboral nos parágrafos anteriores serán desenvolvidas polas administracións públicas competentes en materia de minas.

 

2. Os equipos de traballo establecidos no apartado 2 do anexo I que o 5 de decembro de 1998 estivesen a disposición dos traballadores na empresa ou centro de traballo deberanse axustar nun prazo máximo de catro anos que se contarán desde a data citada ás disposicións mínimas establecidas no dito apartado.

 

 

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

índice^ 

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste Real Decreto e, expresamente, os capítulos VIII, IX, X, XI e XII do Título II da Ordenanza Xeral de Seguridade e Hixiene no Traballo, aprobada por Orde do 9 de marzo de 1971, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria e na disposición final segunda.

 

 

Disposición final primeira. Guía técnica.

índice^ 

O Instituto Nacional da Seguridade e Hixiene no Traballo, de acordo co establecido no apartado 3 do artigo 5 do Real Decreto 3971997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos Servicios de Prevención, elaborará e manterá actualizada unha Guía técnica, de carácter non vinculante, para a avaliación e prevención dos riscos relativos á utilización dos equipos de traballo.

 

Disposición final segunda. Facultades de desenvolvemento.

índice^ 

Autorízase ao Ministro de Traballo e Asuntos Sociais, logo de informe favorable do de Industria e Enerxía, e logo de informe da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, a dictar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación e desenvolvemento deste Real Decreto, así como para as adaptacións de carácter estrictamente técnico dos seus anexos en función do progreso técnico e da evolución de normativas ou especificacións internacionais ou dos coñecementos en materia de equipos de traballo.

 

Disposición final terceira. Entrada en vigor.

índice^ 

Este Real Decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Boletín Oficial do Estado, agás o apartado 2 do anexo I e os apartados 2 e 3 do anexo II que entrarán en vigor o 5 de decembro de 1998.

 

Madrid, 18 de xullo de 1997

 

[BOE núm. 188, do 7 de agosto de 1997]


ANEXO I

 

Disposicións mínimas aplicables aos equipos de traballo

índice^ 

 

OBSERVACIÓN PRELIMINAR

 

As disposicións que se indican a seguir só serán de aplicación se o equipo de traballo dá lugar ao tipo de risco para o que se especifica a medida correspondente.

 

No caso dos equipos de traballo que xa estean en servicio na data de entrada en vigor deste Real Decreto, a aplicación das citadas disposicións non requirirá necesariamente a adopción das mesmas medidas que as aplicadas aos equipos de traballo novos.

 

1. Disposicións mínimas xerais aplicables aos equipos de traballo

 

1. Os órganos de accionamento dun equipo de traballo que teñan algunha incidencia na seguridade deberán ser claramente visibles e identificables e, cando corresponda, estar indicados cunha sinalización axeitada.

 

Os órganos de accionamento deberán estar situados fóra das zonas perigosas, agás, se for preciso, no caso de determinados órganos de accionamento, de forma que a súa manipulación non poida ocasionar riscos adicionais. Non deberán xerar riscos como consecuencia dunha manipulación involuntaria.

 

De ser necesario, o operador do equipo deberá asegurarse desde o posto de mando principal da ausencia de persoas nas zonas perigosas. Se isto non fose posible, a posta en marcha deberá ir sempre precedida automaticamente dun sistema de alerta, tal como un sinal de advertencia acústica ou visual. O traballador exposto deberá dispoñer do tempo e dos medios suficientes para subtraerse rapidamente dos riscos provocados pola posta en marcha ou a detención do equipo de traballo.

 

Os sistemas de mando deberán estar seguros e elixirse tendo en conta os posibles erros, perturbacións e os requirimentos previsibles, nas condicións de uso previstas.

 

2. A posta en marcha dun equipo de traballo soamente se poderá efectuar mediante unha acción voluntaria sobre un órgano de accionamento previsto para tal efecto.

 

O mesmo ocorrerá para a posta en marcha tras unha parada, sexa cal for a causa desta última, e para introducir unha modificación importante nas condicións de funcionamento (por exemplo, velocidade, presión, etc.) agás se esta posta en marcha ou modificación non presenta risco ningún para os traballadores expostos ou son resultantes da secuencia normal dun ciclo automático.

 

3. Cada equipo de traballo deberá estar provisto dun órgano de accionamento que permita a súa parada total en condicións de seguridade.

 

Cada posto de traballo estará provisto dun órgano de accionamento que permita parar en función dos riscos existentes, ou ben todo o equipo de traballo ou ben unha parte deste soamente, de xeito que o dito equipo quede en situación de seguridade. A orde de parada do equipo de traballo terá prioridade sobre as ordes de posta en marcha. Unha vez obtida a parada do equipo de traballo ou dos seus elementos perigosos, interromperase a subministración de enerxía dos órganos de accionamento de que se trate.

 

Se for preciso en función dos riscos que presente un equipo de traballo e do tempo de parada normal, este equipo deberá estar provisto dun dispositivo de parada de emerxencia.

 

4. Calquera equipo de traballo que entrañe risco de caída de obxectos ou de proxeccións deberá estar provisto de dispositivos de protección axeitados a estes riscos.

 

5. Calquera equipo de traballo que entrañe risco por emanación de gases, vapores ou líquidos ou por emisión de po deberá estar provisto de dispositivos axeitados de captación ou extracción preto da fonte emisora correspondente.

 

6. Se for preciso para a seguridade ou a saúde dos traballadores, os equipos de traballo e os seus elementos deberán estabilizarse por fixación ou por outros medios. Os equipos de traballo cunha utilización prevista que requira que os traballadores se sitúen sobre estes deberán dispoñer dos medios axeitados para garantir que o acceso e permanencia neses equipos non supoña un risco para a súa seguridade e saúde. En particular, cando exista risco de caída de altura de máis de 2 metros, deberán dispoñer de varandas ríxidas dunha altura mínima de 90 centímetros, ou de calquera outro sistema que proporcione unha protección equivalente.

 

7. Nos casos en que exista risco de estourido ou de rotura de elementos dun equipo de traballo que poida afectar significativamente a seguridade ou a saúde dos traballadores deberanse adoptar as medidas de protección axeitada.

 

8. Cando os elementos móbiles dun equipo de traballo poidan entrañar riscos de accidente por contacto mecánico, deberán ir equipados con resgardos ou dispositivos que impidan o acceso ás zonas perigosas ou que deteñan as manobras perigosas antes do acceso ás ditas zonas.

 

Os resgardos e os dispositivos de protección:

 

a) Serán de fabricación sólida e resistente.

 

b) Non ocasionarán riscos suplementarios.

 

c) Non deberá ser doada anulalos ou poñelos fóra de servicio.

 

d) Deberán estar situados a suficiente distancia da zona perigosa.

 

e) Non deberán limitar máis do imprescindible ou necesario a observación do ciclo de traballo.

 

f) Deberán permitir as intervencións indispensables para a colocación ou a substitución das ferramentas, e para os traballos de mantemento, limitando o acceso unicamente ao sector en que se deba realizar o traballo sen desmontar, de ser posible, o resgardo ou o dispositivo de protección.

 

9. As zonas e puntos de traballo ou de mantemento dun equipo de traballo deberán estar adecuadamente iluminadas en función das tarefas que se deban realizar.

 

10. As partes dun equipo de traballo que alcancen temperaturas elevadas ou moi baixas deberán estar protexidas cando corresponda contra os riscos de contacto ou a proximidade dos traballadores.

 

11. Os dispositivos de alarma do equipo de traballo deberán ser perceptible e comprensibles de xeito doado e sen ambigüidades.

 

12. Todo equipo de traballo deberá estar provisto de dispositivos claramente identificables que permitan separalo de cada unha das fontes de enerxía.

 

13. O equipo de traballo deberá levar as advertencias e sinalizacións indispensables para garantir a seguridade dos traballadores.

 

14. Todo equipo de traballo deberá ser axeitado para protexer os traballadores contra os riscos de incendio, de quecemento do propio equipo ou de emanacións de gases, pos, líquidos, vapores ou outras substancias producidas, utilizadas ou almacenadas por este. Os equipos de traballo que se utilicen en condicións ambientais climatolóxicas ou industriais agresivas que supoñan un risco para a seguridade e saúde dos traballadores deberán estar acondicionados para o traballo nos ditos ambientes e dispoñer, se é o caso, de sistemas de protección axeitados, tales como cabinas ou outros.

 

15. Todo equipo de traballo deberá ser adecuado para previr o risco de explosión, tanto do equipo de traballo como das substancias producidas, utilizadas ou almacenadas por este.

 

16. Todo equipo de traballo deberá ser axeitado para protexer os traballadores expostos contra o risco de contacto directo ou indirecto coa electricidade. En calquera caso, as partes eléctricas dos equipos de traballo deberanse axustar ao establecido na normativa específica correspondente.

 

17. Todo equipo de traballo que entrañe riscos por ruído, vibracións ou radiacións deberá dispoñer das proteccións ou dispositivos axeitados para limitar, na medida do posible, a xeración e propagación destes axentes físicos.

 

18. Os equipos de traballo para o almacenamento, trasfega ou tratamento de líquidos corrosivos ou a alta temperatura deberán dispoñer das proteccións axeitadas para evitar o contacto accidental dos traballadores con estes.

 

19. As ferramentas manuais deberán estar construídas con materiais resistentes e a unión entre os seus elementos deberá ser firme, de xeito que se eviten as roturas ou proxeccións destes. Os seus mangos ou empuñaduras deberán ser de dimensións adecuadas, sen bordos agudos nin superficies esvaradías, e illantes en caso necesario.

 

2. Disposicións mínimas adicionais aplicables a determinados equipos de traballo

 

1. Disposicións mínimas aplicables aos equipos de traballo móbiles, sexan automotores ou non:

 

a) Os equipos de traballo móbiles con traballadores transportados deberanse adaptar de xeito que se reduzan os riscos para o traballador ou traballadores durante o desprazamento.

 

Entre estes riscos deberanse incluír os de contacto dos traballadores con rodas e eirugas e de aprisionamento por estas.

 

b) Cando o bloqueo imprevisto dos elementos de transmisión de enerxía entre un equipo de traballo móbil e os seus accesorios ou remolques poida ocasionar riscos específicos, o dito equipo deberá ser equipado ou adaptado de xeito que se impida o bloqueo.

 

Cando non se poida impedir este, deberanse tomar todas as medidas necesarias para evitar as consecuencias prexudiciais para os traballadores.

 

c) Deberanse prever medios de fixación dos elementos de transmisión de enerxía entre equipos de traballo móbiles cando exista o risco de que estes elementos se atasquen ou deterioren ao arrastrárense polo chan.

 

d) Nos equipos de traballo móbiles con traballadores transportados deberanse limitar, nas condicións efectivas de uso, os riscos provocados por unha inclinación ou por un envorcamento do equipo de traballo, mediante calquera das seguintes medidas:

 

1ª. Unha estructura de protección que impida que o equipo de traballo se incline máis dun cuarto de volta.

 

2ª. Unha estructura que garanta un espacio suficiente arredor do traballador ou traballadores transportados cando o equipo se poida inclinar máis dun cuarto de volta.

 

3ª. Calquera outro dispositivo de alcance equivalente.

 

Estas estructuras de protección poderán formar parte integrante do equipo de traballo.

 

Non se requirirán estas estructuras de protección cando o equipo de traballo estea estabilizado durante o seu emprego ou cando o deseño faga imposible a inclinación ou envorcamento do equipo de traballo.

 

Cando en caso de inclinación ou de envorcamento exista para un traballador transportado risco de esmagamento entre partes do equipo de traballo e o chan, deberase instalar un sistema de retención do traballador ou traballadores transportados.

 

e) Os carretas elevadoras ocupadas por un ou varios traballadores deberán estar acondicionadas ou equipadas para limitar os riscos de envorcamento mediante medidas tales como as seguintes:

 

1ª. A instalación dunha cabina para o conductor.

 

2ª. Unha estructura que impida que a carreta elevadora envorque.

 

3ª. Unha estructura que garanta que, no caso de envorcamento da carreta elevadora, quede espacio abondo para o traballador ou os traballadores transportados entre o chan e determinadas partes da dita carreta.

 

4ª. Unha estructura que manteña ao traballador ou traballadores sobre o asento de conducción e impida que poidan quedar atrapados por partes da carreta envorcada.

 

f) Os equipos de traballo móbiles automotores o desprazamento dos cales poida ocasionar riscos para os traballadores deberán reunir as seguintes condicións:

 

1ª. Deberán contar cos medios que permitan evitar unha posta en marcha non autorizada.

 

2ª. Deberán contar cos medios axeitados que reduzan as consecuencias dunha posible colisión en caso de movemento simultáneo de varios equipos de traballo que roden sobre raís.

 

3ª. Deberán contar cun dispositivo de freado e parada; na medida en que o esixa a seguridade, un dispositivo de emerxencia accionado por medio de mandos doadamente accesibles ou por sistemas automáticos deberá permitir o freado e a parada en caso de que falle o dispositivo principal.

 

4ª. Deberán contar con dispositivos auxiliares axeitados que melloren a visibilidade cando o campo directo de visión do conductor sexa insuficiente para garantir a seguridade.

 

5ª. Se están previstos para uso nocturno ou en lugares escuros, deberán contar cun dispositivo de iluminación adaptado ao traballo que se deba efectuar e garantir unha seguridade suficiente para os traballadores.

 

6ª. Se entrañan riscos de incendio, por eles mesmos ou debido aos seu remolques ou cargas, que poidan poñer en perigo aos traballadores, deberán contar con dispositivos apropiados de loita contra incendios, agás cando o lugar de utilización estea equipado con eles en puntos suficientemente próximos.

 

7ª. Se se manexan a distancia, deberanse parar automaticamente ao saír do campo de control.

 

8º.- Se se manexan a distancia e se, en condicións normais de utilización, poden chocar cos traballadores ou aprisionalos, deberán estar equipados con dispositivos de protección contra eses riscos, agás cando existan outros dispositivos axeitados para controlar o risco de choque.

 

g) Os equipos de traballo que pola súa mobilidade ou pola das cargas que despracen poida supoñer un risco, nas condicións de uso previstas, para a seguridade dos traballadores situados nas súas proximidades, deberán ir provistos dunha sinalización acústica de advertencia.

 

2. Disposicións mínimas aplicables aos equipos de traballo para elevación de cargas:

 

a) Os equipos de traballo para a elevación de cargas deberán estar instalados firmemente cando se trate de equipos fixos, ou dispoñer dos elementos ou condicións necesarias nos casos restantes, para garantir a súa solidez e estabilidade durante o emprego, tendo en conta, en particular, as cargas que se deben levantar e as tensións inducidas nos puntos de suspensión ou de fixación ás estructuras.

 

b) Nas máquinas para elevación de cargas deberá figurar unha indicación claramente visible da súa carga nominal e, se é o caso, unha placa de carga que estipule a carga nominal de cada configuración da máquina.

 

Os accesorios de elevación deberán estar marcados de tal xeito que se poidan identificar as características esenciais para un uso seguro.

 

Se o equipo de traballo non está destinado á elevación de traballadores e existe a posibilidade de confusión, deberase fixar unha sinalización axeitada de maneira visible.

 

c) Os equipos de traballo instalados de forma permanente deberanse instalar de xeito que se reduza o risco de que a carga caia en picado, se solte ou se desvíe involuntariamente de forma perigosa ou, por calquera outro motivo, bata nos traballadores.

 

d) As máquinas para elevación ou desprazamento de traballadores deberán posuír as características apropiadas para:

 

1º. Evitar, por medio de dispositivos apropiados, os riscos de caída do habitáculo, cando existan tales riscos.

 

2º. Evitar os riscos de caída do usuario fóra do habitáculo, cando existan tales riscos.

 

3º. Evitar os riscos de esmagamento, aprisionamento ou choque do usuario, en especial os debidos a un contacto fortuíto con obxectos.

 

4º. Garantir a seguridade dos traballadores que en caso de accidente queden bloqueados no habitáculo e permitir a súa liberación.

 

Se por razóns inherentes ao lugar e ao desnivel os riscos previstos no parágrafo 1º anterior non se poden evitar por medio de ningún dispositivo de seguridade, deberase instalar un cable con coeficiente de seguridade reforzado; o bo estado deste cable hase comprobar todos os días de traballo.


ANEXO II

 

Disposicións relativas á utilización dos equipos de traballo

índice^ 

 

OBSERVACIÓN PRELIMINAR

 

As disposicións deste anexo aplicaranse cando exista o risco correspondente para o equipo de traballo considerado.

 

1. Condicións xerais de utilización dos equipos de traballo

 

1. Os equipos de traballo instalaranse, dispoñeranse e utilizaranse de xeito que se reduzan os riscos para os usuarios do equipo e para os demais traballadores.

 

Na súa montaxe terase en conta a necesidade de suficiente espacio libre entre os elementos móbiles dos equipos de traballo e os elementos fixos ou móbiles do seu contorno e dos que se poidan subministrar ou retirar de maneira segura as enerxías e substancias utilizadas ou producidas polo equipo.

 

2. Os traballadores deberán poder acceder e permanecer en condicións de seguridade en todos os lugares necesarios para utilizar, axustar ou manter os equipos de traballo.

 

3. Os equipos de traballo non se deberán utilizar de forme ou en operacións ou en condicións contraindicadas polo fabricante. Tampouco se poderán utilizar sen os elementos de protección previstos para a realización da operación de que se trate.

 

Os equipos de traballo só se poderán utilizar de forma ou en operacións ou en condicións non consideradas polo fabricante se previamente se realizou unha avaliación dos riscos que isto implicaría e se tomaron as medidas pertinentes para a súa eliminación ou control.

 

4. Antes de utilizar un equipo de traballo, comprobarase que as súas proteccións e condicións de uso son as axeitadas e que a súa conexión ou posta en marcha non representa un perigo para terceiros.

 

Os equipos de traballo deixarán de se utilizar se se producen deterioracións, avarías ou outras circunstancias que comprometan a seguridade do seu funcionamento.

 

5. Cando se empreguen equipos de traballo con elementos perigosos accesibles que non poidan ser totalmente protexidos, deberanse adoptar as precaucións e utilizar as proteccións individuais apropiadas para reducir os riscos ao mínimo posible.

 

En particular, deberanse tomar as medidas precisas para evitar, se é o caso, o atrapamento de cabelo, roupas de traballo ou outros obxectos que puidese levar o traballador.

 

6. Cando durante a utilización dun equipo de traballo sexa preciso limpar ou retirar residuos próximos a un elemento perigoso, a operación deberase realizar cos medios auxiliares axeitados e que garantan unha distancia de seguridade suficiente.

 

7. Os equipos de traballo deberán ser instalados e utilizados de forma que non poidan caer, envorcar ou desprazarse de forma incontrolada, poñendo en perigo a seguridade dos traballadores.

 

8. Os equipos de traballo non se deberán someter a sobrecargas, sobrepresións, velocidades ou tensións excesivas que poidan poñer en perigo a seguridade do traballador que os utiliza ou a de terceiros.

 

9. Cando a utilización dun equipo de traballo poida dar lugar a proxeccións ou radiacións perigosas, sexa durante o seu funcionamento normal, sexa en caso de anomalía previsible, deberanse adoptar as medidas de prevención ou protección axeitadas para garantir a seguridade dos traballadores que os utilicen ou estean nas súas proximidades.

 

10. Os equipos de traballo levados ou guiados manualmente, o movemento dos cales poida supoñer un perigo para os traballadores situados nas súas proximidades, utilizaranse coas debidas precaucións, respectándose, en todo caso, unha distancia de seguridade suficiente. Para tal fin, os traballadores que os manexen deberán dispoñer de condicións axeitadas de control e visibilidade.

 

11. En ambientes especiais tales como locais mollados ou de alta conductividade, locais con alto risco de incendio, atmosferas explosivas ou ambientes corrosivos, non se empregarán equipos de traballo que no dito contorno supoñan un perigo para a seguridade dos traballadores.

 

12. Os equipos de traballo que poidan ser alcanzados polos raios durante a súa utilización deberán estar protexidos contra os seus efectos por dispositivos ou medidas axeitadas.

 

13. A montaxe e desmontaxe dos equipos deberase realizar de maneira segura, especialmente mediante o cumprimento das instruccións do fabricante cando as haxa.

 

14. As operacións de mantemento, axuste, desbloqueo, revisión ou reparación dos equipos de traballo que poidan supoñer un perigo para a seguridade dos traballadores realizaranse logo de parar ou desconectar o equipo, comprobar a inexistencia de enerxías residuais perigosas e tomar as medidas necesarias para evitar a súa posta en marcha ou conexión accidental mentres se estea a efectuar a operación.

 

Cando a parada ou desconexión non sexa posible, adoptaranse as medidas necesarias para que estas operacións se realicen de forma segura ou fóra das zonas perigosas.

 

15. Cando un equipo de traballo deba dispoñer dun diario de mantemento, este permanecerá actualizado.

 

16. Os equipos de traballo que se retiren de servicio deberán permanecer cos seus dispositivos de protección ou deberán tomarse as medidas necesarias para imposibilitar o seu uso. En caso contrario, estes equipos deberán permanecer cos seus dispositivos de protección.

 

17. As ferramentas manuais deberán ser de características e tamaño axeitados á operación que se vaia realizar. A súa colocación e transporte non deberá implicar riscos para a seguridade dos traballadores.

 

2. Condicións de utilización de equipos de traballo móbiles, automotores ou non

 

1. A conducción de equipos de traballo automotores estará reservada aos traballadores que recibisen unha formación específica para a conducción segura deses equipos de traballo.

 

2. Cando o equipo de traballo manobre nunha zona de traballo, deberanse establecer e respectar unhas normas de circulación axeitadas.

 

3. Deberanse adoptar medidas de organización para evitar que haxa traballadores a pé na zona de traballo de equipos de traballo automotores.

 

Se se require a presencia de traballadores a pé para a correcta utilización dos traballos, deberanse adoptar medidas apropiadas para evitar que resulten mancados polos equipos.

 

4. O acompañamento de traballadores en equipos de traballo móbiles movidos mecanicamente só se autorizará en emprazamentos seguros acondicionados para tal efecto. Cando se deban realizar traballo durante o desprazamento, a velocidade deberá adaptar se é preciso.

 

5. Os equipos de traballo móbiles dotados dun motor de combustión non se deberán empregar en zonas de traballo, agás se se garante nelas unha cantidade suficiente de aire que non supoña riscos para a seguridade e saúde dos traballadores.

 

3. Condicións de utilización de equipos de traballo para a elevación de cargas

 

1. Xeneralidades:

 

a) Os equipos de traballo desmontables ou móbiles que sirvan para a elevación de cargas deberán empregarse de xeito que se poida garantir a estabilidade do equipo durante o seu emprego nas condicións previsibles tendo en conta a natureza do chan.

 

b) A elevación de traballadores só estará permitida mediante equipos de traballo e accesorios previstos para tal efecto.

 

Non obstante, cando con carácter excepcional se teñan que utilizar para tal fin equipos de traballo non previstos para iso, deberanse tomar as medidas pertinentes para garantir a seguridade dos traballadores e dispoñer dunha vixilancia axeitada.

 

Durante a permanencia de traballadores en equipos de traballo destinados a levantar cargas, o posto de mando deberá estar ocupado permanentemente. Os traballadores elevados deberán dispoñer dun medio de comunicación seguro e deberá estar prevista a súa evacuación en caso de perigo.

 

c) A menos que fose preciso para efectuar correctamente os traballos, deberanse tomar medidas para evitar a presencia de traballadores baixo as cargas suspendidas.

 

Non estará permitido o paso das cargas por riba de lugares de traballo non protexidos, ocupados habitualmente por traballadores. Se isto non fose posible, por non se poder garantir a correcta realización dos traballos doutro xeito, deberanse definir e aplicar procedementos adecuados.

 

d) Os accesorios de elevación deberán seleccionarse en función das cargas que se manipulen, dos puntos de prensión, do dispositivo de enganche e das condicións atmosféricas, e tendo en conta a modalidade e a configuración do amarre. As ensamblaxes de accesorios de elevación deberán estar claramente marcados para permitir que o usuario coñeza as súas características, se non se desmontan logo do emprego.

 

e) Os accesorios de elevación deberanse almacenar de xeito que non se estraguen ou deterioren.

 

2. Equipos de traballo para a elevación de cargas non guiadas.

 

a) Se dous ou máis equipos de traballo para a elevación de cargas non guiadas se instalan ou se montan nun lugar de traballo de xeito que os seus campos de acción se solapen, deberanse adoptar medidas axeitadas para evitar as colisións entre as cargas ou os elementos dos propios equipos.

 

b) Durante o emprego dun equipo de traballo móbil para a elevación de cargas non guiadas, deberanse adoptar medidas para evitar o seu vaivén, envorcamento e, se é o caso, desprazamento ou escorregamento. Deberase comprobar a correcta realización destas medidas.

 

c) Se o operador dun equipo de traballo para a elevación de cargas non guiadas non pode observar o traxecto completo da carga nin directamente nin mediante os dispositivos auxiliares que faciliten as informacións útiles, deberase designar un encargado de sinais en comunicación co operador para guialo e deberanse adoptar medidas de organización para evitar colisións da carga que poidan poñer en perigo aos traballadores.

 

d) Os traballos deberanse organizar de xeito que, mentres un traballador estea colgando ou descolgando unha carga a man, poida realizar con toda seguridade esas operacións, garantindo en particular que o traballador conserve o control, directo ou indirecto, destas.

 

e) Todas as operacións de levantamento deberán estar correctamente planificadas, vixiadas axeitadamente e efectuadas co fin de protexer a seguridade dos traballadores.

 

En particular, cando dous ou máis equipos de traballo para a elevación de cargas non guiadas deban elevar simultaneamente unha carga, deberase elaborar e aplicar un procedemento co fin de garantir unha boa coordinación dos operadores.

 

f) Se algún equipo de traballo para a elevación de cargas non guiadas non pode manter as cargas en caso de avaría parcial ou total da alimentación de enerxía, deberanse adoptar medidas apropiadas para evitar que os traballadores se expoñan aos riscos correspondentes.

 

As cargas suspendidas non deberán quedar sen vixilancia, agás se é imposible o acceso á zona de perigo e se a carga se colgou con toda seguridade e se mantén de forma completamente segura.

 

g) O emprego ao aire libre de equipos de traballo para a elevación de cargas non guiadas deberá cesar cando as condicións meteorolóxicas se degraden deica o punto de causar prexuízo á seguridade de funcionamento e provocar dese xeito que os traballadores corran riscos. Deberanse adoptar medidas axeitadas de protección, destinadas especialmente a impedir o envorcamento do equipo de traballo, para lles evitar riscos aos traballadores.

 

[BOE núm. 188, 7 de agosto de 1997]

Comarcas CIG

Agrupacións con web

 

Reservados tódolos dereitos a Cig-saúde

Avda/ gregorio espino Nº 47 (Vigo)