O TSJ DESESTIMA A DEMANDA EN CONTRA DA ESTATUTARIZACIÓN DAS FUNDACIÓNS PÚBLICAS

SENTENZA TRIBUNAL SUPERIOR XUSTIZA DE GALIZA SOBRE A LEGALIDADE DA ESTATUTARIZACIÓN DO PERSOAL DAS FUNDACIÓNS

O TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALIZA VEN DE AVALAR CUNHA SENTENZA A ESTATUTARIZACIÓN DO PERSOAL DAS FUNDACIÓNS, LOGO DE QUE DETERMINADAS PERSOAS INSTIGADAS POR ALGUNHA CENTRAL SINDICAL, PUXERAN UNHA DEMANDA EN CONTRA DA ESTATUTARIZACIÓN, O TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA (T.S.J.) DESESTIMA A DEMANDA E RESPALDA O PROCESO DE INTEGRACIÓN DO PERSOAL DAS FUNDACIÓNS NO SERGAS.

CIG-SAÚDE DENDE O PRINCIPIO DEFENDEU O PROCESO DE ESTATUTARIZACIÓN, COMO A MELLOR FÓRMULA PARA QUE O SERGAS RECUPERASE O PATRIMONIO QUE ESTABA CEDIDO A ENTIDADES SOMETIDAS AO DEREITO PRIVADO,  E FOI O ÚNICO SINDICATO QUE SE PERSONOU NO PROCESO EN DEFENSA DA LEGALIDADE DA INTEGRACIÓN DO PERSOAL (A TRAVÉS DO SEU AVOGADO HECTOR LOPEZ DE CASTRO ).

Ver sentenza.

A ELIMINACIÓN DAS GARDAS NOS HOSPITAIS COMARCAIS, O ANEL, A TELERRADIOLOXÍA, E OS RETOS DOS SERVIZOS DE RADIOLOXÍA DO SERGAS.

O pasado 02/06/2010 celebrouse en Santiago unha xuntanza da Mesa Sectorial do Sergas que tiña, como primeiro punto da Orde do Día, a "Reordenación dos procesos de radiodiagnóstico".

A inclusión deste tema na orde do día fora requirido por CIG-Saúde debido a que, as semanas previas, difundírase a información de que as actuais gardas localizadas de radioloxía dos hospitais comarcais ían ser eliminadas e, empregando as posibilidades abertas pola telerradioloxía, íase crear un "anel radiolóxico" similar ao de Madrid.

Na xuntanza, a posición do SERGAS foi explicada pola Directora Xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, en presenza da Directora Xeral de RR.HH.

Unha vez analizados polo miúdo os argumentos do SERGAS, e debatido o tema con especialistas en radioloxía dos hospitais comarcais e dos complexos hospitalarios, tanto afiliados a CIG-Saúde como non afiliados, a posición do noso sindicato é de claro desacordo coa proposta de eliminar as gardas localizadas de radioloxía dos hospitais comarcais.

CIG-Saúde considera que a proposta das actuais responsabeis do SERGAS encádrase nunha visión do futuro dos servizos de radioloxía contraria aos intereses da poboación e dos pacientes, e que tamén é contraria aos intereses profesionais e laborais dos radiólogos/as.

Ademáis, coidamos que esa proposta presentada supón unha "utilización perversa da telerradioloxía": que potenciará a imaxe do radiólogo/a como mero "lector de imaxes"; que provocará a deslocalización da actividade dos radiólogos/as fora dos hospitais e do contacto cos pacientes e cos demáis clínicos; e que , ademáis, está estreitamente ligada ás estratexias privatizadoras que a actual administración sanitaria galega está empeñada en promover en todos os eidos da actividade sanitaria.

Descarga aquí o documento onde razoamos as nosas posicións.

CARTA Á CONSELLEIRA DE SANIDADE SOBRE OS SERVIZOS DE RADIOTERAPIA

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

San Lázaro, s/n.

Santiago de Compostela.-

 

No proceso  selectivo para facultativos de hospitais convocado segundo a Resolución do 11 de decembro de 2008  recollíase a dotación de 2 prazas de radiofísico hospitalario en Galaria, con destino no novo hospital de Lugo. A unha semana de que o persoal que superou o proceso selectivo puidese escoller destino,  a administración suprimiu os destinos do hospital de Lugo e ofertou estas dúas prazas noutros complexos hospitalarios do Servizo Galego de Saúde (CHUS e CHOU).

A anulación das dúas prazas de radiofísico hospitalario ven a confirmar que o novo hospital de Lugo non vai  ter servizo de radioterapia, xa que para o funcionamento deste servizo é imprescidíbel a dotación de radiofísicos/as. Na área de radioterapia o radiofísico é o responsábel, entre outras funcións, dos métodos de cálculo e do  control de calidade e funcionamento dosimétrico dos equipos, supervisando os tratamentos desde a dosimetría dos equipos, baseándose isto no  protocolo da OIEA (Organización Internacional da Enerxía Atómica), para obter os mellores resultados terapéuticos e garantir a seguridade.

Desde a CIG-Saúde vemos con preocupación a non apertura do servizo de radioterapia  no novo hospital de Lugo para a data na que estaba prevista polo goberno anterior; e parécenos moi preocupante que á data do presente escrito aínda non se teña publicado no DOG o  concurso para adquirir a dotación dos equipos (acelerador lineal).

Como vostede é coñecedora, entre a publicación no DOG para a adquisición deste equipamento e a súa posta en funcionamento, aínda que isto se fixese coa maior axilidade, o tempo transcorrido non sería inferior a un ano.

Esta situación, que provocou a consellaría que vostede dirixe, vai ter unha repercusión moi negativa no tratamento do cancro. Antes do fin do ano 2010 o hospital oncolóxico da Coruña ten que proceder a substituír o acelerador antigo polo acelerador novo que xa está mercado. Non creo que teñamos que lle lembrar a vostede a importancia de proceder de inmediato a substituír este aparello, xa que este modelo produciu consecuencias moi negativas noutros hospitais.

O prazo de substitución dun acelerador por outro nunca é inferior aos 4 ou 5 meses, tempo no que un equipamento tan importante no tratamento no cancro estará inutilizado.

Desde a CIG-Saúde preguntámonos, coa maior preocupación que nos causan os temas asistenciais, se o acelerador do hospital oncolóxico da Coruña vai estar inutilizado 4 ou 5 meses, e na provincia de Lugo non funciona o servizo de radioterapia, a onde pensa a conselleira de Sanidade enviar os doentes de cancro das provincias da Coruña e Lugo a recibir este tratamento?. Agardamos que a súa resposta non sexa de que serán remitidos a outras áreas sanitarias, pois  cómo vostede sabe os servizos de radioterapia xa comezan a ter listas de espera en todas as áreas.

Agardamos desa consellaría que a resposta se nos faga chegar por escrito, e non cómo noutras ocasións que se nos dé a calada por resposta  ou se nos conteste con  anuncios de prensa que distan moito da realidade existente.

Atentamente,

Compostela, 29 de xuño de 2010

Asdo: María Xosé Abuín Álvarez

Secretaria Nacional da CIG-Saúde

Técnicos de farmacia.

Despois de moitos meses de espera, finalmente saiu publicado en DOG o Decreto 9/2010, do 21 de xaneiro, polo que se crea a categoría estatutaria de persoal técnico en farmacia no ámbito do Servizo Galego de Saúde.

Con esta publicación dáse luz verde para que se chame polas listaxes de técnicos de farmacia para a cobertura das farmacias hospitalarias do Servizo Galego de Saúde.

Publicación DOG.

CONVOCATORIA CONCURSO TRASLADOS FEAS

O pasado 10 de febreiro saiu publicado en DOG a convocatoria do concurso de traslados para o persoal facultativo con praza en propiedade.

Ler máis...

CONCURSO DE TRASLADOS PARA O PERSOAL FACULTATIVO DO SERGAS

Onte en Mesa Sectorial acordáronse as bases para o concurso de traslados do persoal facultativo dos hospitais do Sergas. O prazo de presentación de solicitudes abrirase unha vez se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

Bases do concurso de traslados.

Cadro de prazas ofertadas.

Traslados persoal facultativo hospitais

O vindeiro 23 de decembro na reunión convocada de Mesa Sectorial tratarase o tema do concurso de traslados para o persoal facultativo dos hospitais. O Sergas presentou un borrador coas prazas e as bases do concurso.

Cadro de prazas ofertadas no concurso de traslados.

Borrador das bases do concurso de traslados.

feed-image
Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.org - secretarianacional@cig-saude.org