Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Profesionais de esterilización piden nunha carta á Conselleira a paralización da privatización deste servizo
 
 

Profesionais de esterilización piden nunha carta á Conselleira a paralización da privatización deste servizo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nunha carta dirixida á Conselleira, profesionais, supervisoras/as e xefas/es de servizo das áreas de Esterilización e Medicina Preventiva dos hospitais públicos do SERGAS exíxenlle que dea marcha atrás no proceso privatizador deste servizo, con argumentos que así o secundan. Reproducimos a carta, da que se fixeron eco varios medios de comunicación, aquí debaixo:

Cara aberta á Conselleira de Sanidade:

SOBRE A PRIVATIZACIÓN DA XESTIÓN DAS ACTIVIDADES DE ESTERILIZACIÓN DO SERGAS

O Diario Oficial da Unión Europea publicou, o 2 de xaneiro de 2014, o inicio do proceso de privatización da xestión do material estéril dos hospitais do SERGAS (http://ted.europa.eu/udl?uri=TED:NOTICE:601-2014:TEXT:ES:HTML&tabId=1). Diante deste feito queremos facerlle chegar as seguintes reflexións:

1. O persoal facultativo dos Servizos de Medicina Preventiva, e as enfermeiras/os supervisores das Centrais, somos as/os profesionais responsábeis da actividade das centrais de esterilización dos hospitais do SERGAS e, en boa medida, os principais depositarios da experiencia e do coñecemento científico acumulado sobre esterilización de material sanitario que existe na sanidade pública galega.

2. Nos últimos anos, na maioría dos hospitais do SERGAS téñense dado importantes pasos adiante na mellora da xestión e da calidade das nosas centrais. Esas melloras permitiron, entre outros logros, importantes avances en garantir a trazabilidade do material estéril, e en reducir o número de avarías dos esterilizadores. Nestes anos, téñense avanzado moito na informatización das centrais, na formación do persoal que traballa nelas, e no establecemento de sistemas de calidade, en xeral relacionados coa ISO 9001. Na actualidade pode afirmarse que as Unidades de Esterilización dos hospitais públicos galegos teñen unha elevada efectividade e eficiencia, tendo demostrado tamén sobradamente a súa versatilidade e capacidade de adaptarse aos cambios tecnolóxicos e as novas necesidades asistenciais dos nosos hospitais e do conxunto dos sistema sanitario asistencial público galego.batea_material

3. A decisión da Consellería de convocar o concurso para a contratar cunha empresa privada o “Servizo de Xestión Integral do proceso de esterilización do material necesario para o desenvolvemento da actividade asistencial dos centros do Servizo Galego de Saúde”, non foi consultada cos profesionais que subscribimos este escrito.

4. Consideramos que a decisión de privatizar a xestión da esterilización do SERGAS foi tomada por motivos alleos ao rigor técnico, e que non existe evidencia científica de que, coa súa privatización, vai mellorar a eficiencia no uso dos recursos que a sanidade pública galega dedica á esterilización do material asistencial.

5. Resúltanos totalmente descoñecida a existencia de informes técnicos que apoien a conveniencia da privatizar a xestión do material estéril da sanidade pública. De existir eses informes, pedímoslle encarecidamente que se nos fagan chegar, de xeito que a nosa opinión técnica poida ser máis matizada.

6. Como firmes defensores que somos do carácter plenamente público da nosa sanidade, o SERGAS tennos totalmente a súa disposición para contribuír, coa nosa experiencia e coñecemento técnico, á introdución de melloras na eficacia e eficiencia da xestión das nosas centrais de esterilización.

7. Por todos estes motivos, os profesionais que subscribimos este escrito, responsábeis dos Servizo de Medicina Preventiva e Supervisores das Centrais de Esterilización dos Hospitais do SERGAS, pedímoslle á Consellería de Sanidade que paralice o concurso de privatización das actividades de esterilización do SERGAS.

22/01/2014

Esta carta foi asinada pola totalidade das supervisoras/res das centrais de esterilización, e pola grande maioría dos xefes de servizo e responsábeis dos servizos de Medicina Preventivas dos hospitais do SERGAS. Aos responsábeis dos Servizos de Medicina Preventiva que non tiñan contratos fixos, non se lles pediu que asinaran a carta. A carta, na redacción orixinal que se lle mandou á Conselleira de Sanidade o 23/01/2014, contiña unha segunda páxina na que figuraban os nomes e apelidos dos asinantes, así como o hospital no que traballan.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto