Noticias Outras novas Outras novas A CIG defenderá no próximo pleno do Parlamento a ILP polo emprego
 
 

A CIG defenderá no próximo pleno do Parlamento a ILP polo emprego

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Chega ao seu debate na cámara co respaldo de máis de 31.000 sinaturas, co apoio de concellos, comités de empresa e organizacións sociais e políticas
O vindeiro martes día 10 de xuño o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, defenderá no pleno do Parlamento a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola central sindical na que se recollen 100 medidas para promover o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza. Unha ILP que chega avalada por máis do dobre das sinaturas necesarias e que conta ademais co apoio de numerosas organizacións sociais, políticas, comités de empresa e concellos.
14-04-02 manifestacion 001

Deste xeito, a central sindical consegue que o que hoxe é un dos principais problemas das galegas e galegos: o desemprego, pase ao primeiro plano do debate institucional no Parlamento, que é quen pode, e debe, adoptar medidas para darlle unha solución.

A CIG iniciou o percorrido desta ILP no mes de setembro de 2013 coa súa presentación pública. Daquela a central sindical xa anunciaba que a súa intención era abrir un amplo debate social e político sobre a gravísima situación xerada pola crise económica e as políticas neoliberais adoptadas. Políticas que lonxe de xerar emprego provocaron a súa masiva destrución, o deterioro das condicións laborais e de vida da clase traballadora, o empobrecemento e a exclusión social de miles de desempregados/as e a expulsión de Galiza de miles de mozos e mozas que se viron abocados a emigrar para atopar un posto de traballo.

A partir de aí, e co rexistro da ILP no Parlamento no mes de outubro, iniciáronse os traballos de divulgación dos seus contidos e de recollida de sinaturas, cunha intensa campaña durante a que se celebraron múltiples asembleas, innumerábeis repartos, actos informativos na universidade, nas rúas ou con asociacións veciñais.

Xunto a isto, a CIG promoveu  a presentación de mocións en apoio á ILP, que foi debatida en máis de 60 concellos de toda Galiza e ten constancia de que foi aprobada en, cando menos, 28 concellos.

A central sindical conseguiu tamén máis do dobre das sinaturas necesarias para a súa tramitación, un total de 31.232 e o apoio de comités de empresa tan relevantes como o de Navantia ou o de Pull&Bear, o que sumado a todo o anterior supón un importante respaldo que debía levar a que as propostas contempladas na Iniciativa Lexislativa foran tomadas en consideración por parte do grupo maioritario, o PP, o vindeiro martes.

E é que na rolda de contactos mantida cos grupos parlamentarios, todos, agás o Partido Popular, manifestaron a súa disposición a apoiala. Porén o PP limitouse a transmitir o seu compromiso de analizar polo miúdo os seus contidos e a manter un novo contacto antes de que se dera o seu debate en pleno. Contacto que, a esta altura, non se chegou a producir.

100 medidas

A ILP recolle un total de 100 medidas en materia fiscal, financeira, laboral, social, enerxética ou industrial, entre outras, que considera imprescindíbeis para recuperar a actividade dos nosos sectores produtivos e que se cree emprego digno no país.

A maior parte delas demostran que si é posíbel facer outras políticas que sexan realmente xeradoras de emprego e para a súa posta en práctica teñen competencias o Parlamento de Galiza e máis o Goberno galego. Porén para adoptar outras medidas, as competencias residen no Congreso ou dependen do goberno español.

A este respecto, a central sindical considera que neses casos, as institucións teñen a obriga de exixir a súa transferencia, entendendo que ningún goberno que queira actuar como tal pode derivar a súa responsabilidade noutras institucións ou na súa falta de competencias.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto