Noticias Outras novas Mobilizacións Máis do 90% do persoal da área sanitaria de Vigo secunda a folga contra a privatización da sanidade
 
 

Máis do 90% do persoal da área sanitaria de Vigo secunda a folga contra a privatización da sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Traballadores/as, pacientes e usuarios/as mobilizáronse no novo hospital para esixir o arranxo das deficiencias e a xestión pública do centro

A Xunta de Persoal do Chuvi valora moi positivamente o seguimento masivo rexistrado durante o día de folga convocado hoxe na área sanitaria viguesa para rexeitar a política de privatizacións do Goberno galego e sitúan nun 90% o apoio por parte dos empregados/as. Traballadores/as, pacientes e usuarios/as aproveitaron a xornada de paro para mobilizarse no novo hospital da cidade e esixiron o arranxo das deficiencias e que a xestión do centro médico sexa 100% pública.
2015 10 13 ManifaFolgaSanidadeVigo01
 

Galería de imaxes

A xornada de paro comezou ben cedo para o comité de folga, xa que unha hora antes do inicio, fixado para as 8.00 horas, percorreron  os hospitais Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro para valorar cal ía ser o seguimento. “Tanto nas plantas como nas consultas e nos quirófanos atopámonos coa predisposición total dos traballadores/as a participar na folga, o que se foi concretando ao longo do día”, explica o secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manuel G. Moreira.

De feito, dende a Xunta de Persoal valoran moi positivamente o seguimento masivo que tivo a convocatoria, que cifraron en máis dun 90% de media. De feito, das 20 intervencións cirúrxicas previstas tan só se realizaron seis, e algúns servizos, como laboratorio, anatomía patolóxica ou rehabilitación ficaron inactivos, mentres que otros, como hospitalización ou os quirófanos funcionan co 10% do persoal. “Con todo, non se suspendeu ningunha operación que fose urxente”, precisa Moreira, ao tempo que critica que a dirección planificase consultas e operacións a pesar da folga. Ao mesmo tempo, censurou uns servizos mínimos “altísimos”, xa que nalgunhas áreas eran maiores que nun día normal.

En canto aos motivos da convocatoria, o representante sindical incidiu en que o principal é denunciar a situación na que se atopa a sanidade pública viguesa por culpa da política de privatizacións da Xunta. “Proba disto é o que está a acontecer no novo hospital, que é un centro privatizado e con servizos recortados que foi pensado como unha unidade de negocio para a empresa concesionaria”.

Neste senso, considera que esta situación non se soluciona cun cambio de conselleira, xa que o que teñen que mudar son as políticas. “Con esta folga queremos esixir tamén a recuperación do 100% do hospital para a xestión pública e que sexa dotado de todos os servizos que agora non ten”.

Moreira lamenta que a Xerencia da EOXI de Vigo siga sen aportar solucións ás numerosas deficiencias detectadas dende a posta en marcha do hospital e continúe negándose a sentarse para facer unha avaliación real do estado do centro, xa que existen problemas tanto a nivel estrutural como de organización do traballo.

Así, aposta por que as mobilizacións continúen até lograr que haxa unha dirección que aposte pola sanidade pública “e que veñan aquí a reunirse cos representantes dos traballadores/as as persoas que poidan decidir, e non intemediarios/as, xa que queremos negociar con quen teña capacidade de decisión para conseguir dunha vez rescatar o hospital para a xestión pública”. 

Concentracións e manifestación

Durante a xornada de folga, que se prolongou entre as 8.00 e s 20.00 horas, persoal, usuarios/as e pacientes aproveitaron para desenvolver distintas mobilizacións. A primeira delas tivo lugar ás 12.00 horas tanto no interior como no exterior do Álvaro Cunqueiro e chegou até a mesma porta da Xerencia, onde se reclamou a dimisión do responsábel e se berraron consignas como “A privatización é corrupción” e “Queremos un hospital e non un centro comercial”.

Xa pola tarde, centos de persoas participaron na manifestación que partiu dende as portas do centro médico e percorreu un tramo da Avenida Clara Campoamor. A protesta incluíu un corte de tráfico na zona.

Coincidindo co paro, as distintas Xuntas de Persoal das áreas sanitarias galegas e a plataforma Sos Sanidade Pública convocaron concentracións de apoio en todos os hospitais do país.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto