Noticias Outras novas Mobilizacións A 20 anos do Congreso Constituínte da CIG, a forza da unidade
 
 

A 20 anos do Congreso Constituínte da CIG, a forza da unidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Hai dúas décadas celebrábase o congreso constituínte da CIG, coa unificación orgánica da CXTG-IN e a INTG
.
Hai dúas décadas que se realizou o Congreso Constituínte da Confederación Intersindical Galega (CIG). Con este evento remataba un longo proceso de progresivo achegamento entre as dúas centrais sindicais nacionalistas, que se unificaban o 19 de marzo de 1994: a Confederación Xeral de Traballadores Galegos-Intersindical Nacional (CXTG-IN), e a Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG). Cómpre lembrar que a INTG era consecuencia da unificación entre a Intersindical Nacional Galega, a primeira central sindical nacional galega, nacida en maio de 1977, coa Central de Traballadores Galegos (1980), e posteriormente coa Confederación Sindical Galega (1982).

Galería de imaxes

No ano 1985 produciuse a ruptura da INTG, nacendo a CXTG-IN, no contexto dunha situación social e política moi dinámica e complexa (a reconversión naval, as novas experiencias dun goberno socialdemócrata, a autonomía, e a próxima entrada na UE despois de facelo na OTAN, etc.). Esta ruptura, a confrontación inicial, restou capacidade ao sindicalismo nacionalista para axer por conta propia, malia que ambas centrais medraron en afiliación e número de delegados/as. A práctica, a necesidade de dar unha resposta efectiva ás contradicións de clase e nacionais, foron limando as asperezas iniciais, aproximando tácticas e definindo unha folla de ruta común.

A folga xeral do 14 de decembro de 1988, contra a regresión na contratación da mocidade que implicaba o Plano de Emprego Xuvenil (aprobado polo Goberno do PSOE, presidido por Felipe Gnzález), marcou un cambio de tendencia nas relacións entre as dúas ponlas do sindicalismo nacionalista. A actitude sectaria de CC.OO. e UGT, deu lugar a que a CXTG e a INTG realizaran unha convocatoria e manifestacións propias. Foi un reto, cuns resultados que superaron as expectativas máis optimistas, e que amosou que a unidade multiplicaba a capacidade de convocatoria do sindicalismo nacionalista, malia que a das centrais estatais aínda era superior.

O seguinte pulo cara a unidade sería a constitución da Converxencia Intersindical Galega, o 2 de abril de 1990, polo que a INTG e CXTG, mantendo a súa independencia orgánica, coligábanse a efectos legais e polo tanto de interlocución na empresa e diante das institucións oficiais. Isto permitía recuperar o carácter de “sindicato máis representativo” e a presenza nos organismos con  representación sindical, que se perdera coa ruptura do ano 1985, tanto en Madrid como na OIT en Xenebra.

Nas eleccións sindicais de 1990, a CIG presentouse co lema “entra na forza da unidade”, e  acadou un 23,2% do total de elixidos/as na Galiza, 3.527 delegados e delegadas. Era un avance en relación ás eleccións de 1986, cando a CXTG e a INTG conseguiran o 10,5% e o 10,28% respectivamente (2.387 delegados/as e un 20,78%), o que amosaba a eficacia da coalición. Ademais, superaba os resultados de 1982 (antes da ruptura), cando a INTG acadara 1.651 representantes nas empresas galegas (18,94%).

Ábrese entón un novo período de loitas, fronte a unha Xunta presidida por Fraga, no que a CIG (CXTG-INTG) terá un maior protagonismo. Por exemplo: dos mariñeiros da flota do caladoiro de Namibia, do sector da lousa de Valdeorras, co paro de 13 días no metal da provincia de Pontevedra, coa folga na comarca de Ferrol, ou cunha manifestación nacional convocada polos sindicatos obreiros en Compostela o 12 de xuño, na que participaron oito mil persoas. Tamén as organizacións agrarias mobilizaron o 2 de decembro 20.000 manifestantes no 1991.

O 2 de abril de 1992 realízase unha folga nacional na Galiza, que conta co apoio das centrais sindicais, agrarias e estudantís. Este paro, que ten un enorme seguimento, forza os acordos para impulsar o emprego entre Xunta e sindicatos, que serían en boa medida incumpridos polo Partido Popular. A situación económica e laboral continua a se deteriorar. En 1993 prodúcense 1.000 expedientes de regulación que atinxen a 30.000 asalariados/as, e no ano 1994 o desemprego abrangue a 205.000 persoas. Son os efectos perversos da entrada na Unión Europea, onde, ao carecermos de soberanía, os sectores produtivos galegos úsanse como moeda de troco polo Goberno español.

Coa data de unificación da CXTG e INTG xa anunciada, o 27 de xaneiro de 1994 realízase unha nova folga xeral, unitaria, esta vez para se opoñer a unha ampla contrarreforma do PSOE que atinxe o desemprego, as pensións, os contratos, os salarios dos funcionarios, etc. Malia o éxito da protesta, o Goberno non cede e CC.OO. e UGT optan por dar un paso atrás, coa escusa de continuar a loita convenio a convenio na negociación colectiva.

O 19 de marzo de 1994 realizase o Congreso Constituínte da CIG, agora co nome de  Confederación Intersindical Galega, en Santiago de Compostela. Previamente tanto a INTG como a CXTG realizaron os seus respectivos congresos para aprobar os acordos de unificación. No evento  tiñan dereito a voto 800 delegados e delegadas que aprobaron os Estatutos e o Programa, e elixiron unha Executiva confederal integrada por 16 persoas (oito de cada central). Entre estes últimos estaban, o secretario xeral, Fernando Acuña Rúa (que antes o fora da CXTG), que presidiría a Executiva e o Secretariado; e o secretario confederal, Manuel Mera Sánchez (que fora secretario xeral da INTG), que presidiría o Consello Confederal e o Congreso; ambos os dous eran “os máximos representantes públicos da CIG”, segundo os Estatutos aprobados.  O resto dos elixidos foron: Luís Burgos Díaz, Humberto Busto Abella, Emilio Cagiao Deibe, Xan Andrés Carballo Rodríguez, Xoán Cons Pintos, Manuel Díos Diz, Adolfo Santiago Fraga López, Rosa Garrido Burgo, Xesús Ramón González Boán, Xosé Ramón González Losada, Rafael Iglesias García, Ramiro Oubiña Parracho, Xosé Luís Romero Falque e Xesús Eladio Seixo Fernández.

A CIG dotouse dos seguintes principios de carácter xeral: Sindicalismo de clase. Nacionalismo (“porque Galiza é unha nación sen soberanía política, ao servizo de intereses alleos, sometida e dependente económica, política e culturalmente (...) a procura da soberanía e dereito de autodeterminación son para nos irrenunciábeis (...), a CIG é parte do movemento nacionalista galego”). Autoorganización, entendendo que ningún dos principais problemas de Galiza se pode resolver favorabelmente aos intereses do noso pobo se este non toma conciencia da súa propia identidade e traduce esa conciencia en organizacións propias e soberanas; a CIG é a expresión da autoorganización dos traballadores e traballadoras galegas. Solidariedade e internacionalismo. Democracia e participación. Independencia e soberanía na toma de decisións. Pluralismo. Transformación da sociedade. Unidade da clase traballadora. Normalización lingüística.

Na introdución do Programa destácase como obxectivo: a “construción, neste vello país, dunha sociedade sen explotadores nin explotados, máis xusta, libre e solidaria”. Nos Estatutos aprobados, a CIG asume como propios o Himno Galego e a Internacional. E como simboloxía: “A bandeira da CIG é vermella, co seu anagrama no ángulo superior esquerda en cor amarelo. A CIG asume como propia a bandeira nacional galega coa estrela vermella de cinco puntas”.

Nas eleccións sindicais de 1994-1995 notáronse os primeiros efectos da unidade xa que a CIG deu un novo pulo, acadando o 26,67% dos delegados e delegadas sindicais; un total de 3.924, por 4.264 para CC.OO. e 4.635 para UGT. Esta última central perdía 7,37 puntos en relación ás eleccións do ano 1990 e a CIG gañaba un 3,4% de representación. O proceso electoral coincidirá, entre outros co conflito do fletán, coa loita contra o peche de Massó, e coas mobilizacións contra o desmantelamento do naval e o recorte nas retribucións dos empregados públicos.

Porén, sen dúbida o que máis se reforzou coa unidade do sindicalismo nacionalista foi a  afiliación sindical e a capacidade mobilizadora. O número de afiliados e afiliadas cotizantes pasou de 27.000 no ano 1994 a 70.000 na actualidade. Un avance impresionante. O crecemento da afiliación, do número de delegados/as, así como manter a liña de defensa intransixente dos intereses nacionais e de clase das traballadoras e traballadores galegos, traduciuse nunha maior capacidade mobilizadora propia. Tal como aconteceu nas folgas xerais do 15 de xuño de 2001 e do 20 de xuño de 2002. E xa nesta conxuntura de axuste neoliberal, realizáronse os paros xerais do 29 de setembro de 2010,  do 27 de xaneiro de 2011 (convocado este en solitario pola CIG), así como os do 29 de marzo e do 14 de nevembro de 2012. Tanto no paro de setembro de 2010 como no de marzo de 2012, a CIG convocou a folga e realizou marchas independentes, e na última foi promotora do paro xunto co sindicalismo vasco. Non menos significativos foron os conflitos de empresa que superaron os dous meses de folga, dirixidos pola central, como Transportes La Unión (121 días), a recollida de lixo da Mancomunidade de Xinzo (76 días), e Albada-Nostián (108 días). A CIG estivo presente en practicamente todos os conflitos laborais e accións reivindicativas que se realizan na nación galega, tanto os do eido sindical como os de ámbito social, cultural e democrático.

A unificación da CXTG-IN e máis a INTG na CIG, deixando atrás un período de división organica, demostrou ser un paso necesario e acertado, malia se tratar dun proceso non exento de pequenos atrancos e susceptibilidades que vencer. O resultado foi unha central sindical nacionalista máis forte e con presenza en todos os sectores e recunchos da nación galega. Unha central sindical que hoxe ten por diante novos retos que vencer no camiño de rematar coa explotación de clase, e conquistar a liberación nacional de Galiza, nun mundo solidario.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto