Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Sanidade crea a Axencia do Coñecemento en Saúde malia a oposición sindical e sen o ditame do Consello Consultivo
 
 

Sanidade crea a Axencia do Coñecemento en Saúde malia a oposición sindical e sen o ditame do Consello Consultivo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A consellaría de Sanidade tampouco atendeu as demandas das/os investigadores do programa Miguel Servet
 
A consellaría de Sanidade publica hoxe o Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos. Un texto que, para a CIG-Saúde, “non responde nin ás necesidades da investigación biomédica nin ao coñecemento en saúde”; que foi rexeitado por unanimidade das organizacións sindicais tanto na Mesa Sectorial do SERGAS,en novembro de 2014, como na Mesa Xeral de Negociación das/os Empregadas/os Públicas/os (en xuño de 2015); que non atende ás demandas de investigadores/as do programa Miguel Servet e que nin sequera foi ditaminado polo Consello Consultivo.

A CIG-Saúde, vén denunciando, desde que coñeceu a proposta de creación desta Axencia, o seu contido, solicitando a súa paralización e demandando que se xeren as políticas necesarias para o afianzamento do coñecemento científico dentro do sistema público e en Galiza. Por iso hoxe, coincidindo coa publicación no DOG do Decreto 112/2015 reitera as súas denuncias e manifesta que coa creación deste ente a consellaría de Sanidade “desprestixia o coñecemento en saúde e a investigación biomédica”.

Asegura que non responde a un interese da Administración en dar cumprimento á Lei de Saúde de Galiza de 2008, que no seu título IX contempla a creación do Instituto Galego de Investigación sanitaria para fomentar a investigación biomédica nas ciencias da saúde no Sistema Público de Saúde.

Tampouco pretende dar continuidade ao acordado na III Conferencia de Presidentes autonómicos, celebrada o 11 de xaneiro de 2007, coa vontade de avanzar no I+D+i, e aumentar a estabilidade das/os investigadoras/es excelentes da sanidade pública.

Pola contra, denuncia que “o persoal investigador é o gran ausente desta axencia. A axencia despreza ao colectivo que engade valor a este ente”.

Non garante a titularidade pública

Considera que o texto “non garante que a titularidade sexa integramente pública” e asegura que no que respecta ao persoal directivo, “só pretende crear prazas con contrato de alta dirección fóra do sistema público; polo que no seu articulado non se regulan os requisitos dos postos, nin a necesidade de acreditar titulación (sanitaria ou non sanitaria) solvencia académica técnica ou científica”.

Denuncia que non existe ningunha relación entre as tarefas a realizar como directoras/es de área co requisito de titulación e currículo técnico científico. “Se aplicamos os criterios de selección recollidos neste documento á designación de xefes de servizo das unidades asistenciais, atopariámonos con que a/o xefa/e de servizo dunha unidade (cardioloxía, neuroloxía...) podería ser a/o auxiliar administrativo do servizo que tivese un grao, e non unha/un facultativa/o do servizo”, asegura e engade que “o mesmo ocorrería co/a director/a de xestión económica o co/a director/a de RRHH”.

Entende que se a Consellaría de Sanidade tivese a intención de crear unha axencia pública e de calidade que dese resposta á investigación biomédica, e que consolidase os postos do persoal investigador como estatutario e con garantía de futuro, “publicaría uns criterios de selección do persoal directivo que permitisen captar as/os profesionais máis cualificados. E negociaría na Mesa Sectorial de Sanidade a consolidación do persoal investigador”.

Subliña que na Sanidade Pública Galega, nos institutos de investigación biomédica dos complexos hospitalarios da Coruña, Vigo e Compostela, así coma na universidade pública galega, en xeral no mundo da asistencia sanitaria e da ciencia e investigación, existen profesionais altamente cualificados, para desempeñar os postos de dirección da axencia e das súas áreas.

Consello Consultivo

A CIG-Saúde solicitou en reiteradas ocasións que o texto do decreto publicado hoxe fose remitido, para o seu ditame, ao Consello Consultivo. Lembra que con data de 8 de maio de 2015 este organismo informaba de que o decreto non tivera entrada. Por iso o pasado mes de xuño a central sindical volvía solicitar o ditame previo do Consello. Porén, a día de hoxe, “non temos constancia de que se chegara a tramitar a solicitude de ditame e, cando menos, este nin foi presentado ás partes implicadas, nin aparece publicado no web do organismo”, denuncia.

Para a CIG-Saúde é especialmente grave que a consellaría tampouco atendera ás demandas do colectivo de investigadores/as do programa Miguel Servet, que mesmo chegaron a remitir un escrito dirixido ao Xerente Xeral do SERGAS no que se evidenciaba, por unha banda, “a falta de controis” para evitar que a Axencia do Coñecemento funcionara como un “chiringuito” e, pola outra, a ruptura do compromiso de utilizar este ente “para estabilizar as e os investigadores que están no SERGAS”.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto