Noticias Sanidade Pública Mesas Sectoriais Información Mesa Sectorial 31 de xaneiro
 
 

Información Mesa Sectorial 31 de xaneiro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

INFORMACIÓN MESA SECTORIAL 31 DE XANEIRO DE 2014

Nesta reunión abordáronse todos os temas: os recollidos na orde do día oficial enviada pola Admón, e os temas presentados polas organizacións sindicais.

Malia que a reunión durou até pasadas as 17hs, non tivemos ningunha resposta ás nosas demandas.

Só chegamos a algo nun punto: acordamos que para os procesos de mobilidade interna os cursos non caduquen. Nas áreas nos que os procesos están convocados, e xa se resolveu a convocatoria dalgunha categoría, mantense a caducidade dos cursos. Nas áreas que ainda non se iniciou o proceso, os cursos non caducarán. E tamén a Admón aceptou a nosa alegación no referente ao proceso de integración do persoal do 447, funcionarios e laborais das deputacións. Este persoal, unha vez integrado, ademais do CPT, manterá a base de cotización do ano 2010

No resto dos temas a Admón segue a falar da súa vontade de diálogo, pero cando entramos a concretar os temas o diálogo esfúmase porque todo o que plantexamos ten custe. O SERGAS e o goberno do PP están instalados no discurso de que non se pode conceder nada ao persoal do SERGAS porque ten custe. No seu discurso engloban os nosos salarios na prestación sanitaria, como se desta só fosemos responsábeis o persoal estaturario. O resto de traballadoras/es da Admón Pública si que teñen dereito a que se recoñezan os seus dereitos, xa que para a Admón estes non teñen custe, e tampouco deben ser usuarios/as da sanidade pública, como o resto da poboación. Só se  negan os dereitos das/os traballadoras/es da sanidade pública, xa que se nos responsabiliza no custe global do gasto sanitario de toda a poboación, incluído o sobre custe que estamos a pagar polas súas privatizacións.

 As súas incoherencias non teñen límites.

As contradicións desta Admón son insultantes, que teñamos os mesmos días libres, permisos e licencias , a mesma regulación no disfrute das vacacións, ou que teñamos que presentar o parte de baixa por enfermidade o 3º día como fan en Función Pública, e así non se desconta o 50% do salario nos primeiros 3 días, non pode ser por que ten custe.

Cando solicitamos que se nos aboe a parte da paga extra que estamos a gañar en vía xudicial con sentenzas firmes non recorribles, isto non pode ser. Para que nos paguen a extra, ou non, están esperando a que Función Pública tome unha decisión global.  Iso si, defenden a mesa sectorial como órgano de negociación, a quen queren enganar?

Temas presentados pola Admón.

.-  Táboa de xornada que inclúe o 4º LD .na_defensa_dos_servizos_pblicos

.- Criterios de derivación de doentes. O director de Asistencia Sanitaria fixo unha defensa desta derivación en base a que  as 3 áreas sanitarias, Vigo, Coruña e Compostela, que son unidades de referencia para patoloxías de 3º nivel, co mesmo desenvolvemento tecnolóxico e de alta especialización, teñan a mesma poboación de referencia. No debate reprochámoslle que sempre fan o mesmo, nunca nos informan deste cambios, veñen a mesa sectorial a tempo pasado a contarnos o seu discurso, sen darnos información sobre os datos que xustifican a medida, e sobre todo o máis importante sen que poidamos facer ningunha alegación. Cuestionamos que esta medida estea unicamente baseada na mellora da asistencia, como ben saben estas medidas obedecen a outras cuestións que detallamos na reunión e que todas/os sabemos.

.- Especialidades de enfermaría. Durante este semestre constituirase un grupo de traballo que aborde este tema dun xeito integral, creación das categorías, incorporación das/os especialistas, acceso do  resto de profesionais a estas prazas...

.- Procesos de integración.  Como se recolle nesta información aceptaron manter as bases de cotización do ano 2010. Fixéronnos entrega das táboas de clasificación do persoal. Solicitamos información sobre a OPE do CTG, que está anulada por termos gañado unha sentenza xudicial que recoñece que esta OPE estaba pragada de irregularidades, apoiada polo actual xerente da área de Pontevedra cando era conselleiro. Segundo a Admón están traballado nela. Desde CIG-SAÚDE solicitamos que non poida participar nos tribunais ningunha persoa que participara na convocatoria anterior; os sindicatos xa non poden participar por mandato do EBEP.

Temas presentados polas organizacións sindicais.

.- Xestión Clínica. A Admón propón crear unha comisión de traballo para falar da participación do persoal nas unidades de xestión clínica. Do resto do articulado do decreto non queren falar, para eles o decreto esta pechado. Desde CIG-SAÚDE nunca nos negamos a participar en ningunha comisión, pero non imos participar nunha comisión con temas pechados.

.- Supresión do copagamento hospitalario. Segundo o director de asistencia sanitaria non se pode suprimir algo que non está activado. Cando lle reprochamos que a plataforma informática e os temas burocráticos van ter máis custe que a propia medida, este infórmanos de que teñen a obriga de implantar un sistema para a facturación dos doentes transfronteirizos; e xa que o teñen tamén lle cobran aos autóctonos. Esiximos a retirada da medida.

.- Plano de estabilidade laboral. Demandamos que a Admón remate dunha vez coa precariedade e que garanta a estabilidade laboral. A Administración di que reduciron a contratación, pero non nos niveis que nós denunciamos.

.- Recuperación dos acordos suspendidos e da carreira profesional. Segundo a Administración non toca falar disto, non logran que entendamos que isto ten custe, e que as/os traballadoras/es da sanidade pública temos que soster o sistema, incluído o custe das súas privatizacións. Sobre a carreira profesional ordinaria están a elaborar un novo texto, pero de momento non terá efectos económicos.

.- Sistema de identificación de prazas. A Admón mantén o compromiso de crear este instrumento que nos permita identificar o cadro de persoal de cada xerencia, as vacantes, as prazas cubertas... A ver cando empezamos a negociar isto.

 .- Selección de FEAS e Itinerarios Profesionais. Están a traballar nun novo documento que modifica varios artigos do decreto 206/2005, neste novo decreto incorporarán estes temas. Polo que comentan este documento está avanzado, a ver cando ven a mesa, e o máis importante, a ver o seu contido.

.- Privatización de Esterilización. O director de Asistencia Sanitaria infórmanos de que o que saíu publicado no DOUE foi só un anuncio. Non me digas! A Admón está explorando outras vías nas que están a contar cos/as profesionais. E nós que pensabamos que cando se publicaba un anuncio no DOUE, que é algo serio, era por que xa estaba feito o prego do contrato e case a empresa elixida. E que agora o que estaba a facer o SERGAS era intentar que os/as profesionais colaborasen co seu proxecto privatizador, xa que as/os profesionais foron convocadas/os a unha reunión unha vez que publicaron unha escrito en contra da medida. Que mal pensados somos, ou é que a Admón pensa que somos tan inxenuos que imos crer as súas milongas. Se o anuncio no DOUE era só un anuncio, que paralicen o proxecto.

             

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto