Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG lanza unha campaña contra o repago farmacéutico
 
 

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG lanza unha campaña contra o repago farmacéutico

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncian que son, xunto con doentes crónicos/as, os/as máis afectados/as por esta medida
.
O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG anunciou esta mañá, en roldas de prensa simultáneas en todas as comarcas de Galiza, a posta en marcha dunha campaña informativa e de recollida de sinaturas contra o repago farmacéutico. Nas múltiples comparecencias convocadas denunciáronse as graves consecuencias que esta medida ten sobre todo para as persoas máis enfermas, que son as que máis medicamentos precisan, demandouse a gratuidade dos medicamentos e exixiuse que a sanidade pública se siga a financiar cos impostos, vía IRPF.

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG lembrou que en abril de 2012 o PP estebeleceu un sistema de copagos que afectan esencialmente a pensionistas e doentes crónicos/as, dificultando o acceso a medicacións e prestacións sanitarias indispensábeis para a súa saúde, converténdose nun novo imposto á enfermidade.

Nas roldas de prensa explicaron que ese sistema de copago consiste en volver pagar por algo que xa se paga a través dos impostos (renda, IVE, céntimo sanitario na gasolina...).

Tamén denunciaron a retirada do financiamento público de máis de 400 medicamentos moi usados como os destinados a catarros, diarreas ou estreñimento. Un 'medicamentazo' que obriga a pagar o 100% do seu prezo nas farmacias e que afecta a toda a poboación, pero máis a un colectivo que pola súa idade ten máis doenzas deste tipo.

Repago de medicamentos de dispensación hospitalaria

Para o ano 2014 o goberno aprobou tamén unha resolución pola que se introduce o copago de medicamentos que se dispensan nas farmacias dos centros hospitalarios. Unha medida coa que pasarían a cobrar medicamentos que se dan para doenzas como cancro de mama, de ril, tumores cerebrais, tumores malignos do aparello dixestivo, leucemia mieloide crónica, artrite reumatoide, dexeneración macular ou hepatite C crónica, entre outras.

Estes medicamentos de uso hospitalario están aínda exentos de copagamento, pero o goberno aprobou que as/os doentes fagan unha achega dun 10 por cento do seu prezo, cun máximo de 4,20 euros por envase. Malia estar aprobado, de momento, nin unha soa comunidade autónoma, nin sequera as gobernadas polo PP, puxeron en práctica esta medida. Porén, onte mesmo a conselleira de Sanidade, no Consello Galego de Saúde afirmou que aínda que non se vai aplicar de forma inminente, é unha medida equitativa.

O copago afecta a outras prestacións da sanidade pública, ademais da farmacéutica: prestación ortoprotésica, prestación con produtos dietéticos e transporte sanitario non urxente e pode estenderse a outras como as relacionadas coa saúde sexual e reprodutiva.

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG denuncia que o PP pretende xustificar todas estas medidas a través dun bombardeo de falsas mensaxes que nos din que “o sistema sanitario é insostíbel” debido ao incremento do gasto e a unha suposta sobreutilización dos servizos porque as e os pensionistas van moito ao médico, teñen moitos medicamentos nas súas casas...

“Ocúltase que o estado español dedica moito menos diñeiro que a media da unión Europea para a Sanidade Publica e ten resultados en saúde superiores á media”, afirmaron.

Ante esta situación aseguraron que co repago “perdemos todas e todos pero especialmente as e os enfermos crónicos, discapacitados, pensionistas e as persoas maiores pola pouca capacidade adquisitiva e porque teñen máis necesidade de asistencia, tres veces superior ao resto da poboación, por ter enfermidades crónicas que exixen atención continuada e tratamentos custosos”.

Nas diferentes roldas de prensa tamén se denunciou a enorme desproporción que hai entre a cantidade a pagar polos/as pensionistas con menos ingresos respecto do que teñen máis. Lembrouse que a pensión media en Galiza é de 728 euros ao mes e que hai unha grande porcentaxe de pensionistas con ingresos inferiores a esa cantidade.

Ante isto alertaron de que xa hai moitos/as pensionistas que están deixando de recoller os medicamentos prescritos o que está a provocar un deterioro da súa saúde e un incremento do gasto porque, ao final, “teñen que recorrer máis a urxencias e se producen máis ingresos hospitalarios”.

ACHEGAS FARMACÉUTICAS PARA PENSIONISTAS

RENDA ANUAL

APORTACIÓN MENSUAL

Menos de 18.000 €

8,26

Igual ou máis de 18.000 €

18,59

Máis de 100.000 €

62,00 €

ACHEGAS FARMACÉUTICAS PARA PENSIONISTAS DE CLASE PASIVAS: 30% do custo de cada medicina

FÁRMACOS DE DISPENSACIÓN HOSPITALARIA: 4,20 € por envase

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto