Noticias Outras novas Outras novas Para a CIG “Paula Prado mente” ao afirmar que se está a negociar cos sindicatos a recuperación do plus de altos cargos
 
 

Para a CIG “Paula Prado mente” ao afirmar que se está a negociar cos sindicatos a recuperación do plus de altos cargos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Considera que é unha burla, cando a central sindical mesmo promoveu unha ILP reclamando a súa supresión
.
A CIG manifesta a súa profunda indignación polas declaracións da portavoz do PP de Política Institucional, Paula Prado, quen afirmou esta mañá que se está a negociar cos sindicatos a recuperación do plus de altos cargos, ao que se poderían destinar fondos cando se recupere a economía. A coordinadora da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña, afirma ao respecto, con absoluta rotundidade, que “Paula Prado mente”.

A Área Pública da CIG manifesta que non existe ningún tipo de negociación nese sentido, nin sequera para recuperar moitos dos dereitos laborais e salariais perdidos polas traballadoras e traballadores da administración pública galega, algo que si se vén reclamando de forma reiterada por parte da central sindical.

Lonxe disto, Maria Carme López Santamariña asegura que a CIG non entraría, baixo ningún concepto, a negociar a recuperación deste plus contra o que mesmo presentou unha ILP demandando a súa derrogación. Unha ILP que foi debatida no Parlamento de Galiza en decembro de 2009 e que non progresou porque tanto o PP como o PSOE votaron a favor de que se mantiveran estes privilexios para os funcionarios que ostentaran eses cargos.

A coordinadora da Área Pública da CIG sinala que cando se anunciou a suspensión deste plus, en abril de 2013, a central sindical demandou novamente a súa desaparición definitiva da lexislación para evitar a súa recuperación nun futuro. A isto engade que este plus foi obxecto dunha enorme contestación social, reveladora do distanciamento que nesta materia existe entre a sociedade galega e moitos dos seus representantes políticos e subverte o principio de que o desempeño de cargos públicos ou de designación política non pode converterse nun atranco, pero tampouco nunha vantaxe, para a carreira profesional dos funcionarios.

Xunto a isto, López Santamariña, lembra que a CIG tamén manifestou a súa oposición ao mantemento deste privilexio na nova Lei de Emprego Público, porque xa daquela facía pensar, como agora se confirma, que a intención era recuperalo en canto a situación económica o permitira.

Por todo isto, a Área Pública da CIG reitera que, “Paula Prado mente”, que as súas palabras son “unha burla”, que non existe negociación algunha a respecto da recuperación deste plus e que a única opción que a central sindical contempla é a súa supresión definitiva.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto