Noticias Sanidade Pública Outras novas Acampada en Vigo contra o masivo peche de camas no SERGAS
 
 

Acampada en Vigo contra o masivo peche de camas no SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A Plataforma Sindical Sanitaria convoca unha manifestación en Vigo para o sábado 21 de xuño ás 12 horas desde o Marco
.
Representantes das centrais que conforman a Plataforma Sanitaria en Defensa do Sistema Sanitario Público, entre as que se atopa a CIG, compareceron hoxe en rolda de prensa para anunciaren unha acampada simbólica e manifestación para o próximo 21 de xuño ás 12 horas desde o Marco, en Vigo. A acción encádrase dentro da campaña contra o peche masivo de camas por parte do SERGAS e os planos de “hospitalización a domicilio”, que alén de degradar a atención a pacientes veñen acompañadas de privatizacións.
2014 06 16 Rolda Plataforma Sanidade Vigo 000

As organizacións convocantes realizan un chamado á cidadanía de Vigo para asistir o próximo sábado a unha mobilización convocada contra a “destrución masiva do sistema sanitario público en beneficio de intereses privados”, e que vén dar continuidade ás numerosas accións realizadas nas últimas semanas contra o masivo peche de camas hospitalarias para o verán. Un proceso que, segundo a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín “provocará un aumento das listaxes de espera, provocando que os e as doentes colapsen os servizos de Urxencias”.

No caso particular de Vigo, alértase de que a situación estival deste ano é premonitoria do que sucederá co futuro hospital da cidade, consolidando unha “importante diminución de camas” que situará a área sanitaria por debaixo da media galega. A situación vén agravada polo peche de quirófanos, que as centrais cifran en 6 no Meixoeiro, 6 no Xeral e 4 no Cíes a respeito do ano anterior.

Ademais, contrapoñen a suposta “diminución da demanda asistencial” alegada pola Xunta coa existencia dunhas listaxes oficiais de espera de máis de 38.000 persoas, que acadarían a cifra de 60.000 contabilizando os que serán atendidos en centros privados. Alén destas derivacións, o SERGAS tenta diminuir as listaxes de espera ofrecendo operacións noutras áreas sanitarias, dándose casos de usuarios/as de Vigo aos que se lle ofreceu seren intervidos en Burela ou Monforte baixo a ameaza, en caso negativo, de pasaren ao final das mesmas. A situación vése agravada ao teren que ser revisadas/os nas súas áreas de orixe, co consecuente “desapego entre prefesionais”.

A “trampa” da hospitalización a domicilio

A secretaria nacional da CIG-Saúde denunciou que o peche de camas vén acompañado dun modelo de “hospitalización a domicilio” que empeora a prestación do servizo. “O único que están a provocar son altas precipitadas e que os pacientes sexan coidados nas súas casas polas familias”, incrementando cargas “que teñen que soportar na maioría dos casos as mulleres”.

Ademais, a ausencia de programas para enfermos crónicos sumado á diminución de profesionais de atención primaria “fan inviábel a hospitalización a domicilio”, condenando as e os doentes a altas prematuras e a ficaren na casa “sen que ao SERGAS lle importe a calidade asistencial nen a necesidade de coidados que teñen”.

Desemprego en profesionais sanitarios

O proceso de recortes e privatizacións vén acompañado dun incremento no paro sanitario, dándose moitos casos de profesionais que este ano aínda non foron contratados/as, e que nen sequera van ter oportunidade de emprego no verán en base á política de cobertura de vacacións e ao peche de camas. A redución estival na atención primaria impedirá, ademais da xeración de postos, realizar unha asistencia domiciliaria de calidade.

E é que a pesar do maior número de contratos, non existe unha equivalencia no emprego xerado. Deste xeito, dunhas listaxes de enfermaría integradas por 1.500 persoas de media nas diferentes áreas sanitarias, “non están a traballar nen o 20%”. Noutras categorías como a de celadores/as o índice de contratación xa fica por baixo do 2% nalgunhas áreas.

Desde as centrais insístese tamén en que a política de contratación do SERGAS está a xerar unha grande precarización, con contratos de 4 horas ou dun día para milleiros de profesionais.

Dar a batalla pola Sanidade Pública

Desde a CIG-Saúde lémbrase que nestes últimos catro anos de goberno do PP, a Xunta leva recortado máis de 300 millóns de euros na Sanidade Pública. Esta situación podería cobrar tintes dramáticos a partir do ano que vén mediante o recorte do 0,4% do orzamento sanitario estatal que contempla o “plano de estabilidade” apresentado por Rajoy á Comisión Europea.

Fronte un modelo que pretende financiamento público a través dos impostos para unha prestación de servizos privada, que xerará unha “sanidade de primeira e outra de segunda”, a plataforma sindical chama a continuar a dar a batalla. “Hai que loitar contra a fragmentación, os repagamentos e as privatizacións, porque as empresas só pretenden atender aquelas patoloxías que lle resultan rendíbeis”, sinalaron.

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto