Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria CIG-Saúde denuncia que o recorte de horarios no servizo de helicópteros do 061 limita a súa operatividade para atender urxencias
 
 

CIG-Saúde denuncia que o recorte de horarios no servizo de helicópteros do 061 limita a súa operatividade para atender urxencias

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O helicóptero non estivo dispoñíbel por ter rematado o seu horario, ao longo do verán, para avisos de afogamentos, paradas, accidentes ou o tráxico suceso no rally de Carral

Os helicópteros da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061 teñen recortada, desde o mes de marzo deste ano, a súa operatividade a tan só 12 horas. A CIG-Saúde denuncia que isto está a limitar a súa dispoñibilidade para atender urxencias nas que, se cadra, non se evitaría un fatal desenlace pero para as que si se porían ao alcance todos os medios dispoñíbeis. Segundo persoal do propio 061, o recorte da operatividade a determinadas horas do día vense repetindo ao longo deste verán para avisos de urxencias como paradas cardíacas, afogamentos ou mesmo no recente accidente do rally de Carral.
Rosario Rúa, representante da CIG-Saúde na Xunta de Persoal do 061, lembra que desde o ano 1990 os dous helicópteros sanitarios galegos viñan funcionando todas as horas de luz do día (de Orto a Ocaso). Porén, co novo contrato o período de servizo é de orto +12 horas, ocaso -12 horas. É dicir, o helicóptero con base na provincia da Coruña (Santiago) comeza a funcionar á saída do sol e está operativo 12 horas e o outro, con base na de Ourense, está operativo 12 horas antes do solpor.

Rúa explica que desde o 19 de marzo até o 27 de setembro o orto sitúase ás 8:00 horas, o que implica que o helicóptero de Santiago funciona desde esa hora até ás 20:00 horas (12 horas en total).

A consecuencia deste recorte, afirma, é que “ a primeira hora da mañá toda a zona de Ourense está descuberta e a última hora da tarde é a costa e o eixo atlático os que están descuberto”.

Segundo a representante da CIG-Saúde na Xunta de Persoal do 061 “isto foi o que ocorreu no accidente de Carral. Non houbo helicóptero porque o de Santiago xa rematara o seu horario e o de Ourense está a 35 minutos e, polo tanto, non é operativo”.

O caso de Carral non é o único para o que non houbo helicóptero dispoñíbel, pero si o que tivo un desenlace máis dramático, que “se cadra, neste caso, tería sido o mesmo de dispor deste medio”, especifica. “No decurso do verán houbo avisos doutras urxencias pasadas as 20:00 horas e non houbo helicóptero. A xente non o sabe porque ao final se solucionan con outros recursos máis lentos ou menos adecuados e así tápase esta irresponsabilidade”.

A CIG-Saúde considera grave que se recorte nestes medios que poden ser vitais en certos casos e subliña que o aforro pretendido é “unha miseria”. “Se dixeramos que se aforra unha barbaridade de cartos…, pero non, o certo é que só é o aforro do soldo dun piloto e un copiloto durante seis meses”, matiza Rúa.

A representante da CIG sinala ademais que as chamadas dos avisos quedan todas rexistradas e que hai constancia, polo tanto, de que hai servizos aos que non se pode ir por mor dese novo horario: un afogamento, un accidente de tráfico, unha parada en Ribeira, non sae na prensa… malia ser aínda de día.”

Respecto do dramático accidente de Carral matiza ademais que os propios técnicos das ambulancias din o mesmo, “botamos moito de menos un helicóptero porque estaba colapsado o tráfico”.

Rúa entende que de estar o helicóptero operativo “tería chegado primeiro, pero non se puido”, e por iso reitera que non se pode permitir que se manteñan ou se repitan estes recortes.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto