Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria CIG-Saúde denuncia as irregularidades do Proxecto de Creación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde
 
 

CIG-Saúde denuncia as irregularidades do Proxecto de Creación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Exixe que se regule, de xeito prioritario, a estabilidade laboral do persoal investigador do programa Miguel Servet e que se conte coa súa opinión para a súa creación

A CIG-Saúde vén de solicitar a retirada do proxecto de Decreto de Creación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde. Denuncia que mantén en situación de “inestabilidade” laboral o persoal investigador, cuxa continuidade estará condicionada cada ano pola Lei de Orzamentos; que permitirá a contratación a dedo do persoal directivo, que terá consideración de alto cargo da Administración, e que porén non se estabelecen “os requisitos de acceso, solvencia académica, profesional, técnica ou científica” para exercer eses labores de dirección.
 
14-11-28 Axencia galega do Conhecemento

Así o denunciou, en rolda de prensa, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, quen entende que garantir a estabilidade laboral do persoal investigador contratado polo programa Miguel Servet -24 profesionais neste intre, aos que se sumará un máis no mes de xaneiro- debería ser o principal obxectivo da creación desta Axencia “para seguir gañando en I+D+I”.

Neste sentido, Abuín salientou que para formar parte deste programa estes/as profesionais tiveron que superar un proceso de acceso “altamente competitivo” no que participou -na avaliación final- a consellaría de Sanidade e no que a meirande parte acadaron o nivel A, que é o máis elevado. Ao seu entender “isto pon de manifesto o grande nivel que teñen, que non debe ser abondo para o SERGAS, que pretende deixar no limbo normativo e na precariedade laboral a estes profesionais que nalgún dos casos  levan  catorce anos de traxectoria  investigadora no programa”.

De feito denunciou que a esta altura xa remataron o período de contrato de acceso 11 investigadoras/os que están actualmente en fase de ser estabilizadas/os e que porén, esa estabilidade non virá coa creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, que no seu borrador deixa a renovación dos seus contratos a expensas da partida presupostaria que cada ano se recolla, para este fin, na Lei de Orzamentos.

Esta nova Axencia, aínda pendente de aprobación definitiva, nace ao abeiro da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de Organización e Funcionamento da Administración Xeral do Sector Autonómico “sen debate previo na mesa sectorial da sanidade e repetindo a situación xerada coas fundacións sanitarias”.

Libre designación

Para Abuín, o feito de que “non responda ás necesidades reais das áreas e do persoal que engloba” e que do seu articulado se desprenda como única preocupación regular a designación de cargos directivos polo método de “libre designación”, con contratos de alta dirección ou similares, sen especificar cal vai ser a súa remuneración, nin se esas xefaturas son de persoal sanitario ou non, agocha outras intencións. “O que pon isto de manifesto é que a súa pretensión é dar cobertura legal a quen estaba en situación irregular na consellaría de Sanidade”, denunciou.

A modo de exemplo lembrou unha denuncia recente da CIG-Saúde dunha persoa –auxiliar administrativa- que figuraba no organigrama da consellaría como Xefe do Servizo de Innovación Sanitaria, cando para ese cargo é preciso ser do grupo A. Explicou que logo, esa e outras persoas en situación semellante desapareceron do organigrama e que desde Sanidade a explicación foi que se tratara dun erro. “Moito nos tememos que logo se convoquen as prazas para esta Axencia cun perfil adaptado a estas persoas”, denunciou.

De feito o decreto regula que o director da Axencia vai ter a consideración de alto cargo da Administración con rango de director xeral, pero non a consideración que terán as/os responsábeis das  áreas e das unidades de xestión, como tampouco especifica se terá que ser persoal sanitario ou non sanitario, nin os requisitos de titulación, solvencia académica, técnica ou científica. “Todo isto queda para un posterior desenvolvemento que a/o responsábel da Axencia, conxuntamente coa Consellaría de Sanidade, desenvolverá por decreto atendendo a necesidades que nada teñen que ver co coñecemento en saúde”.

Por iso a CIG-Saúde denuncia que a creación desta axencia “non pretende dar resposta á situación laboral de irregularidade crónica na que presta servizo o colectivo de profesionais que máis achega ao coñecemento en saúde” e que ademais deixa o seu futuro “ligado ás decisións do director da axencia”.

Eivas do proxecto

Outro aspecto importante que omite este decreto, segundo a CIG-Saúde, é a selección de persoal na forma adecuada que recolle a Lei da Ciencia de xuño de 2011, que establece no seu artigo 16 que os procesos de selección do persoal investigador  respectarán os principios de publicidade das convocatorias e as súas bases; transparencia; imparcialidade e profesionalidade dos membros nos procesos de selección; independencia  e discrecionalidade  técnica na actuación dos órganos de selección e adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e as tarefas a desenvolver.

Outra das eivas que sinala é que a actividade especializada con alto nivel de complexidade, a xestión da investigación biomédica, debe contar coa opinión de expertos. “Chama a atención que no Decreto da Axencia non se inclúa  a participación de ningunha/un experta/o. É difícil atopar unha institución de prestixio no ámbito científico no que no seu comité non estea recollida esta figura” explicou Abuín para quen a participación deste experto/a é “unha garantía das liñas prioritarias, dos obxectivos, e demais decisións relacionadas coa investigación sanitaria”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde considera ademais que o texto do decreto deixa no aire infinidade de preguntas como por que non se inclúe na Axencia a Consultaría de Galaria, cando ten competencias similares.

Ante isto a CIG-Saúde entende que a pretensión da administración “non pode ser a de crear una negociación ficticia sobre a negociación das axencias para dar a imaxe pública de que se está a negociar coas organizacións sindicais, reclama a retirada do decreto e adianta que a súa posición na mesa sectorial será contraria á creación desta axencia.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto