Noticias Sanidade Pública Mesas Sectoriais Información Mesa Sectorial 5 de novembro
 
 

Información Mesa Sectorial 5 de novembro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cig informa

INFORMACIÓN DA MESA SECTORIAL

DÍA 5 DE NOVEMBRO DE 2014

Nesta reunión abordáronse os seguintes temas:

1.- Oferta de emprego 2014.

Nesta OPE (que se convocará en 2015) ofertaranse 103 prazas de persoal sanitario repartidas en 11 categorías. Abaixo tendes o cadro de prazas que a Admón. pretende convocar.

Desde CIG-SAÚDE exiximos a convocatoria do 100% das prazas, rexeitamos que se siga convocando o 10% das prazas vacantes. Esta oferta é ridícula, máis que unha oferta de emprego parece un insulto ás/aos traballadoras/es que teñen o lexítimo dereito a estabilizar o posto de traballo.

Desde o ano 2012 vense aplicando a taxa de reposición do 10%; isto provoca que as convocatorias de OPE sexan ridículas e non se convoquen OPE de todas as categorías. Se a anterior era a OPE da miseria, esta xa non sabemos como calificala.

Na OPE 2012 convocáronse prazas de FEAS e médicas de urxencias hospitalarias. A convocatoria foi de 176 prazas. No ano 2013 a oferta de emprego foi dirixida a medicas/os de familia e enfermeiras/os cun total de 165 prazas. E agora, na convocatoria de OPE 2014, ofrecen unha convocatoria de 103 prazas para 10 categorías sanitarias.

Se sumamos as prazas ofertadas nos anos 2012, 2013 e 2014, dá un total de 444 prazas. Se a Admón. non aplicase a taxa de reposición do 10% e convocase o 100% das prazas, a convocatoria de OPE sería de catro mil prazas (4.000 prazas), e poderían convocarse prazas de todas as categorías.

Esiximos unha convocatoria co 100% das prazas, cuantificada, cando menos, en 4.000 prazas vacantes, e para todas as categorías.

prazas ope2015

 2.- Convocatoria de OPE de médicas/os de familia (40 prazas) e enfermeiras/os (125 prazas).

Convocarase no DOG a finais de novembro ou na 1ª quincena de decembro.

3.- Concursos de traslados e OPE

a.- De persoal de xestión e servizos.

Entregan unha nova relación de prazas, no que o máis salientábel é que retiran as prazas de auxiliar administrativo e enxeñeiro/a técnico/a da Área de Vigo por mor das privatizacións e as reclasificacións de persoal posteriores. A convocatoria sairá a finais de novembro ou 1º de decembro.

b.-Concurso de traslados de persoal sanitario.

A listaxe provisoria de admitidos e a listaxe de adxudicación provisoria de destino sairá publicado o 14 de novembro.

c.-OPE de FEAS e médicas/os de urxencias.

Baremación provisoria da fase de concurso finais de novembro 1º de decembro.

Nesta reunión non aceptaron novas alegacións aos decretos de OPE.

4.- Información sobre Orzamentos do ano 2015.

A directora de RRHH deu unha información telegráfica sobre 3 temas dos orzamentos: paga extra, taxa de reposición e Galaria.

  • Paga extra, máis do mesmo. Van devolvernos parte do roubado no ano 2012 (os 45 días devengados que nos quitaron “ilegalmente” e que gañamos en múltiples sentenzas) en dúas anualidades: 2015 e 2016. Exiximos que nos devolvan a paga extra completa. Se o goberno do PP se empeña en devolvernos os 45 días da extra en dúas anualidades imos seguir xudicializando a reclamación da extra, xa que a Lei de Orzamentos do Estado contempla a devolución nunha única anualidade.
  • Taxa de reposición. Presumen do gran logro de que no ano 2015 a taxa de reposición vai ser do 50%. Iso si, o 50% das prazas que consideren necesarias.

Desde CIG-SAÚDE exiximos que a taxa de reposición sexa do 100%, e que se elimine da Lei de Orzamentos o parágrafo que recolle que a convocatoria de OPE será das categorías que a Admón. considere esenciais para a prestación sanitaria. Isto supón que hai categorías que non van ser convocadas.

  • Galaria. A Admón. vai presentar unha norma que recolle a subrogación dos/as traballadoras/es de Galaria á EOXI de Vigo; cada día inventan unha norma nova. Desde CIG-SAÚDE anunciamos que imos impugnar xudicialmente esta norma, desde cando existe subrogación do persoal estatutario. O que teñen que facer é disolver Galaria e integrar o persoal na xerencias correspondentes de Vigo e Ourense. Non deben ter claro que esta subrogación sexa legal, pois a directora alporizouse toda co noso anuncio de impugnación xudicial.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos falar de todo o referente aos orzamentos do SERGAS e da Consellaría de Sanidade. Solicitamos información do que aparece na memoria do SERGAS referente a “impulsar a xestión integrada do persoal de atención primaria e especializada”, é dicir, a non respetar o nivel de prestación de servizo de cada profesional. Tamén preguntamos polo desenvolvemento profesional no que o SERGAS afirma que está a traballar, será esta a Carreira Profesional? Vana seguir retribuindo?

Igualmente preguntamos polo que chaman proximidade, van desmantelar os hospitais comarcais? Non obtivemos resposta a ningunha destas preguntas.

Denunciamos o recorte de 29,77 millóns de € na atención primaria, os recortes en protección e promoción da saúde, e que o incremento na atención especializada sexa para pagar as privatizacións, diñeiro que se vai a detraer da asistencia sanitaria.

Recriminámoslle que un ano máis recorten os orzamentos en prevención e tratamento das drogodependencias.

5.- Decretos de creación da Axencia Galega de sangue, órganos e tecidos, e da Axencia Calega para o coñecemento en saúde.

Entregaron documentos e abriuse o prazo de alegacións ata o 21 de novembro.

Preguntamos se cada unha das unidades que se integren nestas axencias manterán as súas equipas directivas, a maiores da estrutura directiva da propia axencia. Cantos postos de directivos van ter estas axencias? Como se van nomear? Pregunta incómoda, reprocháronnos que a nosa preocupación fosen os cadro directivos.

Tamén preguntamos se a consultoría de Galaria se vai integrar na Axencia do coñecemento, tería toda a lóxica, dixeron que en principio non, pero que xa nos responderán ás nosas alegacións.

6.- Novo hospital de Vigo.

A Directora de Recursos Humanos comprometeuse a que o Xerente de Vigo lle entregue á Xunta de Persoal unha listaxe das persoas afectadas e as solucións que ofrecen.

Como CIG-SAÚDE exiximos que o que ten que facer a Admón. é garantir o 100% dos postos de traballo. Imos pedir un informe á nosa asesoría xurídica sobre se é correcta a aplicación do artigo 65 do Estatuto Marco, é dicir, se o persoal pode pedir excedencia para irse a traballar á concesionaria. O persoal ten que saber que se piden excedencia na pública xa non van poder volver, xa que en Vigo desaparecen estes servizos.

No referente á oferta que van realizar ao persoal interino para que pasen á empresa privada cun contrato laboral indefinido, seguiremos informando ao persoal que por mor da reforma laboral este contrato ten garantido un despido cunha indemnización irrisoria de 20 días por ano.

Segundo a Admón. ao persoal de mantemento non se lle van ofertar as reclasificacións, xa que este persoal vai ocupar outros postos que hai en Vigo; non aclararon se estaban a falar dos postos de traballo do Meixoeiro.

7.- Programa conecta 72 hs.

Informou o Director Xeral de Asistencia Sanitaria deste programa. O programa consiste nun seguimento desde atención primaria do doente que reciba unha alta hospitalaria.

No prazo de 72 h posteriores á alta hospitalaria a/o doente recibirá unha chamada telefónica da enfermeira de atención primaria, que lle fará unha enquisa regrada para detectar as necesidades da/o doente. Pretenden evitar novos ingresos hospitalarios.

Desde CIG-SAÚDE comentamos que a enfermeira de primaria que vai xestionar os procesos dos doentes, ten que ter un referente en atención hospitalaria, e preguntamos cal vai ser a enfermeira xestora de procesos en atención especializada. Segundo o director deron instrucións para que en cada xerencia determinen quen vai ser a enfermeira de enlace.

Comentamos que isto xa se contemplaba na carteira de servizos de enfermaría de primaria que o actual equipo do SERGAS nunca publicou.

Lembrámoslle que informen ao persoal que se elixen médica/o ou enfermeira/o fora do ámbito do seu centro de saúde, como recolle a Lei de Garantías, quedaran sen este servizo.

O Programa vaise iniciar nun centro de cada unha das 7 áreas sanitarias, e unha vez avaliados os resultados, implementarase en todos os centros. Para implementar este tema deben de manter a cobertura de todo o persoal, con tantos recortes é imposíbel prestar unha atención de calidade.

8.- Rogos e preguntas

  • Informa a Directora de RRHH que nun prazo de aproximadamente 15 días van convocar unha reunión de mesa sectorial para tratar os temas pendentes.
  • Desde CIG-SAÚDE formulamos as seguintes cuestións:
    • LEI DE EMPREGO DE GALIZA. No ano 2013, e no ámbito da Mesa Xeral da Función Pública, iniciouse a negociación desta Lei, que é o desenvolvemento do EBEP na Admón. galega. Durante este ano, e malia a nosa insistencia, o SERGAS nunca quixo abordar na nosa Mesa Sectorial a aplicación desta lei ao persoal estatutario. Pero coma sempre, e as agochadas, na última reunión da negociación desta lei, outubro do 2014, o Director Xeral de Función Pública presenta, a instancia da Consellaría de Sanidade, unha adicional onde recolle como referencia a área en lugar da localidade para o persoal do SERGAS. Isto qué significa? Que, por exemplo, por falecemento ou enfermidade grave dunha/un familiar, o permiso será con respecto á área e non á localidade coma para o resto de traballadoras/es públicos, polo que se o falecemento se produce nunha localidade distante, pero da mesma área, os días de permiso serían os mesmos que se se tratara da mesma localidade. Exiximos a retirada inmediata desta adicional. Segundo a directora este tema ímolo tratar na próxima reunión de M.S.
    • Solicitamos información sobre a repercusión que vai ter no SERGAS o conflito xudicial que afecta a empresa Cofely. Esta empresa ten adxudicado o proxecto de ampliación do Hospital do Salnés, a redacción dos proxectos de construción de 15 centros de saúde, e un contrato deses de aforro enerxético por máis de 10 millóns de €. A ampliación do Hospital do Salnés finánciase con fondos europeos, que se non se acomete a obra pódense perder, e deixar ao Hospital sen ampliación.
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto