Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria No Día Mundial da Saúde Mental o Movemento Galego realiza unha proposta ao Parlamento
 
 

No Día Mundial da Saúde Mental o Movemento Galego realiza unha proposta ao Parlamento

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
datos-sobre-el-cerebroO MGSM promove cos Grupos Parlamentares no Parlamento Galego unha declaración institucional para o Día Mundial da Saúde Mental. Preténdese que a cuestión ocupe o lugar que lle corresponde nas prioridades das institucións de Goberno de Galicia.
Con tal motivo, realizaron entrevistas con representacións de todos os grupos, aos que se fixo entrega dun texto no que se fai unha análise da grave situación na que se atopa a atención sanitaria, social e legal ás persoas que en Galicia sofren Trastorno Mental Grave, finalizando con propostas para respostar ás necesidades existentes. Finalmente apoiaron o texto todos os grupos agás o PP.
 
PROPOSTA DO MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL AOS GRUPOS PARLAMENTARIOS DO PARLAMENTO DE GALICIA
Petición de aprobación dunha resolución na que o Parlamento de Galicia acorde unha declaración institucional o día 10 de outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental
RESOLUCIÓN:
Neste Día Mundial da Saúde Mental, e seguindo o chamado da OMS co seu lema “Vivindo con esquizofrenia”, este Parlamento quere facer visíbel a difícil situación na que se atopan unha boa parte dos cidadáns que padecen esquizofrenia ou outro trastorno mental grave -un colectivo estimado nuns 75.000 galegos-, co obxectivo de alertar aos poderes públicos responsabeis, e encetar un cambio real nas súas condicións de vida. Lamentabelmente os datos estatísticos obrigan a unha detida reflexión: unha esperanza de vida 20 anos inferior á poboación xeral; a máis alta taxa de suicidios do estado español; sete veces máis risco de sufrir desemprego; e os máis altos índices de exclusión social.
A crise económica veu actuar dramaticamente nun duplo fronte. Por unha banda, a política de recortes nos servizos públicos, nomeadamente sociais e sanitarios, conlevou un deterioramento na atención especializada e da cobertura das necesidades sociais básicas destos doentes, o que condicionou unha maior morbi-mortalidade. Por outra, o aumento da desigualdade e dos niveis de pobreza, tanto en intensidade –máis pobreza-, como en extensión –máis pobres, chegando a sectores cada vez máis amplos-, fixo agromar trastornos psíquicos, como expresión dos elevados niveis de sufrimento que moitas persoas están a soportar. Factores como o desemprego, a redución da protección social e sanitaria públicas, o incremento da emigración, a perda da vivenda, máis a xeneralizada sensación de inseguridade ante o futuro, son factores que agravan unha situación, xa moi preocupante mesmo antes do comenzo da crise. As persoas con trastorno mental grave, máis as que enferman nunha reacción ao empobrecemento, atópanse nun círculo de difícil saída: maior dano á saúde, e menos recursos para seren atendidos.
Os deputados do Parlamento de Galicia son coñecedores desta situación, tanto polo seu traballo en sede parlamentar -téñense presentado informes, preguntas, ditames e resolucións, tanto propias como doutros organismos e organizacións sociais e profesionais, informando da realidade que viven os enfermos mentais graves na Galiza-, como pola súa responsabilidade como representantes da soberanía popular. Correspóndelles pois, de xeito acorde coa súa misión institucional, feitas as consideracións previas, realizar as seguintes propostas instando ao seu cumprimento, tanto aos propios grupos parlamentares, como ao Valedor do Pobo, como mesmo ao Goberno da Xunta de Galicia, cada un no seu nivel competencial:
a) Instar aos Poderes Públicos, institucións públicas e privadas, axentes sociais e económicos, e á sociedade no seu conxunto, a asumir un compromiso real contra o estigma que sofren as persoas afectadas por trastornos psíquicos. Isto debe conlevar accións de discriminación positiva e un reflexo nos investimentos para facilitalo. Cómpre rematar coa discriminación social e laboral deste colectivo.
b) Poñer equitativamente ao alcance de todo aquel que o precise, os tratamentos psicolóxicos e médicos, e as intervencións sociais, que teñan demostrada eficacia para mellorar o dano causado pola enfermidade mental, no coñecemento de que, con asistencia apropiada, actitudes solidarias e apoios axeitados, unha boa parte dos enfermos poderán desenvolver unha vida en condicións de saúde, normalidade e integración social.
c) A Xunta de Galicia debe aumentar o seu esforzo, sensibilidade e compromiso coa atención á saúde mental, e máis en particular co colectivo de persoas afectadas por un trastorno mental grave. Iso require, en cumprimento das orientacións dos organismos internacionais de referencia neste ámbito, a adopción urxente de accións de goberno guiadas polas seguintes orientacións:
  • A atención á saúde mental debe ser prioritaria para as políticas sanitarias públicas, mediante o deseño, promulgación e aplicación de estratexias e plans específicos. Estes terán en conta o risco agravado para a saúde mental do contexto actual de crise socioeconómica. Elaboración periódica dun Plan Estratéxico de Saúde Mental.
  • Reforzo da atención sanitaria ás persoas con trastorno mental grave, mediante as dotacións profesionais e materiais suficientes, unha organización de recursos axeitada, e a oferta de programas asistenciais específicos e eficaces. En particular no eido máis deficitario: o da atención comunitaria e da rehabilitación psicosocial. Presentación de Plans de Necesidades e Plans Funcionais para todas as áreas sanitarias para a atención dos doentes con trastorno mental grave.
  • Potenciar as medidas de protección social ás persoas afectadas por trastorno mental grave e ás súas familias. Cumprimento da Lei de Dependencia.
  • Desenvolver políticas activas de emprego dirixidas especificamente a promover a incorporación e sostemento na actividade laboral normalizada das persoas con trastorno mental grave.
  • Impedir a promulgación de calquera medida legal que actúe incrementando o estigma ou diferenciando negativamente ás persoas con trastorno mental grave, nomeadamente as actuais propostas de reforma do Código Penal.
O Parlamento de Galicia no ámbito das súas competencias e obrigas asume ante as persoas afectadas por trastorno mental grave e as súas familias, e ante a sociedade en xeral, o compromiso de intensificar o seguimento das políticas da Xunta de Galicia neste eido e de desenvolver as iniciativas lexislativas e propostas que procedan para avanzar na concreción das orientacións antes expostas.

Manifesto do Movemento Galego de Saúde Mental no Día da Saúde Mental
10 de Outubro
Día Mundial da Saúde Mental
En defensa dos dereitos, da plena atención sanitaria, da cobertura social, do emprego, dos dereitos civís e da non discriminación das persoas con Trastorno Mental Grave
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) diante da grave situación asistencial, social e laboral na que se encontran os galegos e galegas con Trastorno Mental Grave, chama a atención de toda a sociedade galega (das súas Institucións, das súas organizacións, dos seus representantes, dos medios de comunicación, e de todolos cidadáns e cidadás) sobre as carencias e abandono progresivo que están a sufrir máis de 75.000 persoas, coas que a Administración e a sociedade no seu conxunto teñen contraída a obriga de proporcionarlles os medios asistenciais, sociais e laborais necesarios para poder vivir con normalidade e dignidade no espazo social común.
A crise económica e a xestión realizada da mesma polo Goberno Central e a Xunta de Galicia emprobreceron máis ós máis pobres, debilitaron máis ós máis débiles, e marxinaron máis ós que xa estaban marxinados. Accións dos gobernantes como a supresión da cobertura universal da atención sanitaria, a redución das prestacións ós dependentes, a privatización de servizos públicos, a ausencia de plans de inserción laboral e outras políticas activas de emprego, os proxectos de reforma do Código Penal,..., agravaron as condicións de existencia de amplos colectivos da poboación. Como resultas diso, os que estaban mal agora están moito peor.É unha cuestión elemental de xustiza e de dignidade, tamén da que temos quen somos coñecedores do que está a ocorrer, enfrontar as actuacións que crean esta situación. Non podemos permanecer pasivos e deixar que sigan as cousas polo camiño que van. Quen tiña que responder ás necesidades deste amplo colectivo, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, está a adicarse á privatización do patrimonio sanitario de todos e a potenciar o negocio sanitario duns poucos. O Goberno, que debería estar utilizando os presupostos públicos para reducir a desigualdade social, está a contribuír co seu labor a protexer e aumentar os beneficios de minorías que xa estaban sobradas de riquezas.
O Día Mundial da Saúde Mental debe ser unha ocasión para que fagamos visible ó longo dos días que o preceden, nese mesmo día e nos tempos inmediatos que o han de seguir, as necesidades urxentes en saúde mental, e para que elaboremos democraticamente as respostas que deben darse de inmediato.
O MGSM, a través de actos públicos, de iniciativas cara os Grupos Parlamentares, por medio da difusión de información e con actos que chaman a atención sobre esta realidade, esixe:
  • A atención á saúde mental ten que situarse entre as prioridades sanitarias. Han de aumentarse os recursos de xeito acorde co aumento das necesidades. Deben desenvolverse os plans e a Estratexia en Saúde Mental que a situación en Galicia necesita con urxencia .
  • Ten que reforzarse, prioritariamente, a atención sanitaria ás persoas con trastorno mental grave.En particular a atención comunitaria e a rehabilitación psicosocial. Urxe a presentación de plans funcionais en tódalas áreas sanitarias.
  • Debe cumprirse o previsto na Lei de Dependencia e ampliarse as medidas de protección social ás persoas afectadas por trastorno mental grave.
  • Necesítanse politicas activas de emprego para promover a incorporación ó traballo das persoas con trastorno mental grave de xeito acorde coas suas capacidades enecesidades.
  • Debe impedirse a elaboración e promulgación de calquera medida legal, en particulara que aínda se pretende na reforma do Código Penal, que poida discriminar negativamente ás persoas con trastorno mental. O proxecto do Ministerio de Xustiza aínda non está abandonado, e só contribúe a aumentar a estigmatización das persoas afectadas por trastornos mentais e, con iso, o seu sufrimento e exclusión social.
Por estes motivos, con estas reivindicacións e co coñecemento que as sustentan, o MGSM chama a tódalas persoas e organizacións que o forman á implicación nas accións que se desenvolvan, a desenvolver iniciativas alí onde traballen, alí onde se relacionen ou alí onde vivan.
O 10 de outubro debe ser un día no que Galicia coñeza máis de como está, no que as persoas afectadas por trastorno mental grave sintan que teñen un lugar estimable na sociedade e que todos defendemos con eles os seus dereitos, e tamén no que quen nos goberna responda publicamente do que non está a facer.
 
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto