Inicio
 
 

Outras novas de Persoal

Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIG-Saúde denuncia que Sanidade mantén Galaria como “retiro dourado” da anterior conselleira

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIGSAUDElogo

Exixe a integración de todos os servizos que xestiona na área sanitaria de Vigo

Compostela, 15 de maio 2019.

O goberno do PP creou as Estruturas de Xestión Integrada (EOXI) en todas as áreas sanitarias como garante da coordinación e integración de todos os servizos baixo a dirección e control dunha mesma xerencia, co argumento de que con isto se potenciaba pór a/o doente como centro do sistema. Porén, o que fixeron foi, baixo estas EOXI, desmantelar as Xerencias de Primaria, modificaron a Lei de Saúde para eliminar as áreas sanitarias mentres manteñen que empresas como Galaria sigan a xestionar servizos da área sanitaria de Vigo.
Así o denuncia a CIG-Saúde, que sinala que Galaria xestiona, en concreto, a unidade de oncoloxía e radioterapia, a unidade de medicina nuclear ou a unidade de radiofármacos de Galiza, dificultando así que na área de Vigo se produza unha integración real de todos os servizos que teñen que ver co tratamento oncolóxico.

Aberración asistencial

Na mesa sectorial convocada para este mércores proponse un decreto de integración da resonancia magnética na EOXI de Vigo, "unha das aberracións asistenciais que agora pretenden corrixir parcialmente, porque o servizo de radioloxía do CHUVI estaba fragmentado. Era unha demanda que viñan facendo de forma reiterada as e os profesionais deste servizo", sinala a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, quen lembra que desde a central sindical tamén se denunciou, en repetidas ocasións, "esta anomalía".
Por iso, a CIG-Saúde exixiu, na mesa sectorial, a integración total da resonancia magnética e do seu cadro de persoal na Xerencia de Vigo, a integración das unidades móbiles de resonancia magnética nas súas áreas sanitarias correspondentes e a integración de todos os servizos asistenciais que xestiona Galaria na EOXI de Vigo "para que realmente haxa unha integración real dos servizos que permita o seu desenvolvemento en función das necesidades das e dos doentes desta área".
A proposta de integración que fai a Consellería de Sanidade nin sequera ten en conta as necesidades de profesionais para dar servizo ás resonancias magnéticas fixas, que son as únicas que se integran, quedando a EOXI de Vigo cun déficit de 7 especialistas en radiodiagnóstico, mentres que deixa en Galaria 6 sen integrar.
Para CIG-Saúde, manter unha unidade de radiodiagnóstico en Galaria abre a porta a que intenten recuperar o modelo de "anel radiolóxico" que foi xa rexeitado pola maioría das e dos profesionais, por separar aos especialistas en radioloxía dos profesionais asistenciais que solicitan as exploracións.
Abuín entende que a única xustificación da consellaría de Sanidade para que Galaria siga a xestionar servizos sanitarios en contra da normativa publicada polo propio goberno do PP, á fronte da Xunta de Galiza, relativa á creación das EOXIS ou a modificación da Lei de Saúde de Galiza "é garantir un posto para a anterior conselleira, Rocío Mosquera".
Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, "non se pode priorizar manter o postos de designación política por riba do normal funcionamento dos servizos nun sistema sanitario público". Por iso exixiu a inmediata integración de todos os servizos sanitarios na EOXI de Vigo ou nas áreas sanitarias correspondentes.

A Consellaría de Sanidade ningunea ao Consello técnico de atención primaria

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIGSAUDElogo

A CIG-Saúde denuncia que o PP incumpre os seus compromisos ao trasladar a un "comité de expertos" nomeados pola Consellería, as medidas a adoptar sobre a atención primaria, devaluando así o papel do Consello técnico de Atención primaria.

Santiago, a 14 de maio de 2019.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, manifestou esta tarde, ao remate da xuntanza do Consello Técnico de Primaria, que hoxe celebraba o seu acto de constitución, o seu "profundo malestar" diante das informacións trasladadas polos representantes da consellaría de Sanidade. "Dixeron que as medidas a adoptar na Atención Primaria van ser as propostas por un grupo de expertos que a consellaría vai nomear á marxe do consello", denunciou e asegurou que "para a CIG-Saúde, ese comité de expertos tería que saír deste Consello".

Abuín subliñou que unhas das competencias deste Consello tería que ser a creación de comisións de traballo con persoas propostas polas organizacións sindicais, os colexios e sociedades científicas e denunciou que o que propón a consellaría "moito me temo que sexa o de sempre, nomear a persoas afíns para que ao final non cambien as políticas que o PP vén aplicado na sanidade pública e que tan graves consecuencias tiveron".

Por iso a secretaria nacional de CIG-Saúde considerou que todo apunta a que o PP "nunca tivo como obxectivo dotar dos medios materiais e humanos á Atención Primaria" e considerou unha "tomadura de pelo" tanto para as e os profesionais como para as e os usuarios o suposto interese que hai apenas un mes manifestou por sentar a negociar. "O único que querían era unha campaña electoral tranquila", dixo, "como se demostra do momento no que xa nos presentaron as medidas sen dotar de ningunha competencia para decidir nada a este Comité".

Abuín informou ademais de que o plano de primaria "xa o teñen acordado coas sociedades científicas e cos colexios profesionais e as van a poñer en funcionamento a corto, medio e longo prazo, só imos falar da carteira de enfermería".

Por un convenio colectivo único para o persoal investigador

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

logo cigsaude informa pequeno

PLATAFORMA GALEGA DE TRABALLADORAS/ES DE INVESTIGACIÓN SANITARIA (PLAGTIS)

Comité de empresa da Fundación Biomédica Galicia Sur (FBGS)

Comité de empresa de Fundación Profesor Novoa Santos (FPNS)

Comité de empresa de Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS)

  • Os Comités de Empresa das tres Fundaciones Sanitarias de Galiza engloban a grande parte do colectivo investigador e de xestión a nivel hospitalario en Galiza.
  • As Fundacións Sanitarias de Investigación de Galiza a día de hoxe non dispoñen dun convenio laboral específico que rixa as diferentes categorías profesionais e regule os dereitos das traballadoras e traballadores. A maior parte do persoal está contratado en situación precaria e con contratos temporais, a maioría en fraude de lei.
  • A pesar desta anomalía, insostible no tempo, ata o de agora non existiu ningún interese por parte da administración en negociar o primeiro convenio proposto tras a creación dos Comités de Empresa asociados aos tres principais centros de investigación biomédica en Galicia: IDIS, INIBIC e IISGS.
  • Ata o de agora, a falta de interese por parte da administración demóstrase en que a Consellería de Sanidade e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) se desvincularon totalmente do proceso negociador ao desestimar o noso requerimento feito a través do Consello Galego de Relacións Laborais, manifestando que non queren coordinar o proceso.
  • Onte, os Presidentes das Fundacións de A Coruña e Santiago, á súa vez Xerentes das respectivas EOXIs, comprometéronse á negociación do convenio ao que tamén esperamos que se una proximamente a Fundación de Vigo.
  • A partir deste momento, ábrese un prazo de 15 días nos que se agardará a resposta formal das tres Fundacións. De non recibir resposta, iniciaremos as medidas oportunas, convocando unha primeira concentración en maio.
  • Dende os comités de empresa das tres Fundacións contamos con que o convenio sexa articulado nunha única mesa conformándose un único convenio a nivel autonómico.

As traballadoras e traballadores das Fundacións de Investigación Sanitaria de Galiza queren denunciar a deixadez da Consellería de Sanidade e da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) ante a proposta de negociación do primeiro convenio para este colectivo, que aúna a 440 traballadoras e traballadores, hai xa máis de seis meses.

As Fundacións Sanitarias teñen encomendada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a xestión integral da investigación e innovación que os profesionais sanitarios da nosa comunidade desenvolven, así como a promoción dos resultados que a actividade investigadora xera. A misión de todas elas é impulsar a investigación, a docencia, a innovación e o desenvolvemento científico-tecnolóxico no ámbito sanitario galego. Traballan para promover a innovación e investigación galega, poñendo a disposición dos investigadores/as e resto da sociedade os medios e recursos precisos.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto