Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Resumo da Mesa da Función Pública do 7 de xuño de 2010
 
 

Resumo da Mesa da Función Pública do 7 de xuño de 2010

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 Documento de máximo interese para os traballadores xa que trata dos recortes salariais que lle toca aplicar á Xunta de Galiza

 

O día anterior á convocatoria de folga a Administración galega convoca a Mesa Xeral de Función Pública para presentar o proxecto de Lei que fai efectivo en Galiza o recorte salarial aprobado polo goberno de Madrid.

 

A CIG rexeitou o documento presentado por ser totalmente demagóxico xa que non vai servir en absoluto para reducir o gasto público, ao manter a Xunta intacta toda a súa Administración paralela.

Para o persoal funcionario e laboral a reunión foi una farsa,  na que a Administración só pretende cubrir o tramite de negociación.

Para o persoal estatutario  a reunión foi indignante e una falla de respecto absoluto, xa que tanto o Director Xeral de Función Pública como o Director de Orzamentos non saben nada de persoal estatutario; e a Directora de RR.HH do SERGAS, que estivo presente, non abriu a boca.

 

Descarga, imprime e reparte no teu centro de traballo

 

 

O documento que hoxe presentan recolle até o 5% de redución no soldo base,  trienios e no complemento de destino que marca o  Decreto Lei do Estado.  Pero ademais, o Decreto que  vai a aprobar o goberno do PP para o persoal estatutario recolle a redución do 4% en todas as retribucións complementarias. A súa hipocrisía non é parangonable con nada.

 

Texto do Decreto da Xunta de Galiza:

  • “Unha redución do 4% en todas as retribucións complementarias: complemento específico, carreira profesional, atención continuada: noites, festivos e gardas. Esta redución aplicarase en termos anuais respecto do importe vixente a 1 de xaneiro de 2010”.
  • A paga extra que se cobre no mes de decembro será a que cobraremos de futuro: xuño e decembro do 2011-12 e sucesivos, anulando os acordos anteriores de cobrar o 100%.

Unha vez máis estamos diante da mais pura demagoxia do PP, mentres en Madrid critica as medidas do goberno, aquí facendo uso das súas competencias endurece o decreto para aplicar un maior desconto ao persoal estatutario.

Coa medida de rebaixarnos o soldo, sumada á medida que tomou a Xunta de suspender os acordos retributivos do persoal estatutario, a rebaixa que se lles vai facer ao persoal estatutario supera en % a redución que lle será de aplicación ao Presidente da Xunta, as/os Conselleiras/os e altos cargos.

O Acordo retributivo 2008-2012 recollía un incremento porcentual por grupos que ía desde o 7,95% até o 12,20%; se a isto se lles suma o 5% das básicas e o 4% das complementarias, nos grupos  C, D  e E a redución a aplicar supera o 15% da redución do Presidente da Xunta e no resto dos grupo supera  o 12% de redución que se lle vai a aplicar á Sra Conselleira de Sanidade.

 

O persoal estatutario non podemos seguir consentindo o atrópelo  das Administracións.

O goberno non pode darlle un mellor trato aos políticos, aos cargos de libre designación e a todas a súas asistencia técnicas que aos seus profesionais. A sanidade é unha empresa baseada no coñecemento, isto implica unha formación permanente e actualizada, tendo ao paciente como único obxectivo da aplicación do coñecemento; o coñecemento e a penosidade do traballo en quendas, ou a realización de gardas, non se reduce no traballo diario que desenvolven as e os profesionais.

 

Desde CIG-SAÚDE solicitamos da Consellaría de Sanidade e do goberno do PP o máximo respecto das e dos profesionais, que se deixen de hipocrisía e que adopten as seguintes medidas:

1.-Que en aras da súa competencia, de inmediato, presenten un recurso de inconstitucionalidade para anular o Decreto do Estado.

2.-Que mentres isto non se produza, fagan uso das súas competencias como goberno galego e que no Decreto que presenten ao Parlamento Galego a redución das retribucións complementarias sexa 0 (cero) para todas as traballadoras e traballadores.

3.-Que apliquen o acordo retributivo 2008-2012.

 

Non máis demagoxia.

Que a Conselleira de Sanidade deixe de agochar as súas decisións  detrás do goberno, que de a cara. Que  sexa coherente co que di á prensa a saída das reunións do Consello Interterritorial:

“Para mellorar a xestión non fai falta reducir o soldo das traballadoras/es”

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto