Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Convocadas mobilizacións pola situación da Sanidade Pública tras do anuncio do maior peche de camas na historia do SERGAS
 
 

Convocadas mobilizacións pola situación da Sanidade Pública tras do anuncio do maior peche de camas na historia do SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 CIG, CCOO, CESM-OMEGA, CSI-F, SAE e UGT advirten das graves consecuencias desta medida para a asistencia sanitaria

Insisten en que forma parte da folla de ruta de desmantelamento da Sanidade Pública que ten o PP

20140509_103550

As organizacións CCOO, CESM-OMEGA, CIG, CSI-F, SAE e UGT, con representación no ámbito sanitario, compareceron esta mañá en rolda de prensa para analizar a actual situación da Sanidade Pública, tras do anuncio "dun peche de camas histórico en todos os hospitais de Galiza" mentres se padecen unhas listas de espera que consideran "tamén históricas". 

Ao dato oficial de 38.106 persoas en lista de espera, as organizacións sindicais da sanidade engaden as cifras de persoas nas listas de espera non estrutural, que elevarían a cifra de doentes agardando por seren atendidos/as a 60.000. Centos destas persoas "levan máis de 5 anos esperando unha intervención cirúrxica", subliñan.

Á denuncia do maior peche de camas de toda a historia da Sanidade Pública (serán máis de 1.200 camas diarias as que se pechen), súmase o bloqueo de axendas na Atención Primaria. As organizacións sindicais advertiron das graves consecuencias que estas medidas van ter para a asistencia sanitaria, salientando colapsos dos servizos de urxencias, o aumento considerábel das xa alarmantes cifras de espera e o aumento do paro no sector sanitario.

A Secretaria Nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explicou que "todas as medidas que se están a tomar desde o goberno do PP están encamiñadas á privatización e desmantelamento da Sanidade Pública, a entregala ás mans dos lobbys sanitarios, dos que, por certo, moitos Xerentes e até a propia Conselleira forman parte". Indicou que "nos servizos privatizados até agora son múltiples as deficiencias que vimos denunciando, polo que o argumento de que a privatización se fai por aforro e por mellorar a prestación, cae polo seu propio peso. Nunca presentaron un informe económico no que se recollera o tal aforro do que falan".

Sobre o peche de camas anunciado, Mª Xosé Abuín expresou o seu desconcerto polos criterios seguidos para elixir os servizos a pechar: "son criterios fóra de toda lóxica asistencial, como no caso de Xeriatría de Lugo, onde se pecha un servizo ocupado ao 100% durante todo o ano, argumentando un criterio de rotación. Xa estamos tremendo por cando na rotación lle toque pechar ao servizo de UCI ou de Urxencias".

Na comparecencia, tamén se denunciou que agora, coa negociación do Tratado de Libre Comercio entre a UE e EEUU ,vaise afondar na folla de ruta de desmantelamento da Sanidade Pública, impoñendo unhas condicións que impidan no futuro reverter os servizos privatizados á xestión pública.

Mobilizacións os días 14, 21 e 28 de maio

Para combater estas medidas, as organizacións sindicais anunciaron mobilizacións durante o mes de maio. Concretamente celebraranse concentracións os días 14, 21 e 28 nos centros sanitarios, simbolizando a falta de camas, de tal xeito que as protestas se van realizar coas persoas participantes deitadas no chan.

Ademais disto, dirixirán un escrito aos partidos políticos que se presentan ás eleccións "explicándolles a grave situación que está a atravesar a Sanidade Pública" e a visión das organizacións sindicais “do que debería ser unha política de defensa e mellora da Sanidade Pública".

Así mesmo, valoran continuar coas mobilizacións de denuncia e non descartan elevar a presión con outro tipo de medidas.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto