Noticias Outras novas Mobilizacións Ducias de miles de persoas exixen na manifestación de onte en Vigo dimisións pola privatización da Sanidade Pública
 
 

Ducias de miles de persoas exixen na manifestación de onte en Vigo dimisións pola privatización da Sanidade Pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Ducias de miles de persoas toman Vigo nunha histórica marcha contra os recortes no novo hospital e pola sanidade pública

Durante a manifestación, convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi co apoio de SOS Sanidade, reclamouse a dimisión da conselleira


Ducias de milleiros de persoas -unhas 200.000 segundo datos da organización e da Policía Local- colapsaron hoxe o centro de Vigo nunha histórica manifestación convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi co apoio da plataforma SOS Sanidade Pública -da que fai parte a CIG- para rexeitar os recortes no novo hospital da cidade e en defensa da sanidade pública ante a política de privatizacións da Xunta do PP. Durante o percorrido, que rematou na Porta do Sol cando a cola da marcha aínda non arrincara do hospital Xeral, reclamouse a berros a dimisión da conselleira de Sanidade e do xerente da área sanitaria.

Milleiros de veciños/as de Vigo e das comarcas da contorna secundaron o chamamento feito polos profesionais da sanidade pública e botáronse masivamente á rúa para rexeitar os recortes introducidos no proxecto do novo hospital cidade -bautizado como Álvaro Cunqueiro- e en defensa da área sanitaria ante as privatizacións que está a acometer o Goberno que preside Núñez Feijóo.

A manifestación, unha das máis multitudinarias da historia viguesa, arrincou media hora antes do horario previsto (as 20.00 horas) para evitar o colapso das rúas adxacentes ao hospital Xeral e deste xeito facer posíbel o tránsito dos participantes. Con todo, milleiros de persoas non puideron chegar até a Porta do Sol, lugar onde rematou a marcha coa lectura dun manifesto a cargo do xornalista Xabier Fortes e do músico Eladio Santos. O acto pechouse coa interpretación do himno galego dúas horas despois a pesar de que a cola da manifestación aínda se atopaba cando menos a un quilómetro de distancia.

Durante o percorrido, que foi amenizado por grupos de gaiteiros/as, os berros máis escoitados reclamaban a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e do xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, e rexeitaban a privatización do novo hospital e da área sanitaria. “A privatización é corrupción” ou “O Álvaro Cunqueiro é unha estafa” foron as consignas máis coreadas polos asistentes, que nalgúns casos portaban tamén pancartas alusivas aos problemas detectados nos últimos días no centro médico, como a aparición de ratos ou a escaseza de material. O aparcamento de pago foi outra das cuestións que máis rexeitamento provocou entre a multitude.

Recuperar o hospital para a sanidade pública

O propio manifesto ao que se deu lectura ao remate da mobilización -na que participou o secretario xeral da CIG e a secretaria nacional da federación de Saúde- recollía as principais eivas detectadas polos profesionais tras a posta en marcha do centro: teitos que se desprenden, fugas de auga, consultas pequenas, instalacións nos adaptadas ao traballo a realizar, áreas de illamento que non cumpren as condicións mínimas, ausencia de material para garantir a seguridade e a capacidade de resposta diante de emerxencias, comidas frías, escasas ou ausentes, auga da billa do baño ou se non comprada a un euro, etc.

As críticas ao modelo utilizado pola Xunta para construír e xestionar o centro tamén ocupou unha parte importante do discurso final, xa que a Consellería de Sanidade adxudicou un contrato de 1300 millóns de euros á empresa concesionaria para proxectar, construír e explotar os servizos do novo hospital mentres que a construción do hospital público custaba 400 millóns. Ademais, segundo o departamento autonómico, o centro recentemente estreado tería 1465 camas, que engadidas ás 422 do Meixoeiro e as 117 do Nicolás Peña farían un total de 2004 camas. Mais a realidade é ben distinta, xa que o novo hospital abre con 845 camas, no Meixoeiro redúcense a 347 e no Nicolás Peña a 68, polo que disporemos 1260 camas, o que supón 744 menos das prometidas e anunciadas.

“A sociedade galega seguirá a se mobilizar até recuperar unha sanidade pública universal e de calidade. Temos que recuperar o novo hospital de Vigo para a sanidade pública, temos que recuperalo para convertelo no noso hospital, onde os traballadores/as desenvolvamos o noso labor con dignidade e as persoas poidan acudir sen prezos abusivos por aparcamentos ou servizos e reciban a atención sanitaria digna e de calidade que merecen”, remataba un manifesto que foi moi aplaudido por todos/as os presentes.

Galería de imaxes da mobilización

Vídeo valoración da manifestación

Vídeo time-lapse da manifestación

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto