Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Exiximos ao SERGAS que rescate o servizo de electromedicina antes de que a situación sexa irreversíbel
 
 

Exiximos ao SERGAS que rescate o servizo de electromedicina antes de que a situación sexa irreversíbel

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Os incumprimentos da adxudicataria xa provocaron problemas con incubadoras, berces térmicos, equipos de esterilización, mesas de quirófano ou equipos de raios
.
Seis meses despois da privatización do servizo de electromedicina a empresa adxudicataria, IBERMAN, S.A. segue sen cumprir o contrato. Así o denuncia a CIG-Saúde, que considera que o SERGAS está a mirar para outro lado malia saber que “o 25% dos efectos adversos relacionados coa asistencia sanitaria teñen que ver co uso inadecuado ou deficiencias no mantemento”. Por iso reclama o rescate do servizo antes de que a situación se deteriore de forma irreversíbel xa que agora nin se respectan os protocolos establecidos polo fabricante, nin se empregan pezas orixinais, nin existe garantía das reparacións e tampouco hai protocolos que determinen o bo funcionamento dos equipos.

O Director de Recursos Económicos do SERGAS, Pablo Torres Arrojo, comparecía o pasado 12 de decembro na Comisión de Sanidade para responder a preguntas do BNG sobre os motivos dos incumprimentos da adxudicataria do servizo de electromedicina.

Nesa comparecencia recoñecía que existen fallos na execución do contrato pero que son de pouca importancia e que a decisión de privatizar este servizo se fixera para evitar a variabilidade existente nas diferentes Áreas; mellorar a calidade no mantemento; homoxeneizar e optimizar a xestión e reducir custes.

Porén, para a CIG-Saúde estes argumentos “chocan cos criterios dos profesionais en tecnoloxía sanitaria”. Para demostralo lembra que nunha xornada sobre seguridade de doentes e usuarios na xestión da tecnoloxía sanitaria -organizada o pasado mes de novembro polo colexio Oficial de enxeñeiros industriais de Madrid e pola Federación Española de Empresas de Tecnoloxía Sanitaria (Fenin), na que, ademais participaron responsábeis do SERGAS- as/os profesionais na materia recoñecían  que “a elevada complexidade tecnolóxica da electromedicina así como o seu impacto na seguridade de usuarios e pacientes, fai necesario que o seu mantemento sexa efectuado por persoal con cualificación específica que siga os protocolos do fabricante e, ademais, empregue pezas orixinais cuxa validez quedou demostrada na avaliación da conformidade realizada no proceso de certificación para o marcado CE”.

Xunto a isto concluían que “o 25% dos efectos adversos relacionados coa asistencia sanitaria teñen que ver co uso inadecuado ou deficiencias no mantemento”.

Aténdose a estas conclusións a CIG-Saúde sinala que a adxudicataria do concurso de electromedicina “incumpre o punto primeiro en toda a súa extensión” e matiza que “non se respectan os protocolos establecidos polo fabricante, non se empregan pezas orixinais, non existe garantía das reparacións e non existen protocolos que determinen o bo funcionamento de equipo”.

Xunto a isto denuncia que esta empresa está a demostrar que “non ten a solvencia que se precisa para asumir o mantemento de equipos electromédicos cunha mínima garantía” e canto aos efectos adversos de uso inadecuado ou deficiencias de mantemento remítese ao ocorrido o pasado mes no Barco de Valdeorras cunha incubadora.

Ante esta situación, a CIG-Saúde considera que “nada do que di o Director de Recursos Económicos se está a cumprir e senón que nos explique porque agora está habendo máis problemas que antes da privatización”. A modo de exemplo sinala os problemas cos equipos médicos, incubadoras, equipos de esterilización, mesas de quirófano, máquina de osmoses no Barco de Valdeorras; mamógrafos en Burela; incubadoras, arcos cirúrxicos e berces térmicos en Lugo; equipos de citoscopias en Coruña; equipos de raios, insufladores endoscópicos en Pontevedra ou equipos de endoscopias, electrocardiógrafos e camas eléctricas en varios hospitais.

Asegura que os mantementos preventivos e técnico legais non están ao día (esterilizadores, desfibriladores, electrocardiografos, cabinas de fluxo laminar, etc.) e que tampouco se fan os mantementos correctivos como se di no contrato. “Non está cuberto o servizo as 24 h., a pesar do que diga o Sr. D. Pablo Torres Arrojo. Non teñen a disposición da xerencia os equipos de substitución para casos de avarías. Non teñen libros de mantemento nin plan de mantemento condutivo. Non están localizados en quenda de noite nin en fins de semana e festivos. Os supervisores/as non teñen a posibilidade de comunicar as avarías que se producen fóra da xornada ordinaria, tendo que recorrer ao persoal de mantemento do SERGAS”.

A situación agrávase nos Hospitais Comarcais (O Barco, Monforte, Burela) xa que non teñen presenza física todos os días e en caso de avarías é imposíbel dar resposta. Máxime se temos en conta os tempos fixados na oferta (avaría critica 1 minuto, avaría urxente 10 minutos, avaría normal 15 m. e de resolución máximo 24h.), sinala a CIG-Saúde.

A CIG-Saúde pide ademais explicacións a respecto da existencia de duplicidade de contratos, e a modo de exemplo cita o que está a ocorrer na Área de Xestión Integrada Pontevedra e Salnés, cos contratos de Gambro/Hospal, (equipos de diálise), Alcon (equipos oftalmolóxicos) e a revisión de quirófanos. “Estes equipos teñen a cobertura de mantemento ou ben a través da compra do propio equipo ou a través do subministro de material e nalgúns casos contratos independentes”.

Lembra que existe un contrato con IBERMAN, S.A. no que están contemplados todos estes equipos, como queda reflectido no Prego de Prescricións Técnicas e na oferta da empresa. Por iso afirma que “se isto é optimizar a xestión e reducir custes que nolo expliquen” e conclúe que isto “é un grande negocio para as empresas privadas e unha ruína para o sistema público que ten que pagar por un servizo que non ten”.

A CIG-Saúde denuncia tamén que o Director de Recursos Económicos do SERGAS, Pablo Torrres Arrojo, adxudicou ao Grupo Empresarial Electromédico IBERMAN, S.A. máis de 36 millóns de euros: 

Hospital Comarcal Gutiérrez Ortega de Valdepeñas (1999-2001)  2.800.00,00.- €

Hospital Universitario Clínico San Carlos, Madrid (2001-2008) 2.790.000,00.- € e o  (8-9-2005)  2.790.000,00.-€

Hospital Universitario Príncipe de Asturias, Alcalá de Henares (2008-2009) 2.630.400,00.-€  

SERGAS (2013- ) 25.142.003, 19.-€

Entende que é unha sangría para o sistema público que está a ter graves consecuencias, como é a  descapitalización de todo o equipamento existente nos servizos,  polo que esixe ao SERGAS que, de inmediato, rescate o servizo de electromedicina antes de que a situación se deteriore irreversíbelmente.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto