Información sobre as cualificacións de TCAE e celador.

O MINISTERIO DE SANIDADE, COA COLABORACIÓN DAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS, IMPIDE A PROMOCIÓN PROFESIONAL DE TCAE E CELADORAS/ES.

Na reunión do Consello Xeral da Formación Profesional celebrada o día 30 de setembro de 2011, quedaron aprobadas as cualificacións profesionais e os niveis de:

    • Traslado e mobilización de usuarios e/ou doentes, documentación e material sanitario en centros sanitarios (Nivel 1).
    • Coidado Auxiliar Sanitario (Nivel 2).

CIG-SAÚDE solicitou que as cualificacións aprobadas deberían ser:

  • Traslado e mobilización de usuarios e/ou doentes, documentación e material sanitario en centros sanitarios (Nivel 2).
  • Coidado Auxiliar Sanitario (Nivel 3).

O Ministerio de Sanidade e as Comunidades Autónomas opuxéronse á nosa proposta sindical de adecuar as cualificacións profesionais á clasificación profesional recollida no Estatuto básico do Empregado Público.

  • No único punto no que cedeu o Ministerio de Sanidade foi en englobar a celadoras/es na rama sanitaria de Formación Profesional, xa que a súa pretensión inicial era encadralos en Traballos Para a Comunidade, co obxectivo de desvinculalas/os da Asistencia Sanitaria.
  • Nesta reunión a CIG amosou o seu rexeitamento á proposta do Ministerio de Sanidade, xa que nela as cualificacións non están directamente relacionadas co nivel formativo que deben ter estes colectivos, nin co desenvolvemento da súa actividade profesional. Desde o ano 2005, estas cualificacións profesionais foron retidas polo Ministerio de Sanidade e polas Comunidades Autónomas até que conseguiron o seu obxectivo, xa que para ser aprobadas as cualificacións profesionais é preceptivo o informe favorable do Ministerio de Sanidade.

Rebaixan cualificacións profesionais para rebaixar salarios, pero con estas cualificacións non se rebaixa nin o currículo formativo, nin as responsabilidades e cargas de traballo posteriores.

  • A Administración en lugar de facer un recoñecemento laboral e profesional destes colectivos, estase a comportar como unha patronal reaccionaria que o único que pretende é abaratar custes a cargo dos salarios das/os seus traballadoras/es. Ademais con estas cualificacións a Administración está a facer unha interpretación perversa da lexislación vixente, xa que non está a aplicar correctamente nin o artigo 3 da Lei 44/203, do 21 de novembro, "Profesións da área Sanitaria de Formación Profesional", nin o artigo 76 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público.

A CIG-SAÚDE seguirá reivindicando que TCAE teñan unha cualificación profesional de nivel 3, e celadoras/es teñan unha cualificación profesional de nivel 2.

A Administración non pode perpetuar a súa postura de ter persoal persoal cualificado a prezo de saldo.

feed-image
Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.org - secretarianacional@cig-saude.org