Noticias Persoal Outras novas A Secretaría da Muller denuncia que dereito a decidir das mulleres sexa aínda un dereito pendente de construción
 
 

A Secretaría da Muller denuncia que dereito a decidir das mulleres sexa aínda un dereito pendente de construción

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

28 de maio: Día de Acción Mundial pola Saúde da Muller, Dereitos Sexuais e Dereitos Reprodutivos

Pancarta Dereito A Decidir

Ante a conmemoración o 28 de maio do Día de Acción Mundial pola Saúde da Muller, Dereitos Sexuais e Dereitos Reprodutivos, a Secretaría das Mulleres da CIG reclama o dereito a decidir das mulleres por seren dereitos humanos pendentes aínda da súa construción.

Desde a Secretaría das Mulleres da CIG denunciamos un ano máis que en pleno século XXI ás mulleres prívasenos dun dereito fundamental, que é o de decidir sobre os nosos corpos, a nosa sexualidade, e a nosa maternidade. O mero feito de primar a decisión doutros, ben sexa o estado, a igrexa, os tribunais, a parella, o pai ou a nai, o persoal médico, é un feito que amosa por si mesmo que ás mulleres se nos exclúe do dereito que como cidadás temos, dereitos humanos universais que son o dereito da sexualidade, a reprodución e do corpo.

As mulleres da CIG exiximos o noso dereito a tomar decisións autónomas e informadas, a acceder aos medios e métodos que aseguren a nosa saúde sexual e reprodutiva. So nós ás que nos compete elixir a nosa orientación e actividade sexual, sobre o número de fillas e fillos a ter e o seu intervalo. E temos dereito a non sufrir violencia ni tratos inhumanos ou degradantes no ámbito sexual e reprodutivo.

Denunciamos un sistema patriarcal que segue empeñado en relegar ao espazo privado a sexualidade e a reprodución, e a imposibilitar unha educación sexual temperá, ausente de roles de xénero e de estereotipos moralistas, sempre dirixida á heterosexualidade, ás persoas que manteñen relacións estábeis, sen ter en conta a diversidade.  Cando debería inculcar durante os anos formativos unha conduta sexual responsábel, sensibilidade e equidade nas relacións entre os sexos.

O marco xurídico e político a nivel internacional recoñece que os dereitos sexuais e reprodutivos son dereitos humanos que os poderes públicos teñen a obriga de recoñecer, promover e garantir, tal e como recolle a actual Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, a cal ademais  introduciu un cambio fundamental para as mulleres, ao ficar a  interrupción voluntaria do embarazo fóra do Código Penal.

O goberno do Partido Popular pretende coartar os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. En Galiza boicoteou a posta en marcha da Lei, reforzando a entidades antiabortistas e ultradereitistas mentres acometeu un recorte sen precedentes en materia de igualdade e servizos públicos e de atención ás mulleres.

O desmantelamento do sistema sanitario público (recortes, copagamentos, privatizacións) repercute dobremente nas mulleres, prexudicadas tanto nas medidas aplicadas con carácter xenérico a todas as persoas usuarias, como pola cancelación de programas concretos dirixidos ás mulleres, que mellorarían a súa calidade de vida.

A reforma da lei do aborto vai encamiñada a  criminalizar de novo a interrupción voluntaria do embarazo e reducir o acceso a métodos anticonceptivos e a servizos de educación e saúde sexual e reprodutiva. Prima o dereito a decidir do estado, da igrexa, do persoal médico ao da propia muller embarazada. Non só supón un ataque frontal á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, senón sobre o seu dereito a tomar decisións libres e autónomas sobre ás súas vidas e corpos. 

Neste 28 de maio, Día de Acción Mundial pola Saúde da Muller, Dereitos Sexuais e Dereitos Reprodutivos, a Secretaría da Muller demanda da Xunta de Galiza:

-    Que poña en marcha as medidas que sexan precisas para garantir que en toda a rede pública sanitaria galega realicen interrupcións voluntarias do embarazo

-    Que a información que reciban as mulleres previa á manifestación do seu consentimento non proveña dunha entidade antiabortista como Red Madre, senón dos propios servizos de saúde

-    Que se humanice, dote de medios e garantice un parto respectado na sanidade pública, así como o acceso ás técnicas de reprodución asistida ás que desexen ser nais (con independencia de se teñen parella ou da súa orientación sexual) na rede pública de saúde.

-     Rematar coa obxección de  conciencia na Sanidade Pública.

-     A educación sexual e reprodutiva, que teña en conta a diversidade afectivo/sexual, debe  formar parte do currículo académico desde o ensino medio.

-    Realizar periodicamente campañas formativas e informativas sobre métodos anticonceptivos nos centros de ensino superior e universitario. 

-    Que poña fin ao desmantelamento dos COF (Centros de Orientación Familiar) de Galiza, mantendo os centros, reforzando o seu persoal, xunto co desenvolvemento do Programa de Saúde da Muller en Galiza.

ManiFestaAcción o 15 de xuño

A CIG, como organización integrante da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, fai un chamamento á poboación para que arroupe a manifestación nacional que terá lugar o domingo 15 de xuño ás 12 horas desde a Estación do Tren de Vigo, e a que participe nas actividades programadas durante toda a xornada na Romaría Lila de Vigo, POLO NOSO DEREITO A DECIDIR SOBRE OS NOSOS CORPOS.

Manifestación

•    11:30 Concentración na Estación de Tren

•    12:00 Manifestación que terá o seguinte percorrido: Areal > Concepción Areal > Montero Ríos > Cánovas del Castillo > Carral > Bamboa > Gamboa > Oliva > Palma> Triunfo > Praza da Constitución > Praza do Sereo.

•    13:00 Lectura do manifesto na Praza do Sereo.

•    13:30 Asemblea aberta.

Festa

•    14:30 Xantar colectivo na Praza do Pobo Galego onde haberá tallos para xantar, e un espazo para o descanso.

•    15:30: No escenario da Praza do Sereo comezarán as actuacións e contaremos con música até as 18:00 horas. Xa está confirma a participación de:

o    Isabel Risco como mestra de cerimonias

o    Habelas Hainas

o    Sacha na Horta

Romaría Lilá

•    13:00 Abriranse as mesas con materiais feministas, de venda de artesanía, libros, comida e bebida. As mesas estarán colocadas desde a Rúa do Príncipe até a Praza do Pobo, ao carón da rúa Doutor Cadaval (detrás da Praza do Sereo).

Máis info na web da Plataforma http://feminismo.eu/PlataformaAborto/

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto