Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria CIG-Saúde exixe a retirada dos borradores da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde e de Sangue, Tecidos e Órganos
 
 

CIG-Saúde exixe a retirada dos borradores da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde e de Sangue, Tecidos e Órganos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Denuncia que entre o borrador presentado en outubro e o debatido este xoves na Mesa Sectorial, o SERGAS aínda empeorou máis o seu articulado

A CIG-Saúde exixiu ao SERGAS a retirada dos borradores da Axencia Galega para a xestión do Coñecemento en Saúde e da Axencia Galega de Sangue, Tecidos e Órganos na Mesa sectorial celebrada este xoves. Unha demanda que reiterou esta mañá na rolda de prensa convocada para denunciar a intención do SERGAS de “perverter” o coñecemento e a investigación en saúde co obxectivo de “crear postos fóra de cadro, baixo o epígrafe de libre designación”, mentres se deixa ao persoal investigador nunha situación de inestabilidade e a expensas do que recolla cada ano a Lei de Orzamentos. 
15-01-30 CIG-Saude 001
 

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denunciou ademais que o borrador presentado na mesa sectorial celebrada este xoves empeora o contido do documento presentado no mes de outubro e que o SERGAS non tivo a ben incorporar ningunha das modificacións propostas nas alegacións presentadas.

Para Abuín é de especial gravidade que no texto non se especifiquen, tal e como se recolle na Lei de Ciencia, os requisitos necesarios para acceder a postos de dirección. Requisitos que entende que deberían ser imprescindíbeis para exercer como persoal directivo como “solvencia académica, profesional, técnica ou científica”.

Xunto a isto denunciou que o SERGAS utiliza estas axencias para colocar a cargos “nomeados a dedo”. Entende que así se desprende do feito de que se prevea facer nomeamentos administrativos no caso de que a persoa a designar sexa profesional de carreira ou estatutaria fixa, con licenciatura universitaria ou de grao, e contratos de alta dirección a quen non cumpra estes requisitos. “Isto coa particularidade de que nin sequera se especifica se –estes últimos- deben ou non ter relación co sistema sanitario”, matizou.

A este respecto sinalou que na propia Mesa Sectorial o SERGAS xa anunciou a súa intención de contratar baixo a modalidade de “alta dirección” a dúas persoas. Unha sería, segundo Abuín, a Directora do ente e a outra “sospeitamos que é unha persoa que xa aparece no directorio do SERGAS como Xefe de Servizo cando a súa vinculación é como auxiliar administrativo”.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde deste xeito a consellaría de Sanidade, aproveitando a LOFAXGA crea dous novos entes, que definiu como “chiringuitos”, para saltarse a normativa vixente que si regula a natureza das prazas e cales son os requisitos para poder nomear o persoal directivo.

Segundo a CIG-Saúde o propio proxecto, no seu articulado, xustifica que non se vai potenciar o I+D+i porque a situación de crise impide o seu desenvolvemento. A este respecto Abuín lembrou que os expertos na materia inciden en que é un fracaso político que as/os investigadores non poidan desenvolver a súa actividade aquí.

Atendendo a isto, para a CIG-Saúde a creación desta Axencia tería sentido se o seu obxectivo fora garantir a estabilidade laboral do persoal investigador contratado polo programa Miguel Servet. Profesionais que tiveron que superar un proceso de acceso “altamente competitivo” no que obtiveron as máximas cualificacións e que contan con demostrado prestixio no labor que desenvolven.

Por iso considera inadmisíbel que sexa precisamente a renovación dos contratos deste persoal, que é o que dota de contido á Axencia do Coñecemento en Saúde, o que queda a expensas do que se contemple nas sucesivas leis de orzamentos que se aproben nos vindeiros anos.

Diante desta situación a proposta da CIG é que primeiro se paralicen os decretos, que ademais non foron apoiados por ningunha das organizacións presentes na Mesa sectorial; que se reinicie o proceso “cunha negociación co mundo técnico científico e non nun despacho”, convocando unha xuntanza para a primeira quincena de febreiro na que se  estableza como acordo previo que se fixe a continuidade do persoal investigador “que é o que aporta valor e coñecemento a unha Axencia destas características porque os altos cargos non aportan nada á sociedade” e que os procesos de selección do persoal se cinxan á normativa estabelecida pola Lei de Ciencia.

Ao abeiro dos laboratorios

Manuel González Moreira, membro da Executiva da CIG-Saúde, lamentou a oportunidade perdida que representan estes decretos “para potenciar e desenvolverá  investigación na sanidade pública”.

Moreira denunciou que se está deixando en mans de empresas privadas a investigación biomédica e que isto deixa os profesionais nunha delicada situación á hora de tomar decisións porque ao final “as únicas fontes que temos son as que chegan da industria farmacéutica e custa moito discernir se se basean en información científica ou atenden aos intereses dos laboratorios”.

A este respecto Moreira alertou do risco que isto supón para a calidade da asistencia sanitaria e denunciou que “se se crea esta axencia tal e como está concibida, en lugar de estar avanzando estaremos dando paso atrás”.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto