Noticias Outras novas Lingua Concentración contra a discriminación lingüística no SERGAS
 
 

Concentración contra a discriminación lingüística no SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

xustizaDesde a CIG-Saúde sumámonos á convocatoria feita pola Mesa pola Normalización Lingüística dunha concentración de apoio a unha persoa, paciente do SERGAS, que viu atrasada a súa intervención cirúrxica máis dun ano por solicitar a documentación en galego. A concentración terá lugar este martes día 21, ás 9:30h diante dos Xulgados de Fontiñas, en Santiago de Compostela, coincidindo coa vista na que se verá a denuncia presentada por este doente ante a grave discriminación lingüística da que foi obxecto.

Discriminación lingüística no SERGAS? Si, desde CIG-Saúde son numerosos os casos detectados e denunciados de discriminación, desprezo, desleixo e absoluta falta de respecto pola nosa lingua. Este non é un caso illado. Este paciente foi adiante, ata o xulgado, coa súa denuncia. Mais sabemos que todos os días se producen casos que non chegan a denunciarse no xulgado porque moitas persoas, nunha situación de problemas de saúde, optan por desistir dos seus dereitos lingüísticos antes de ver agravada a súa doenza ou atrasado o seu tratamento. E iso, en si, xa é unha grave discriminación.

Que a día de hoxe non estea garantida a atención en galego no SERGAS é un grave atentado non só contra a lingua e contra as persoas galegofalantes, é un agravio mesmo contra o dereito á saúde.

Actualmente, xullo de 2015, o programa Ianus segue sen estar en galego na súa totalidade, a documentación que se ofrece desde os distintos programas informáticos de asistencia sanitaria segue a estar maioritariamente en español, sen opción de galego, e calquera profesional do SERGAS que queira facer o seu traballo na nosa lingua só atopa atrancos e pexas que implican unha grande perda de tempo.

Apoiamos e animamos a todo o mundo a participar nesta concentración en apoio a este paciente, o vindeiro martes ás 9:30h, e exiximos da Conselleira de Sanidade que dunha vez por todas poña as medidas necesarias para rematar coa discriminación do galego e das persoas galegofalantes no SERGAS.

Máis información aquí.

CONCENTRACIÓN, martes 21 de xullo, 9:30h, Xulgados de Santiago de Compostela

 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto