Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria A Plataforma de Vigo anuncia mobilizacións
 
 

A Plataforma de Vigo anuncia mobilizacións

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Noticia extraida de Avantar:

A Plataforma anuncia novas mobilizacións contra o modelo de financiamento e xestión privada do hospital de Vigo

O colectivo acusa á Xunta de enganar a cidadanía e advirte que non tolerará a privatización da sanidade pública.
A Plataforma para a defensa da sanidade pública de Vigo compareceu esta mañá en rolda de prensa para anunciar que as mobilizacións contra a privatización do sistema sanitario galego van continuar adiante. A Plataforma, que rexeitou o modelo de financiamento e xestión privada anunciado pola Xunta para a construción do novo hospital de Vigo, acusou ao presidente do goberno galego de enganar á cidadanía e aos traballadores/as sobre un modelo que custará máis e achegará un peor servizo.

“A mensaxe é clara: a cidadanía da Área de Vigo e as/os profesionais da nosa comarca perseveraremos e intensificaremos a nosa xa demostrada oposición a esta escandalosa privatización, que se inicia en Vigo pero continua en Pontevedra para estenderse a toda a sanidade pública galega”, así de contundente se amosaba o voceiro da Plataforma, Manuel Moreira, ao inicio da comparecencia na que se valoraron os argumentos aducidos pola Xunta para xustificar o modelo de financiamento e xestión privada que pretende pór en marcha co novo hospital vigués.

Moreira advertiu da convocatoria inmediata dun novo calendario de mobilizacións na comarca de Vigo, que se vai estender a todas as vilas de Galiza para amosar ao PP que “non imos tolerar a privatización da sanidade pública. A cidadanía da área de Vigo é consciente que son os votos a única linguaxe que este goberno entende. E tamén é evidente que as políticas de acoso a esta cidade a e ao sur de Galiza empezan a crearlles problemas. Seguiremos creándollos, non o dubiden”, subliñaban dende a Plataforma.

O colectivo tamén quixo enviar unha mensaxe de advertencia ás empresas que teñan a “tentación” de presentarse como candidatas a construír e a explotar o novo Hospital, adiantando que se vai vixiar con atención cada unha das súas accións.

Moreira acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de enganar aos/ás profesionais da sanidade pública, ás institucións municipais da área sanitaria de Vigo, aos usuarios e usuarias do Servizo Galego de Saúde e a opinión pública en xeral, así como de confundir dun xeito deliberado á cidadanía sobre a creación de postos de traballo con este modelo, pois eses 2.400 empregos serían igualmente creados se o modelo elixido fose outro.

 

A Plataforma desmonta os argumentos da Xunta

Dende a Plataforma da Sanidade Pública da Área sanitaria de Vigo valoraron que, cos argumentos esgrimidos pola Xunta para iniciar a Licitación da construción do Novo Hospital de Vigo, recorrendo á financiamento e xestión privada, mediante a concesión de obra pública, preténdese:

1.- Enganar á opinión pública ao afirmar:

•    Que só a concesión de obra pública permite financiar e construír o Novo Hospital de Vigo. O goberno anterior aprobou que a Sociedade Pública de Investimentos fose a entidade responsable de financialo e construílo.

•    Que a financiación do Novo Hospital de Vigo a través da SPI non estaba contemplado nos orzamentos de 2009. Nos Orzamentos Xerais da Xunta de Galiza de 2009, para o período 2009-2011, contémplase unha partida de 300 millóns para esta finalidade.

•    Que as obras durarían 15 anos, xa que a Consellería de Sanidade e de Economía subscribiron o 26 de febreiro de 2009 un Plan Económico e Financeiro para financiar o Novo Hospital de Vigo nun período de 5 anos (do 2009 ao 2013) a pagar en quince.

•    Que a concesión de obra pública non significa privatización, xa que unha das condicións para que non consolide como débeda pública é necesario que a obra do hospital apareza no activo do balance da empresa concesionaria. Como chamamos entón que unha infraestrutura pública apareza no activo do balance dunha empresa privada?.

•    Que a financiamento a través da SPI xera débeda pública á Xunta de Galicia, cando a empresa pública GISPASA do Principado de Asturias, responsable da construción e financiamento do Novo hospital Central Universitario de Asturias, GISCARMSA da Región de Murcia ou a BIG do Goberno austríaco non o fan.i. Ao cabo que se contabilice ou non como débeda pública non supón ningunha vantaxe real xa que hai endebedamento e haberá que pagalo ás empresas concesionarias a un prezo moi superior que ás Sociedades Públicas de investimento.

2.- Paralizar a inversión sanitaria en Vigo:

•    As obras do Novo Hospital (con financiamento pública) deberían haber comezado o pasado ano 2009 (demorando a súa construción polo menos 2 anos). Ao final deste ano 2010 debería estar executada o 40% da obra.

3.- Confundir á cidadanía ao afirmar que a construción do Novo Hospital de Vigo por medio dunha concesión de obra pública creará 2.400 postos de traballo:

•    A construción dos hospitais públicos tradicionais non os creou? , nin tampouco a construción dos financiados por empresas públicas?.

4.- Facer trampa ao presentar por Trámite de Urxencia o Estudio de Viabilidade do Novo Hospital de Vigo:

•    Deste xeito evitou ter que presentar un estudo comparativo das diferentes posibilidades de financiamento e construción da infraestrutura pública xa que o Estudio de Viabilidade Ordinario esixe un estudo comparativo entre as diversas opcións de financiamento. Esta présa e urxencia contrasta co atraso de dous anos para o inicio da obra.

5.- Favorecer un “pelotazo económico” ás empresas concesionarias afíns ao PP cun malgaste de recursos especialmente grave en tempos de crise e de restricións de inversión en sanidade pública:

•    A Consellería pagará á concesionaria 1.566,4 millóns de euros : empezará pagando un canon anual de 55,5 millóns de euros que o último ano será de 141 millóns de euros. Ademais cédenselle ás empresas concesionarias uns ingresos de 256,1 millóns de euros por explotación comercial durante os 20 anos de concesión (sen que a Consellería perciba ningún canon pola concesión da explotación de ditos servizos). En resumo 1.108, 8 millóns máis que se se financiase pola empresa pública SPI.

6.- Trasladar a Galicia o modelo de financiamento e xestión hospitalaria posto en marcha por Esperanza Aguirre en Madrid, Francisco Camps na Comunidade Valenciana ou Jaume Matas nas Illes Balears:

•    O presidente da Xunta Núñez Feijoo pretende facer carreira política no PP beneficiando a empresas multinacionais e doutras CCAA interesadas nas magníficas oportunidades de negocio que supón a Concesión de obra Pública para financiar, construír e explotar hospitais. Ademais o volume dos consumos intermedios da sanidade galega repercute actualmente nun 90% en empresas galegas de produción e distribución de enerxía, comercio maiorista, transportes, telecomunicacións, intermediación financeira, actividades inmobiliarias e construción (a sanidade pública en Galicia contribúe á produción da economía galega cun 2% do total, superando a sectores como agricultura e gandería, pesca ou educación).

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto