Noticias Sanidade Pública Outras novas Ébola: crónica dun caos anunciado
 
 

Ébola: crónica dun caos anunciado

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

meixoeiro_vigoVimos de coñecer a noticia de que unha profesional da sanidade do Hospital Carlos III, onde se atendeu aos dous relixiosos infectados que foron repatriados para acabar morrendo en Madrid, deu positivo nas probas do Ébola. As informacións son variadas e confusas, mais parece ser que esta profesional comezou as súas vacacións xusto o día seguinte de que falecera o dr. García Viejo e que cando comezou con febre non moi alta o pasado día 30 de setembro, comunicouno ao Servizo de Prevención de Riscos, mais non se tomaron medidas de prevención nin foi ingresada ata este luns día 6 de outubro, cando as probas deron positivo a Ébola.

Descoñecemos cómo se estabeleceu o dispositivo e protocolos de atención ao Ébola na comunidade de Madrid, mais na Galiza desde a CIG-Saúde, xa no mes de agosto denunciabamos a improvisación coa que se estaba levando a cabo o procedemento:  o persoal do SERGAS enterouse pola prensa de que se decidira que o Hospital do Meixoeiro sería o centro de referencia para estes casos na Galiza, e tampouco tivo coñecemento do protocolo estabelecido ate despois de ser anunciado á prensa con toda pompa. A día de hoxe, inda que existe un protocolo e pautas de actuación ante un caso sospeitoso desta enfermidade, non se trasladou esta información con amplitude ao persoal nin se adestrou adecuadamente con casos prácticos, malia termos insistido desde a CIG-Saúde para que se forme e se informe correctamente a todo o persoal, nomeadamente ao persoal do Meixoeiro que será o encargado de atender estes casos. Tampouco se está a formar sobre o correcto emprego dos Equipos de Protección Individual para casos deste tipo.

Tamén na Comisión Central de Seguridade e Saúde se falou do tema, actuando a Administración con soberbia e condescendencia, sen decatarse de que estamos a falar dun andazo que, segundo podemos albiscar agora, a mala planificación e a improvisación das autoridades sanitarias veñen de trasladar a Europa. A modo de exemplo, e como caso máis paradigmático, o Comité de Seguridade e Saúde da Área de Vigo non foi convocado previamente ao estabelecemento do protocolo e nomeamento do Meixoeiro como centro de referencia, e só se reuniu cando xa fóra anunciado á prensa, malia as delegadas de prevención da CIG-Saúde solicitalo insistentemente por escrito.

Insistimos en que o SERGAS ten grandes profesionais, formados nos seus respectivos campos, que día a día dano todo para manter a flote a Sanidade Pública malia os costantes ataques que sofre desde os gobernos do PP, mais ante unha patoloxía desta entidade, que precisa duns equipos de protección e unha actuación non habitual no procedemento cotián da sanidade, cómpre máis información e formación, e, por suposto, cómpre unha planificación adecuada feita desde a humildade, que non estamos libres de que se dea na Galiza un caso entre usuarios/as da sanidade ou entre profesionais, como moi ben se acaba de comprobar en Madrid.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto