Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Vinte anos hipotecados
 
 

Vinte anos hipotecados

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Transcribimos aqui un artigo publicado en Galicia Hoxe sobre a licitación do hospital de Vigo e o que vai costar ás arcas da Xunta:

 

A concesión do Hospital de Vigo, que podería estar listo no 2013, custaralle á Xunta máis de 1.400 millóns de euros cun canon anual de case 72 durante dúas décadas

A concesión do novo hospital de Vigo custaralle á Xunta máis de 1.400 millóns de euros, co pagamento dun canon máximo anual de 71,6 millóns durante os 20 anos que dure a concesión e, segundo se recolle no contrato, todos os servizos sanitarios -así como a dotación de equipamento médico e informático- quedan excluídos, polo que se garante a asistencia "cen por cento pública".

Así o confirmou onte a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, que presentou en Vigo os pregos do concurso para a construción, financiamento e explotación do novo hospital da cidade olívica. Así mesmo, recalcou que, co modelo concesional elixido pola Xunta, a construción deste complexo custará 374,4 millóns -fronte os 463 millóns que custaría mediante a Sociedade Pública de Investimento-, e que "non xerará débeda pública".

Farjas explicou que os pregos recollen dous documentos: por un lado, un prego de condicións administrativas, e por outro, un de prescricións técnicas, e destacou ademais as vantaxes do modelo concesional elixido pola Xunta para construír o hospital, e xustificounos recordando que, no actual contexto de crise económica, "non se pode abordar a construción desta infraestrutura con outro mecanismo financeiro e nestes prazos". Así, subliñou que este sistema permitirá dispoñer do hospital en tres anos, unha maior eficiencia presupostaria e un maior aforro derivado de sobrecostes e outros imprevistos que serían asumidos pola concesionaria, sometida á "supervisión constante da Administración pública".

Con respecto ós prazos, Pilar Farjas recoñeceu que son "moi axustados" e explicou que, tras o período de presentación de ofertas e a licitación, as obras de construción -que xerarán 2.400 empregos directos- poderían empezar en decembro, para que o novo hospital estea rematado no segundo semestre de 2013.

Ó respecto, o voceiro de Sanidade do PSdeG no Parlamento de Galicia, Modesto Pose, rexeitou onte estes prazos e afirmou que a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, "sabe que mente" cando asegura que estará listo en tres anos. Ante esta conxuntura, anunciou que a súa formación política constituirá unha comisión na que participarán diversos axentes políticos, económicos e sociais, para "controlar" todo o procedemento de construción da nova infraestrutura sanitaria.

Nunha roda de prensa en Vigo, Pose reiterou o rexeitamento do PSdeG ó que, segundo denunciou, será un "hospital privado", se ben afirmou que a formación "non perde a esperanza de facer rectificar ó PP".

Así, xustificou o seu desacordo co modelo concesional elixido para o novo hospital porque "é moito máis caro", porque "se está a hipotecar o futuro sanitario" e porque o centro será "absolutamente privado" porque terá "donos durante 20 anos" aínda que traballe nel persoal do Sergas.

MOVEMENTO CIDADÁN

A Plataforma xa prepara un calendario de protestas

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública afirmou onte que seguirá mobilizándose para manifestar o seu rexeitamento ó modelo de financiamento da Xunta para o novo hospital de Vigo, ó considerar que, coa entrada da iniciativa privada, "se vai pagar moito máis" e se lle dará "un peor servizo á cidadanía". Así o afirmou o voceiro da Plataforma de Vigo, Manuel González, quen explicou que proximamente se presentará un calendario de mobilizacións onde se coordinarán accións por parte dos traballadores da sanidade pública e tamén iniciativas cidadás.

Ademais, González, que defendeu un hospital con financiamento público, afirmou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "engana cando di que non hai outra forma de financiamento" para o hospital que a elixida -a Xunta recorre a un modelo concesional-, e, por iso, recordou que "no presuposto de 2009" si se contemplaban fondos.

Así mesmo, rexeitou que un hospital de financiamento público tería un período de construción de 15 anos e tamén denunciou que, co modelo do actual Executivo autonómico, "se está a ocultar endebedamento que logo si haberá que pagar". De igual modo, lamentou que se atribúa ó modelo elixido a creación de 2.400 postos de emprego na construción da nova infraestrutura, sinalando que "tamén se crearían se o modelo fose outro".

Finalmente, mostrou a súa "indignación" por que os acusen de non querer un novo hospital para Vigo, posto que, segundo afirmou, a Plataforma sempre defendeu a necesidade desta infraestrutura para a área sanitaria. "Vigo xa necesitaba telo feito", puntualizou, pero "o que necesita, non este".

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto