Noticias Outras novas Mobilizacións A CIG reivindica emprego digno e futuro na Galiza neste 10 de Marzo
 
 

A CIG reivindica emprego digno e futuro na Galiza neste 10 de Marzo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Centos de persoas maniféstanse coa central nacionalista en Ferrol, Vigo e Compostela
.
Con tres manifestacións, en Ferrol, Vigo e Compostela, conmemoraba a CIG este 10 de marzo o Día da Clase Obreira Galega, nun contexto “profundamente negativo” para a clase traballadora e para Galiza tanto no plano económico, como social ou político. Así o denunciou Suso Seixo, secretario xeral, na manifestación que percorreu as rúas de Ferrol, onde alertou de que “o capital está a aproveitar o contexto de crise para levar adiante un durísimo ataque contra os dereitos, as condicións laborais e a calidade de vida das clases populares”.

Galería de imaxes

Seixo lembrou as sucesivas reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións ou das prestacións por desemprego. A iso engadiu as políticas de recorte do investimento público e de privatización dos servizos públicos ou o recorte dos salarios mentres que se destinan axudas ao sector financeiro con cargo aos fondos públicos ou se segue a especular coa débeda pública en beneficio da banca.

Para o secretario xeral da CIG, son claros os exemplos de a quen serve e que intereses de clase defende o PP. “Políticas promovidas pola UE ou o FMI que o PP executa no Estado español servindo para incrementar os beneficios e o poder do capital financeiro a custo de destruír o tecido produtivo, xerar máis desemprego, incrementar as desigualdades sociais e debilitar á clase traballadora”, denunciou.

Chamou a atención sobre os dous principais problemas que ten nestes momentos a sociedade galega: o paro e a emigración. “Dous problemas que van asociados un co outro”, dixo, “e que na nosa sociedade non son nada novo” e asegurou que se trata de problemas estruturais que teñen moito que ver co papel “periférico, marxinal e colonial que a oligarquía española e europea lle teñen asignado á nosa nación, converténdonos en subministradores de materias primas, man de obra barata, enerxía e aforro”.

Dous problemas con “dramáticas consecuencias económicas e sociais para Galiza” e que se traducen en preto de 300.000 desempregados/as e en máis de 100.000 galegas e galegos menores de 34 anos que emigraron desde o 2010. Unha situación detrás da que, segundo o secretario xeral, está a perda de man de obra cualificada; a perda de riqueza e de capacidade de desenvolvemento; o empobrecemento e a exclusión social; a perda de vivenda; a perda de poboación e o avellentamento da mesma e o debilitamento da capacidade reivindicativa da clase obreira galega. “Facendo así que tanto o paro como a emigración terminen séndolle funcionais ao capital financeiro.

Seixo denunciou que detrás desta dramática situación a actitude da Xunta do PP e de Feijóo é a de “manipular cifras, intentar ocultar a realidade, non presentar ningún tipo de alternativa que nos quite desta situación e colaborar abertamente coas políticas antiobreiras e antigalegas que promove a UE e o goberno español e que están a destruír ou malvender o noso tecido produtivo e financeiro”.

Lembrou que a necesidade de dar respostas ao paro e á emigración levaron a CIG a promover unha ILP na que se recollen 100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza, coa fin de demostrar que hai alternativas, “que hai outras políticas que xeren crecemento económico e emprego e que favorezan os intereses das clases traballadoras” e denunciou que as políticas de austeridade, de recorte de dereitos ou de precarización das condicións de traballo “non serven nin para reactivar a economía, nin para xerar emprego”.

Concluíu que estamos nunha situación “moi difícil para a clase obreira e para o noso pobo” e asegurou que o noso futuro, “non pode depender dunhas institucións políticas ou financeiras como a UE, o BCE ou o FMI”, institucións que “están ao servizo do capital financeiro e “promotoras dunhas políticas que recortan dereitos, xeran desigualdades e destrúen o noso tecido produtivo”, xerando máis paro e emigración e acentuando “o noso carácter periférico e colonial”.

Por iso, afirmou que “temos que exixir o noso dereito a decidir. Temos que reivindicar a plena soberanía para a nosa nación” e xunto a iso asegurou que “o noso futuro tampouco pode estar en mans dun partido corrupto”, de “incompetentes” e de “antigalegos”. Un partido “de dereitas profundamente españolista, defensor a ultranza dos intereses de banqueiros, especuladores e oligarcas españois, así como da sacrosanta unidade da súa patria española”.

Para o secretario xeral da CIG, diante desta situación o que cómpre facer é “concienciar e mobilizar ao noso pobo na defensa dos seus intereses, baixo o firme convencemento de que só así poderemos facer realidade unha Galiza soberana e outro sistema económico e social” no que estean garantidos dereitos básicos como o ensino, saúde, emprego, vivenda, unha pensión digna ou a normalización do noso idioma.

Artigo publicado en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto