Noticias Outras novas Outras novas “Feijóo búrlase do persoal público anunciando que creará unha 'hucha' para devolver os complementos” di a Área Pública da CIG
 
 

“Feijóo búrlase do persoal público anunciando que creará unha 'hucha' para devolver os complementos” di a Área Pública da CIG

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncia que non está contemplado nos orzamentos e exixe a devolución do 100% das pagas extra destes anos
 
A Área Pública da CIG cualificou de “burla” ás empregadas e empregados públicos galegos o anuncio que este mércores fixo o Presidente da Xunta de Galiza na sesión de control do Parlamento onde  asegurou que se creará un fondo retributivo para a “recuperación paulatina” do complemento específico das dúas pagas extraordinarias. María Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública denuncia que é “pura propaganda”, coa pretensión de “manipular á opinión pública” e reclama a reposición do 100% das pagas extra e o cumprimento das sentenzas xudiciais.

López Santamariña explicou que “paulatinamente” significa “de forma lenta e gradual” e lembrou que Feijóo, acompañando ese anunciou “coidouse moito de especificar canto de lenta e gradual será esa devolución”.

Lembrou ademais que para facer calquera devolución ten que haber unha partida orzamentaria destinada a tal fin que “non está habilitada nos orzamentos para 2015” e que o único que está contemplado é a devolución do 25% da paga extra de 2012. “Devolución que nin sequera se fará efectiva ao completo en 2015 xa que a previsión do goberno, tal e como tamén anunciou Feijóo, é que se faga a prazos: unha parte no vindeiro ano e a outra en 2016”.

Ante isto, a portavoz da Área Pública da CIG, preguntouse en que momento comezará a facerse esa devolución “paulatina” e considerou unha “irresponsabilidade” e un “insulto” que se faga este anuncio cando “neste momento xa temos sentenzas que condenan a administración galega a devolver a parte correspondente da paga extra do ano 2012, comezaron a chegar tamén as sentenzas referidas á de 2013 e en 2015 teremos que presentar demandas polas pagas extra de 2014”.

Fronte a esta situación, López Santamariña reclamou a devolución do 100% das pagas extra e denunciou o “despropósito” do reintegro de 2012 en dúas anualidades, que aínda “non se sabe nin como se vai devolver exactamente”.

Segundo o Presidente da Xunta esta medida aprobarase mañá no Consello da Xunta e será incluída na “denostada” Lei de Emprego Público. A este respecto, María Carme López Santamariña explica que é nos complementos específicos onde ten capacidade de regulación a Xunta de Galiza porque as retribucións base e os trienios comúns están regulados polo Estado. Denunciou que “por iso en Galiza temos o 40% de recorte con respecto ás retribucións do goberno español e outras comunidades que si cobran as extra completas”.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto