Noticias Sanidade Pública Mesas Sectoriais Mesa sectorial 2 de xuño 2010
 
 

Mesa sectorial 2 de xuño 2010

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

INFORMACIÓN MESA SECTORIAL 2 DE XUÑO DE 2010

 

Nesta reunión, ademais dos temas que recollía a  orde do día,  CIG-Saúde propuxo falar doutros temas, que vedes abaixo desglosados. Esta situación incomodou a certas organizacións sindicais, parece ser que agora non se poden facer preguntas sobre temas xa tratados ou temas que xurdan e teñan a suficiente relevancia se non os recolle a orde do día.

 

Temas da orde do día:

 

a.- Reordenación dos procesos de radiodiagnóstico.

A Directora de Asistencia Sanitaria fíxonos unha presentación en power point. Presentárono como un borrador de proxecto en fase de debate. Para a súa elaboración creouse un grupo de traballo no que participa a sociedade científica de radioloxía e un grupo de profesionais.

A intención deste proxecto é minimizar as gardas presenciais cun/ha radiólogo/a a distancia. O estudo realizaríase cun/ha técnico/a presencial e cun/ha radiólogo/a remoto/a.

Comentan que este sistema non afectaría á actividade ordinaria. A experiencia piloto faríase nunha primeira fase nos hospitais ou centros de traballo, na segunda fase faríase no domicilio do profesional.

A presentación foi un pouco confusa,  xa que nunha das presentacións recollen que é só para garantir a prestación das gardas e eliminar as gardas localizadas, para que un só profesional poida dar apoio a varios centros, e noutra presentación falan de que isto é actividade extraordinaria,  voluntaria, na que un/ha radiólogo/a experto nun aparello poida informar estudos radiolóxicos que se realicen en calquera dos centros hospitalarios.

Para participar neste proceso requirirase a conformidade do/da xefe de Servizo e a autorización da xerencia.

Os estudos radiolóxicos que necesiten contraste intravenoso serán autorizados polo/a radiólogo/a remoto/a (o/a que está no seu domicilio), con aviso e resposta do servizo de urxencias ou anestesia cando haxa una reacción adversa. Estes estudos realizaranos os TER.

Están valorando que as ecografías as realicen os TER.

Entre as dificultades que lles presenta este sistema é a necesidade de formar aos profesionais, radiólogas/os e TER, ademais de faceren os investimentos tecnolóxicos.

Á CIG-SAÚDE este tema preséntanos moitas dúbidas, por iso solicitamos que se nos enviase a presentación realizada; a directora de Recursos Humanos quedou en remitir a presentación ou un informe técnico ao que puidésemos presentar as nosas alegacións. Volveron recordar que os temas de asistencia sanitaria son materia exclusiva da Administración, na M.S preséntanse como foro de opinión.

Á pregunta da CIG de se ían implantar o sistema de radiólogo/a remoto/a nos hospitais comarcais, o subdirector de asistencia sanitaria contestounos que até que o proxecto non sexa definitivo non ían implantar nada.

Con documento do SERGAS ou sen el, este tema merece un tratamento específico pola nosa parte.

  

b.- Plano de Ordenación de Recursos Humanos.

Segundo a Directora de Recursos Humanos, en breve recibiremos un novo texto no que se recollen partes das alegacións enviadas polas organizacións sindicais, a nosa alegación sobre a exclusividade non foi recollida. Durante o mes de xuño  celebraranse as reunión pertinentes para avanzar neste tema.

Seguen coa teima de que se non queremos regular a mobilidade forzosa, farano eles. É o que teñen que facer.  Esperemos a ver o documento.

 

c.- OPE Psiquiatría 2006.

Como lembraredes esta OPE estaba suspendida até que houbese una resolución xudicial. O Xulgado de Instrución nº 3 de Compostela, ditou un auto, previo informe do fiscal, de sobreseimento  por non existir base probatoria para formular acusación, é dicir, que xudicialmente a denuncia non prospera, e como a Administración no seu día, a pesares da nosa insistencia, non anulou o proceso, agora o que van facer é continuar co mesmo, e para isto plantexan o seguinte:

- Continuar coa OPE 2006 dando por válido o exame realizado e abrir o concurso da fase de méritos. Substituír o tribunal nomeado no ano 2006 polo tribunal da OPE 2008. As tomas de posesión serán conxuntas OPE 2006-OPE 2008.

- A elección de destino farase polo listado que lle corresponda, é dicir, primeiro ofertaranse as prazas do 2006, se alguén dos/as aprobados/as renuncia  ofertaríanse aos seguintes, corre a listaxe; despois o proceso repetiríase coa listaxe da OPE 2008.

Solicitamos que nos enviasen as prazas por centros da convocatoria 2006, quedaron en facelo.

Como CIG-SAÚDE recriminamos, unha vez máis, a actuación da Administración, por non resolver este conflito no ano 2006, anulando o exame e convocando de inmediato outro nesas datas. A Administración fixo desleixo das súas funcións esperando que llo resolverá o xulgado.

 

Temas plantexados pola CIG-SAÚDE.

 

d.-Drogodependencias.  A información foi  escasa, e publicarémola noutro apartado.

 

e.- 4º grao de carreira. Ainda non teñen o informe xurídico, pero a Directora de RRHH adiantou que a súa impresión é que non van poder convocalo,  xa que o Decreto Lei 8/2010 recolle a conxelación salarial no ano 2011. Durante o mes de xuño darannos unha resposta.

 

f.- Decreto Lei  8/2010. Aínda non dispoñen da información, está Función Pública a decidir como aplicar os descontos nas retribucións complementarias, eles non deben ter nada que dicir. Por vía de urxencia convocarannos á reunión na que nos informarán das cuantías que gustosamente a Administración nos roubará da nómina.

 

Ao final da reunión a Directora de RRHH comentou que en breve van  constituír dous grupos de traballo, un sobre a OPE 2010 e outro sobre a violencia no traballo; temos que designar ás persoas que participaran nestes grupos. 

 

Compostela, 2 de xuño de 2010.

 

Mª Xosé Abuín Álvarez.

               

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto