Noticias Sanidade Pública Mesas Sectoriais O SERGAS teima en desregular e privatizar o acceso ás xefaturas dos servizos e ás Áreas de Xestión Clínica
 
 

O SERGAS teima en desregular e privatizar o acceso ás xefaturas dos servizos e ás Áreas de Xestión Clínica

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O SERGAS anunciou que vai modificar o procedemento de acceso ás xefaturas dos servizos clínicos. Para melloralo? Temémonos que non, senón para facelo aínda máis arbitrario e a capricho das xerencias, abrindo as xefaturas dos Servizos Clínicos do SERGAS, e das Áreas de Xestión Clínica, a profesionais alleos ao sistema público, e favorecer a desregulación e privatización deste.

     Na Mesa Sectorial do 16/06/2015 o SERGAS informou de que ten intención de modificar o Decreto 206/2005 de “provisión de prazas do SERGAS”, e a “Orde de Provisión dos postos de xefatura” de maio de 2006.

     Coñecedes a alguén, que non sexa membro dos equipos directivos, que considere xusto e transparente o actual procedemento de selección de xefaturas no SERGAS?. Nós tampouco. O actual sistema de provisión de xefaturas facilita a arbitrariedade e o nepotismo, entre outros motivos polo procedemento de designación dos membros das “comisións técnicas de avaliación”, que son elixidos arbitrariamente polo xerente, e por uns procedemento de avaliación dos proxectos técnicos presentados polos candidatos, nos que existe unha enorme marxe para a subxectividade e é clamorosa a ausencia de mecanismos obxectivos de avaliación.

     Pois ben, temos a forte sospeita de que os actuais responsábeis do SERGAS pretende utilizar as modificacións que van introducir nos procedementos de selección das xefaturas para avanzar na desregulación e privatización do sistema público.

     Que é o que tememos que pretenden facer?: que repitan o que fixeron recentemente co decreto polo que se crea a “Axencia Galega para a xestión do Coñecemento en Saúde”, abrindo a posibilidade de acceso a postos de Xefaturas de Servizo e, sobre todo, das Áreas de Xestión Clínica, a persoal alleo ao Sistema Sanitario Público (nin estatutario nin funcionario), que non terá porque ser nin sequera persoal sanitario, usando contratos laborais de alta dirección como procedemento de vinculación.

     A representación da CIG-Saúde na Mesa Sectorial do pasado día 16, preguntoulles expresamente aos representantes do SERGAS se os cambios ían nese sentido, e estes non o negaron.

   Os/As facultativos/as comprometidos/as co sistema sanitario público debemos opoñernos activamente ao que, de ir adiante, será un chanzo máis no deterioro, desregulación, desmantelamento, e privatización do sistema sanitario público galego, que o Partido Popular está teimosamente levando a cabo.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto