Noticias Persoal Outras novas A CIG-Saúde demanda medidas para garantir o dereito á xubilación anticipada e parcial do persoal dos servizos de saúde
 
 

A CIG-Saúde demanda medidas para garantir o dereito á xubilación anticipada e parcial do persoal dos servizos de saúde

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Vén de solicitar xuntanzas cos grupos parlamentarios para que tramiten unha proposición non de lei instando ao goberno central a dar cumprimento á lexislación

roda de prensaA CIG-Saúde vén de solicitar xuntanzas con todos os grupos parlamentarios para que o Parlamento de Galiza tramite unha proposición non de lei na que se inste ao goberno central a dar cumprimento, nun prazo non superior a 6 meses, á disposición adicional sétima da lei 40/2007, do 4 de decembro, de medidas en materia de Seguridade Social e presente un estudo sobre a normativa reguladora da xubilación anticipada e parcial das empregadas/os públicas, recollendo a realidade específica do persoal estatutario e funcionario dos servizos de saúde, tomando en consideración as súas singularidades.

Unha vez feito isto, a CIG-Saúde demanda que o goberno central leve a cabo as medidas normativas necesarias para garantir coa maior urxencia o dereito do persoal estatutario dos servizos de saúde á xubilación anticipada e parcial. Así o explicou en rolda de prensa a secretaria nacional de CIG-Saúde, Maria Xosé Abuín, quen compareceu acompañada polos membros da Executiva federal Ana Lestón, Xoana Zamudio, Susana Méndez e Vitor Vila. 

Singularidades do persoal estatutario

Abuín sinalou ademais que o persoal estatutario ten singularidades que o distinguen do resto do funcionariado, pola propia natureza do servizo público sanitario. Neste sentido sinalou que o sistema sanitario ten prestación de servizo continua, as vinte e catro horas do día e os trescentos sesenta e cinco días do ano.

A isto engadiu que se trata de traballadoras e traballadores que desenvolven a súa actividade en contacto coa enfermidade e que sobre eles/elas recae a toma de decisións sobre a vida doutras persoas, a presión familiar ou o traballo a quendas…situacións que aumentan os problemas de saúde do persoal.

Explicou tamén que os plans de ordenación de recursos humanos que publica a propia Administración enuncian problemas como:

a) Unha pirámide de poboación envellecida, que segundo os referidos plans de ordenación incrementa o número de incapacidades temporais e o gasto no capítulo de persoal.

b) A imposibilidade de asumir os acordos sindicais relativos a que o persoal facultativo deixe de facer gardas ao cumprir cincuenta e cinco anos. O argumento para denegar as solicitudes é que cada día hai máis persoas nesta situación e increméntase o custo de facer contratos a novo persoal.

c) A imposibilidade de que o resto de persoal deixe de traballar en horario nocturno ao cumprir cincuenta e cinco ou sesenta anos. Son múltiples os estudos que falan dos danos na saúde polo cambios continuados de horarios.

d) A imposibilidade da Administración de adaptar postos a persoas con problemas de saúde laboral.

Un periplo xudicial “azaroso”

O recoñecemento do dereito á xubilación parcial do persoal funcionario e estatutario pasou por avatares contraditorios na década pasada, en parte como consecuencia dunha regulación legal deficiente e escasa. Por un lado, a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario (EMPE), remitíase á aprobación dos denominados plan os de ordenación de recursos humanos. Por outro, a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público (EBEP), remitíase a un ulterior desenvolvemento regulamentario nesta materia.

Nun primeiro momento, os órganos da xurisdición social adoptaron un criterio contrario ao recoñecemento do dereito, confirmado pola Sala Cuarta do Tribunal Supremo. Entendían que a aprobación dos planos de ordenación de recursos humanos eran condición sine qua non para o nacemento do dereito á xubilación parcial do persoal estatutario, de modo que tal dereito non era esixíbel entanto as administracións non contasen cos planos correspondentes.

Porén, unha vez que a competencia para resolver as demandas do persoal estatutario pasou á xurisdición contencioso-administrativa, os seus órganos asumiron maioritariamente que a pasividade da Administración á hora de facer o oportuno desenvolvemento regulamentario non podía impedir a efectividade do dereito. Este criterio chegou a ser confirmado pola Sala Terceira do Tribunal Supremo.

Porén, o recoñecemento do dereito en vía xurisdición contencioso-administrativa tiña moitos atrancos á hora de ser aplicado na práctica, dado que a Seguridade Social seguía a denegar o recoñecemento da pensión e esta decisión debía ser impugnada perante a xurisidición social, que mantiña maioritariamente un criterio contrario á estimación das demandas.

As vacilacións e contradicións na doutrina xudicial finalizaron coa sentenza da Sala Terceira, do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo do 14 de 2 xullo de 2011 (recurso 54/2008), que rectificou o seu criterio anterior para concluír que o dereito á xubilación parcial do persoal estatutario non se pode exercer sen desenvolvemento regulamentario. Eis os razoamentos clave da sentenza:

 

«O precepto [refírese ao artigo 26.3 EBEP] ademais de permitir ou abrir a vía a esa posibilidade de xubilación voluntaria, total ou parcial, cando traia a súa causa nalgún proxecto elaborado respecto diso pola correspondente Comunidade Autónoma, contén unha clara e expresa remisión á normativa de Seguridade Social e non permite a xubilación parcial anticipada ao persoal estatutario mentres esa posibilidade non sexa desenvolvida regulamentariamente, tal como o foi para o persoal laboral a partir do xa derrogado RD 1991/1984, de 31 de outubro, pasando logo polo RD 144/1999, de 29 de xaneiro, e ata chegar ao vixente RD 1131/2002, de 31 de outubro, que, no parágrafo oitavo do seu preámbulo, xustifica a necesidade de ditar normas de desenvolvemento e aplicación das disposicións contidas no art. 12.6 do Estatuto dos Traballadores. [...]

En suma, a doutrina xurisprudencial deste Tribunal recoñeceu que a modalidade de xubilación que se cuestionaba, só estaba claramente prevista e perfeccionada no ordenamento da Seguridade Social (art. 166.2 LGSS), desenvolvida regulamentariamente na actualidade no RD 1131/2002, de 31 de outubro, para os traballadores por conta allea (art. 12.7 ET), pero necesita un desenvolvemento propio e específico (tamén regulamentario: 166.4 LGSS), respecto de quen, como o persoal estatutario dos Servizos de Saúde, teñen un réxime xurídico moi distinto en relación coa prestación de servizos».

Polo tanto, aínda que o Supremo rexeitou formalmente o recurso de casación en interese de lei por considerar que a doutrina que se lle pedía fixar era demasiado xeral, deu materialmente a razón á Administración, que pasa a ter «a faca e o queixo», na medida en que a situación de bloqueo no desenvolvemento regulamentario do dereito á xubilación –que cabe ao Goberno central– impide a súa eficacia práctica.

Promesas lexislativas incumpridas

Como consecuencia do Acordo sobre medidas en materia de Seguridade Social, subscrito o 13 de xullo de 2006, foi promulgada a Lei 40/2007, do 4 de decembro, de medidas en materia de Seguridad Social . De conformidade coa súa disposición adicional sétima:  «No prazo dun ano, o Goberno presentará un estudo sobre a normativa reguladora da xubilación anticipada e parcial dos empregados públicos, así como do persoal das Forzas Armadas e ao servizo da Administración de Xustiza, que aborde a aplicación da normativa reguladora de tales modalidades de xubilación, as condicións en que esta aplicación no xere problemas de  sostenibilidade aos sistemas de protección social e a homoxeneización, en termos equiparábeis, dos diferentes réximes.

No devandito estudo contemplarase a realidade específica dos diferentes colectivos afectados, incluída a do persoal ao que lle é de aplicación a Lei 55/2003, de 16 de decembro, do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, tomando en consideración as singularidades que rodean ao mesmo, desde unha perspectiva acorde coas prioridades e garantías que se sinalan no parágrafo anterior».

A pesar dos anos transcorridos desde a aprobación da Lei, o persoal estatutario –así como o resto de empregadas e empregados públicos– segue sen ter garantido o acceso á xubilación anticipada e parcial, véndose frustradas as expectativas de dereito de multitude de persoas que, por razón da súa idade, aspiraban a acollerse a estas modalidades de xubilación.

Grupos Parlamentares

Esta proposta foi presentada xa a dous dos grupos presentes no Parlamento Galego (BNG e Grupo Mixto) que se comprometeron a trasladala ao pleno da cámara e dar o seu apoio. Están pendentes reunións cos outros grupos parlamentares, aos que tamén se lles remitiu a proposta.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto