Noticias Sanidade Pública Outras novas Deitadas e deitados no chan para protestar polo peche de camas nos hospitais durante o verán
 
 

Deitadas e deitados no chan para protestar polo peche de camas nos hospitais durante o verán

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
As organizacións sindicais denuncian a “folla de ruta” da Xunta do PP “encamiñada a privatizar e desmantelar a sanidade pública”
.
Deitadas e deitados no chan pola falta de camas nos hospitais. Con esta imaxe as organizacións sindicais querían denunciar este mércores as consecuencias que vai ter o maior peche de camas decretado nunca polo Sergas para os meses do verán, que mesmo afectará a unidades enteiras nos hospitais. E por se non fose abondo, a Consellaría vai pechar tamén axendas de Atención Primaria. Todo isto provocará un grave deterioro da calidade asistencial, con colapsos dos servizos de urxencias e un grande aumento das listas de espera, ademais dun maior paro no sector sanitario.

Galería de imaxes

Estes últimos cinco anos, do 2009 ao 2014, foron os mais negros para a Sanidade Pública Galega, imperando recortes, copagamentos, continuas privatizacións de centros sanitarios e eliminación de postos de traballo, “co único obxectivo de poñer a Sanidade Pública ao servizo dos que buscan o negocio a conta de empeorar a saúde e a calidade de vida da cidadanía”. Esta é a denuncia que as organizacións sindicais con representación no ámbito da sanidade (CCOO, CESM-OMEGA, CIG, CSI-F, SAE e UGT) querían transmitir este mércores coas “concentracións deitadas” que se realizaron de xeito simultánea nas distintas áreas sanitarias do país.

En Santiago de Compostela está convocada unha concentración para mañá, xoves 15, ás 11:00 horas na entrada principal do CHUS.

Na folla de ruta do desmantelamento da sanidade

“A Xunta de Galiza de Feijóo e Mosquera ten na súa folla de ruta desmantelar a sanidade pública e dedícase a privatizar servizo a servizo (tecnoloxía, plataforma loxística, esterilización) e, agora co decreto de xestión clínica, pretenden que sexan as/os profesionais quen recorten as prestacións dos/as usuarios/as, constituíndo microempresas que a medio prazo poidan ser privatizadas”, denuncian no folleto repartido entre os/as usuarios/as. Cada ano os orzamentos en sanidade redúcense drasticamente co obxectivo de recortar as prestacións sanitarias. En contraprestación os copagamentos sanitarios incrementáronse nun 260%, supoñendo un imposto sobre a enfermidade das persoas con menos recursos.

Neste senso, a Secretaria Nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, subliña que “todas as medidas que se están a tomar desde o goberno do PP están encamiñadas á privatización e desmantelamento da Sanidade Pública, a entregala ás mans dos lobbys sanitarios, dos que, por certo, moitos Xerentes e até a propia Conselleira forman parte". Indicou que "nos servizos privatizados até agora son múltiples as deficiencias que vimos denunciando, polo que o argumento de que a privatización se fai por aforro e por mellorar a prestación, cae polo seu propio peso. Nunca presentaron un informe económico no que se recollera o tal aforro do que falan".

O maior peche de camas e a maior lista de agarda

Durante as protestas alertouse que o anuncio do maior peche de camas da historia en todos os hospitais de Galiza faise mentres padecemos unhas listas de espera “tamén históricas”, que segundo o SERGAS son de 38.106 persoas. Dato oficial que pretende pintar a realidade, xa que ocultan a espera non estrutural. Segundo confirmaron as centrais sindicais, as cifras reais que figuran hoxe no rexistro de espera de Galiza superan as 60.000 persoas. Centos destes/as pacientes levan máis de 5 anos agardando unha intervención cirúrxica.

A este respecto, indican que se poderían aproveitar os meses do verán empregando os quirófanos para alixeirar a lista de espera mais, polo contrario, a Xunta acorda pechar a metade deles.

Dende a CIG-Saúde témese ademais que, tal e como ten acontecido noutros anos, a Xunta non aproveite este peche para afondar no recorte de servizos e volva reabrir as unidades e camas. Unha situación que empeoraría considerabelmente a atención sanitaria.

Garantir o sistema público

Fronte a este ataque sistemático dende os gobernos do PP, as organizacións sindicais demandan que se blinde a sanidade pública contra das privatizacións e un compromiso firme e verídico dos gobernos na defensa do sistema público,, deseñando plans de choque para rematar coas listas de espera, empregando todos os recursos, poñendo a funcionar mañá e tarde os quirófanos e servizos centrais: laboratorios, raios, consultas, etc., dotándoos do persoal necesario para o seu funcionamento e cubrindo as xubilacións. “En definitiva, creando emprego e non destruíndoo a pasos axigantados”.

“Até o de agora, e co esforzo de todas e todos as/os profesionais do Sistema Sanitario Público en Galiza contábamos cun dos mellores servizos de saúde. Feijóo e Mosquera érguense en defensores/as da Sanidade Pública mentres participan no "lobby sanitario" SEDISA, xunto coa industria farmacéutica e empresas privadas. Estes son os compañeiros/as de viaxe que marcan a folla de ruta da Consellería de Sanidade e da Xunta”.

 

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto