Noticias Persoal Contratacións CIG-Saúde exixe a cobertura por OPE das máis de 4.000 vacantes por xubilación e a fin dos contratos por días e horas no SERGAS
 
 

CIG-Saúde exixe a cobertura por OPE das máis de 4.000 vacantes por xubilación e a fin dos contratos por días e horas no SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncia que a precariedade laboral responde á política da consellaría de Sanidade de eliminar postos na sanidade pública e camiñar cara a súa privatización
Persoal do SERGAS sumouse esta mañá ás concentracións convocadas pola CIG-Saúde nas áreas sanitarias de toda Galiza para demandar emprego digno. Xunto a isto exixiron que a contratación sexa nominal atendendo ao principio de causalidade, a supresión da taxa de reposición e que a convocatoria de OPE atinxa ao 100% das máis de 4.000 prazas que quedaron vacantes por xubilación en todas as categorías.
14-12-03 CIG-Saude Compostela 001
 

Galería de imaxes

A secretaria nacional de CIG-Saúde, que participou na concentración celebrada no Hospital Clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), explicou que a precariedade laboral que vive o persoal do SERGAS desde o ano 2009 obedece á política definida pola consellaría de Sanidade en materia de Recursos Humanos.

Para Abuín a intención desta conselleira desde que tomou posesión do seu cargo é “eliminar postos de traballo na sanidade pública, diminuíndo a asistencia que se presta e derivando doentes á sanidade privada”.

Atendendo a isto, a secretaria nacional asegurou que a precariedade laboral vén dada porque a conselleira “se comporta como os peores empresarios contratando en precario e mesmo facendo fraude á Seguridade Social, que é como se chama a  contratar a alguén sen cotizar por todo o período e non só durante a semana, dando de baixa en fin de semana para volver contratar o luns”.

Pacto de Contratación

María Xosé Abuín fixo especial fincapé na necesidade de desvincular esta política co Pacto de Contratación. Explicou que o Pacto é un instrumento que barema méritos e confecciona listas en función destes e afirmou que “a única que ten competencias para os contratos é a administración que é quen decide como, cando e durante canto tempo se fan”.

Subliñou ademais que a CIG vén demandando desde hai anos, na Mesa sectorial, que se negocie unha Orde de Vínculos para que os contratos se realicen atendendo ao principio de causalidade. Isto é, que se cinxan á causa pola que se celebra o contrato. “Temos unha negativa rotunda da administración a regular isto. A consellaría síntese cómoda neste conflito porque trata de culpar ao Pacto de Contratacións da súa política e di que foi asinado polos sindicatos, para intentar desviar a atención da verdadeira razón de que exista esta precariedade, ou sexa, a política de desmantelamento da sanidade pública que leva a cabo o PP”.

Ante isto, Abuín entende que hai que centrar o debate na causa real desta situación que non é outra que o recorte orzamentario que vén padecendo ano tras ano a sanidade pública galega. Recorte que provoca que se recorra ao peche de camas e que, á súa vez, provoca, por unha banda, unha grave diminución de prazas para a atención sanitaria a doentes e, pola outra favorece o modelo de Recursos Humanos do SERGAS ao pór ao seu dispor a centos de profesionais fixos/as que son, ao final, quen cobren as ausencias de compañeiros/as e que, noutros tempos, procedían das contratacións das listas.

Denunciou que a intención da consellaría é que se traballe na Sanidade “como se fosemos unha cadea de montaxe” e asegurou que tanto é así que “trouxo a unha conferencia a expertos de automoción para potenciar o modelo de traballo por tempos que consiste en mobilizar continuamente ao persoal dunha unidade a outra durante a súa xornada de traballo”.

Lembrou que neste mesma conferencia “felicitouse o traballo desenvolto por Povisa que aplica estas políticas de persoal, ou sexa, que un traballador ou traballadora durante a súa xornada cubra e distintas unidades”. A este respecto lembrou que a CIG-Saúde xa ten gañado varias demandas presentadas contra esta política de mobilidade do persoal.

Contratos por hora a centos

Ao seu entender isto é o que precariza e o que provoca a contratación por horas en función dos picos de actividade habituais no traballo diario ordinario. “Como os cadros de persoal están minguados é esta política a que motiva que cando estes picos de actividade non se poden cubrir coa mobilidade de persoal fixo se recorra aos contratos por hora, que se celebran por centos ao longo de cada ano, a intersubstitución de médicos e enfermeiros en atención primaria e demais”.

A modo de exemplo, Abuín explicou que se considera pico de actividade o momento no que coincide a administración de medicación con outros coidados, “non se trata de que haxa unha sobrecarga inusual”.

Por iso denunciou que á consellaría non lle preocupa, para nada, a calidade na atención ás/aos doentes nin os posíbeis erros que se poidan cometer por esta mobilidade continua de persoal.

Para dar solución a esta situación, a CIG-Saúde exixiu a supresión da taxa de reposición e que na Oferta de Emprego Público para o SERGAS se convoquen as máis de 4.000 prazas vacantes producidas por mor das xubilacións. “Esta é a única maneira de garantir unha atención sanitaria digan e de calidade garantindo ademais as condicións laborais nas que se desenvolve a actividade do persoal sanitario”.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto