Noticias Outras novas Mobilizacións Mobilizacións hoxe contra a reforma da Lei do Aborto
 
 

Mobilizacións hoxe contra a reforma da Lei do Aborto

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A Secretaría da Muller rexeita a modificación da lei do aborto que desposúe do dereito a decidir ás menores

Fai un chamamento a mobilizarse o día 28 de setembro, Día de Acción Global por un Aborto Legal, Seguro e Gratuíto
 
O pasado martes 22 de setembro publicouse a Lei Orgánica 11/2015, de 21 de setembro, para reforzar a protección das menores e mulleres con capacidade modificada xudicialmente na interrupción voluntaria do embarazo. Pese ao recollido no enunciado, o texto non recolle medida algunha dirixida a protexer ás mulleres, tan só suprime o artigo referido á potestade das menores de 16 e 17 anos e aquelas maiores de idade mais incapacitadas legalmente, de xeito que non teñan potestade para decidir interromper o seu embarazo, obrigándoas a ter o consentimento paterno/materno ou do titor/a legal.

Para a Secretaría Confederal das Mulleres da CIG o Partido Popular apurou os prazos para que entre en vigor unha norma, dirixida a contentar a un sector do electorado molesto por renunciar á derrogación da lei que permite interromper voluntariamente o embarazo, facendo así concesións á ultradereita e á xerarquía da igrexa, ás portas dunhas eleccións xerais, na contra dos dereitos sociais, sexuais e reprodutivos das mulleres.

Neste senso, a Secretaria de Muller da CIG lembra que non deixa de ser curioso que se desposúa ás mozas da capacidade de decidir sobre os seus corpos, que se lles suprima a posibilidade de que poidan prestar o consentimento a que lles practiquen un aborto, cando non o requiren do consentimento de nais e pais para outro tipo de situacións:

• Poden manter relacións sexuais a partires dos 13 anos.

• Teñen responsabilidade penal desde os 14 anos.

• Poden facer testamento desde os 14 anos.

• Poden contraer matrimonio se están emancipadas desde os 14 anos (con dispensa do/a xuíz/a).

• Deciden se queren someterse a operacións cirúrxicas e a tratamentos médicos ou farmacolóxicos agresivos a partires dos 16 anos.

• Poden traballar a partires dos 16 anos.

• Poden mercar fármacos sen receita a partires dos 16 anos (e tamén a pílula poscoital).

Así, ás portas da conmemoración o 28 de setembro do Día de Acción Global por un aborto legal seguro e gratuíto, desde a Secretaría das Mulleres denuncian que en pleno século XXI ás mulleres prívasenos dun dereito fundamental, que é o de decidir sobre os nosos corpos, a nosa sexualidade, e a nosa maternidade. O mero feito de primar a decisión doutros, ben sexa o estado, a igrexa, os tribunais, a parella, o pai ou a nai, o persoal médico, é un feito que amosa por si mesmo que ás mulleres se nos exclúe do dereito que como cidadás temos, dereitos humanos universais que son o dereito da sexualidade, a reprodución e do corpo.

As mulleres da CIG exiximos o noso dereito a tomar decisións autónomas e informadas, a acceder aos medios e métodos que aseguren a nosa saúde sexual e reprodutiva. So nós ás que nos compete elixir a nosa orientación e actividade sexual, sobre o número de fillas e fillos a ter e o seu intervalo. E temos dereito a non sufrir violencia ni tratos inhumanos ou degradantes no ámbito sexual e reprodutivo.

Denunciamos un sistema patriarcal que segue empeñado en relegar ao espazo privado a sexualidade e a reprodución, e a imposibilitar unha educación sexual temperá, ausente de roles de xénero e de estereotipos moralistas, sempre dirixida á heterosexualidade, ás persoas que manteñen relacións estábeis, sen ter en conta a diversidade.  Cando debería inculcar durante os anos formativos unha conduta sexual responsábel, sensibilidade e equidade nas relacións entre os sexos.

O marco xurídico e político a nivel internacional recoñece que os dereitos sexuais e reprodutivos son dereitos humanos que os poderes públicos teñen a obriga de recoñecer, promover e garantir, tal e como recolle a actual Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, aínda vixente pese aos intentos do PP de derrogala, a cal ademais  introduciu un cambio fundamental para as mulleres, ao ficar a  interrupción voluntaria do embarazo fóra do Código Penal.

O goberno do Partido Popular pretende coartar os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. En Galiza boicoteou a posta en marcha da Lei do aborto, reforzando a entidades antiabortistas e ultradereitistas mentres acometeu un recorte sen precedentes en materia de igualdade e servizos públicos e de atención ás mulleres.

O desmantelamento do sistema sanitario público (recortes, copagamentos, privatizacións) repercute dobremente nas mulleres, prexudicadas tanto nas medidas aplicadas con carácter xenérico a todas as persoas usuarias, como pola cancelación de programas concretos dirixidos ás mulleres, que mellorarían a súa calidade de vida.

Intentaron  criminalizar a interrupción voluntaria do embarazo e reducir o acceso a métodos anticonceptivos e a servizos de educación e saúde sexual e reprodutiva. Porque para o Partido Popular prima o dereito a decidir do estado, da igrexa, do persoal médico ao da propia muller embarazada. Non só supón un ataque frontal á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, senón sobre o seu dereito a tomar decisións libres e autónomas sobre ás súas vidas e corpos.

Neste 28 de setembro, a Secretaría da Muller demanda da Xunta de Galiza:

- Que poña en marcha as medidas que sexan precisas para garantir que en toda a rede pública sanitaria galega realicen interrupcións voluntarias do embarazo

- Que a información que reciban as mulleres previa á manifestación do seu consentimento non proveña dunha entidade antiabortista como Red Madre, senón dos propios servizos de saúde

- Que se humanice, dote de medios e garanta un parto respectado na sanidade pública, así como o acceso ás técnicas de reprodución asistida ás que desexen ser nais (con independencia de se teñen parella ou da súa orientación sexual) na rede pública de saúde.

- Rematar coa obxección de  conciencia na Sanidade Pública.

- A educación sexual e reprodutiva, que teña en conta a diversidade afectivo/sexual, debe  formar parte do currículo académico desde o ensino medio.

- Realizar periodicamente campañas formativas e informativas sobre métodos anticonceptivos nos centros de ensino superior e universitario.

- Que poña fin ao desmantelamento dos COF (Centros de Orientación Familiar) de Galiza, mantendo os centros, reforzando o seu persoal, xunto co desenvolvemento do Programa de Saúde da Muller en Galiza.

- Que restitúa o dereito das mozas a elixir se queren interromper o seu embarazo, xa que só a elas lles compete esta decisión.

O feminismo galego seguirá respondendo ás agresións “procedentes de quen ten a responsabilidade de garantir os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos, non de restrinxilos”. Por iso desde a  central sindical fan un chamamento a toda a cidadanía galega a tomar as rúas o vindeiro luns 28 de setembro, Día de Acción Global por un Aborto Legal, Seguro e Gratuíto, participando nas mobilizacións convocadas en distintas comarcas do país pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, da que a central sindical forma parte.

PARTICIPA NAS MOBILIZACIÓNS.

Compostela: Ás 20 horas na Porta do Camiño (Praza 8 de marzo)

Ferrol: Ás 20 horas  diante do Concello

A Coruña: Ás 20 horas horas diante do Teatro Rosalía de Castro

Lugo: Ás 20 horas diante do Concello

Vigo: Ás 20 horas na Farola de Urzáiz

Ourense: Ás 20 horas na Subdelegación do Goberno

Pontevedra: Ás 20 horas no Pazo da cultura

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto