Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Denuncian o malgasto de fondos por parte do Sergas para a adquisición de camións-quirófano para os centros de saúde de Ourense
 
 

Denuncian o malgasto de fondos por parte do Sergas para a adquisición de camións-quirófano para os centros de saúde de Ourense

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG-Saúde reclama que a partida orzamentaria se dedique a mellorar as instalacións médicas existentes na provincia

A federación de Saúde da CIG vén de denunciar o malgasto de fondos por parte da Consellaría de Sanidade tras a adquisición a través do Sergas de dous camións adaptados para intervencións de cirurxía e a prestación sanitaria nos centros de saúde de Ourense. Dende a central reclama que a partida orzamentaria se dedique a mellorar as moitas instalacións médicas “que se atopan en condicións pésimas na provincia”.
Logo CIG-Saúde
 

A CIG-Saúde sinala que estes días a Consellaría de Sanidade está a vender perante a sociedade os beneficios que vai a achegar á sanidade pública a adquisición de dous camións adaptados para intervencións de cirurxía e a prestación sanitaria nos centros de saúde ourensás. “Parécenos lamentábel o malgasto económico e de recursos humanos deste proxecto, cando moitos dos centros de saúde da provincia (Arnoia, Ponte Noalla, Verín, etc) se atopan en pésimas condicións tanto para usuarios/as como para os profesionais que traballan neles”.

Segundo indican, o orzamento do proxecto chega aos 2 millóns de euros, polo que se preguntan cantos destes centros poderían ser arranxados e cantos poderían ser construídos con estes cartos. “Isto si que engadiría calidade á prestación sanitaria. E non digamos a que ven gastar nun quirófano móbil cando hai unha boa parte dos quirófanos do CHUO infrautilizados”, lembran.

Outra das dúbidas que formulan dende a central é como se vai garantir a seguridade dos doentes que van ser intervidos/as nos devanditos camións sen que existan dispositivos de urxencias ou UCI cerca e cal vai ser o persoal encargado de atendelo. “Se quitan profesionais do CHUO para andalos 'paseando' pola área sanitaria, quen fará as intervencións cirúrxicas do hospital?”. Consideran que esta modalidade de prestación non vai reducir as esperas dos doentes, senón que pola contra vai incrementar os atrasos.

Con todo, entenden que o máis grave desta situación é que a Xerencia de Ourense non sabe para que van ser utilizados os camións, e só solicitaron o proxecto por orde da Consellaría de Sanidade. “Primeiro gastan o diñeiro público, e despois xa se comprobará se ten utilidade”, critican.

Desmantelamento das áreas sanitarias

Sosteñen que a Consellaría e o Sergas utilizan como argumento para desmantelar as áreas sanitarias e para afastar as prestacións sanitarias da poboación que a proximidade aos centros sanitarios non garante a excelencia nin a calidade. “E agora queren convencer á poboación que é mellor desmantelar as infraestruturas sanitarias (peche de camas, peche de quirófanos, falta de persoal) e substituílas por un camión ambulante”.

Lembran que a cobertura das ausencias do persoal de Atención Primaria estase a facer, no mellor dos casos, con contratos de media xornada tanto durante o verán como no resto do ano, creando listas de espera para as consultas dos médicos/as de familia, “e queren utilizar un camión para intervencións nese mesmo ámbito”.

Por iso, dende a CIG-Saúde demandan a utilización de todos os medios dispoñíbeis na actualidade nos centros sanitarios públicos de Ourense e, sen renunciar ao avance tecnolóxico, que non se malgasten os cartos dos cidadáns en proxectos e plans “que non se sabe a quen benefician”. Así, esíxenlle á Consellaría un uso responsábel do diñeiro público para que sexa destinado a mellorar a prestación sanitaria da poboación “e non a financiar proxectos estrelas con fins lucrativos”.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto