Noticias Persoal Outras novas A Área Pública da CIG reitera as súas demandas ante o enésimo anuncio propagandístico de devolución das extras suprimidas
 
 

A Área Pública da CIG reitera as súas demandas ante o enésimo anuncio propagandístico de devolución das extras suprimidas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto de medidas en materia de emprego público, sen previa convocatoria da Mesa de Negociacións
 
A Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino, CIG-Saúde), diante do anuncio propagandístico do Consello de Ministros de que se devolverán ás empregadas e empregados públicos as pagas extra suprimidas, denuncia que se trata dunha operación estética e electoralista, que se ningunearon os órganos de representación e reitera todas as súas demandas.
11-12-21 area publica 3A Área Pública da CIG lembra que o Ministro de Facenda e Administracións Públicas xa se comprometera ante a mesa Xeral das administracións públicas do pasado 30 de xullo a abrir un proceso de negociación en dito ámbito. Porén asegura que, a día de hoxe, cun Real Decreto Lei anunciado este venres e o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2016 en trámite, non houbo nin unha soa convocatoria a Mesa de Negociación.

Por iso considera que é “un insulto aos órganos de representación que hoxe se aprobe esta modificación das condicións de traballo sen convocar á mesa xeral de empregadas/os públicos/as”. Entende ademais que é “insultante que a CSIF queira utilizar as/os traballadoras/es públicos como vasalos do Partido Popular” e que se presente como “portavoz da organización política que nos suprimiu os nosos dereitos adiantando as medidas que adoptará o goberno”.

A Área Pública da CIG lembra ademais que xa na primeira semana de agosto o propio Feijóo anunciou tras da celebración do Consello da Xunta que o 25% da paga extra do ano 2012 será reintegrada aos traballadores/as da Xunta de Galiza en este ano 2015. “Non sabemos nada efectivo sobre iso, repiten este anuncio unha e outra vez como pura propaganda e agora o reiteran porque estamos ás portas dun novo proceso electoral”.

CIG-Área Pública queda á espera de poder coñecer o contido completo do Decreto  e ver o alcance que terá para o conxunto das administracións públicas aquí en Galiza. En todo caso denuncia “a discriminación que supón entre distintas administración, xa que ese decreto é de aplicación directa para o persoal da Administración Xeral do Estado” e subliña que “cando son recortes ou anulación de dereitos os decretos leis son de obrigado cumprimento para o persoal de todas as administracións pero cando son reposicións  levan coletillas de que quedan á consideración das posibilidades de cada administración”.

En todo caso, para a CIG é insuficiente que se limiten unicamente a devolver as pagas extra subtraídas. Xunto a isto exixe que se recuperen todos os dereitos que foron suprimidos a través dos sucesivos decretos e leis que supuxeron un retroceso gravísimo nas condicións laborais, salariais e sociais de todas as empregadas e empregados públicos.

“A Xunta de Galiza limítase a seguir as instrucións que recibe do Estado español en materia de servizos públicos"

O concelleiro de Facenda traslada á CIG que só se abonará o 25% da paga extra adebedada de 2012 e un día de asuntos propios a gozar neste ano
 
Este luns celebrábase unha xuntanza entre as representantes da Área Pública da CIG e o conselleiro de Facenda. No decurso da mesma o conselleiro adiantou que a Xunta de Galiza se limitará a trasladar ao persoal que dependa da administración pública galega os contidos dos decretos establecidos polo Goberno español. A Área Pública da CIG entende que deste xeito o goberno galego “ignora” as necesidades dos servizos públicos en Galiza e as necesidades do seu persoal.
14-10-27 area publica orzamentos 2015_003Este martes celebrarase a Mesa Xeral das Administracións Públicas de Galiza. Con este motivo, e para adiantar os seus contidos, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, reuniuse cos/coas representantes da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña, da CIG-Administración, Anxo Louzao, da CIG-Ensino e María Xosé Abuín, de CIG-Saúde.

Unha xuntanza na que Martínez adiantou que a Xunta de Galiza tan só abordará o pagamento do 25% da paga extraordinaria adebedada do ano 2012. “Pagamento que segundo o conselleiro podería ser efectivo no mes de novembro ou decembro deste ano”, explica a portavoz da Área Pública, López Santamariña.

Xunto a isto, efectivizarase un día de asuntos propios que se poderá gozar este ano 2015. En canto os días adicionais de permiso e de vacacións por antigüidade, anunciouse que se convocaría proximamente a mesa de negociación.

“Isto será o único que faga a Xunta de Galiza, que non ten a intención de recuperar ningún dos recortes realizados ao persoal: nin recuperación de pagas extra completas, nin recuperación do 100% nas retribucións por Incapacidade Temporal (IT) desde o primeiro día, nin restitución da xornada laboral modificada a diferentes colectivos…”, sinala López Santamariña.

A Área Pública da CIG lembra a enorme perda de poder adquisitivo do persoal das administracións públicas galegas ata o ano 2015, que se eleva a máis do 30% desde o ano 2010 e que, segundo o avance dos orzamentos da Xunta, tampouco se recuperará para o ano 2016. “A única previsión que teñen é o pagamento do 50% da paga extraordinaria adebedada do ano 2012 e limitarse a traspoñer o contido dos Orzamentos Xerais do Estado no que se refire a esta materia, que contempla unha suba salarial de tan só o 1% e o 100% da taxa de reposición en servizos esenciais e un 50% para o resto dos servizos”.

A Área Pública da CIG considera que estas últimas medidas se adoptan co obxectivo de facer unha convocatoria de emprego público para “lavar a cara do PP de cara ás eleccións autonómicas que se celebrarán o vindeiro ano e como parte da campaña electoral de Feijóo”. Unha convocatoria que entenden que “non servirá para dotar do persoal necesario os servizos públicos para garantir o seu axeitado funcionamento, logo do que se leva amortizado nestes últimos anos”.

Así as cousas, a CIG Área Pública denuncia que o goberno da Xunta de Galiza e a súa administración están a realizar unha nefasta política respecto dos servizos públicos que se limita a aplicar as instrucións que lle chegan do Estados español ignorando completamente a realidade que están a  soportar os noso servizos públicos e o persoal que dela dependen.

As noticias en Avantar:

-Anuncio propagandístico de recuperación de parte da paga extra.

-Reunión con Conselleiro de Facenda

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto