Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria “A Axencia do Coñecemento en Saúde desprestixia o coñecemento e a investigación biomédica”
 
 

“A Axencia do Coñecemento en Saúde desprestixia o coñecemento e a investigación biomédica”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
CIG-Saúde solicita do Presidente da Xunta que paralice a súa tramitación, que aposte polo I+D+i e que afiance o coñecemento científico no sistema público e en Galiza
 
A CIG-Saúde vén de rexistrar un escrito dirixido ao Presidente da Xunta demandando que se paralice a tramitación das Axencias de Coñecemento en Saúde e de Tecidos e Órganos. Lembra que ambos os proxectos foron rexeitados por unanimidade das organizacións sindicais tanto na Mesa Xeral do SERGAS (en novembro de 2014), como na Mesa Xeral de Negociación das/os Empregadas/os Públicas/os (en xuño de 2015) e denuncia que “non responden nin ás necesidades da investigación biomédica nin ao coñecemento en saúde”.

A CIG-Saúde afirma que creación da Axencia do Coñecemento en Saúde non responde a un interese da Administración en dar cumprimento á Lei de Saúde de Galiza de 2008, que no seu título IX contempla a creación do Instituto Galego de Investigación sanitaria para fomentar a investigación biomédica nas ciencias da saúde no Sistema Público de Saúde.

Tampouco pretende dar continuidade ao acordado na III Conferencia de Presidentes autonómicos, celebrada o 11 de xaneiro de 2007, coa vontade de avanzar no I+D+i, e aumentar a estabilidade das/os investigadoras/es excelentes do Sistema Nacional de Saúde. “O persoal investigador é o gran ausente desta axencia. A axencia despreza ao colectivo que engade valor a este ente”, denuncia.

Considera que o texto da Axencia do Coñecemento en Saúde que presenta a Consellaría de Sanidade “non garante que a titularidade sexa integramente pública” e asegura que no que respecta ao persoal directivo, “só pretende crear prazas con contrato de alta dirección fóra do sistema público; polo que no seu articulado non se regulan os requisitos dos postos, nin a necesidade de acreditar titulación (sanitaria ou non sanitaria) solvencia académica técnica ou científica”.

A CIG-Saúde denuncia que non existe ningunha relación entre as tarefas a realizar como directoras/es de área co requisito de titulación e currículo técnico científico. “Se aplicamos os criterios de selección recollidos neste documento á designación de xefes de servizo das unidades asistenciais, atopariámonos con que a/o xefa/e de servizo dunha unidade (cardioloxía, neuroloxía...) podería ser a/o auxiliar administrativo do servizo que tivese un grao, e non unha/un facultativa/o do servizo”, asegura e engade que “o mesmo ocorrería co/a director/a de xestión económica o co/a director/a de RRHH”.

Entende que se a Consellaría de Sanidade tivese a intención de crear unha axencia pública e de calidade que dese resposta á investigación biomédica, e que consolidase os postos do persoal investigador coma garantía de futuro, “publicaría uns criterios de selección do persoal directivo que permitisen captar as/os profesionais máis cualificados. E negociaría na Mesa Sectorial de Sanidade a consolidación do persoal investigador”.

Subliña que na Sanidade Pública Galega, nos institutos de investigación biomédica dos complexos hospitalarios da Coruña, Vigo e Compostela, así coma na universidade pública galega, en xeral no mundo da asistencia sanitaria e da ciencia e investigación, existen profesionais altamente cualificados, para desempeñar os postos de dirección da axencia e das súas áreas.

Por iso reitera que a Administración “non pode permitir” que a Consellaría de Sanidade apelando á Lei 16/2010, do 17 de decembro de Organización e Funcionamento da Administración “cree un ente que desprestixia o coñecemento en saúde e a investigación biomédica”.

Para a CIG-Saúde a retirada deste decreto confirmaría que esta Administración fai unha aposta real polo I+D+i, e unha aposta polo persoal investigador altamente cualificado. “De permitir que a Consellaría de Sanidade siga adiante con este despropósito, viría a confirmar que estamos ante un caso de perversión da Administración co único obxectivo de favorecer as/os amigos/as”, advirte.

Por iso solicita do Presidente da Xunta que, de inmediato, “paralice a tramitación do decreto da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde, cumprindo así o seu compromiso público de facer unha aposta real polo I+D+i” e demanda que se xeren as políticas necesarias para o afianzamento do coñecemento científico dentro do sistema público e dentro da Galiza.

Documento: escrito dirixido a Alberto Núñez Feijóo

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto