Noticias Persoal Diplomad@s Sanitari@s A Agrupación Enfermeira da CIG-Saúde considera que o RD de Prescrición Enfermeira non cumpre as expectativas da profesión
 
 

A Agrupación Enfermeira da CIG-Saúde considera que o RD de Prescrición Enfermeira non cumpre as expectativas da profesión

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
agrup enferm positivo cor
 
Advirte de que as/os profesionais continúan nunha situación “alegal”
 
O pasado venres día 23 de outubro o Consello de Ministros aprobaba o Real Decreto polo que se regula a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte das/os enfermeiras/os. A Agrupación Enfermeira da CIG-Saúde considera que este RD debería garantir un maior desenvolvemento competencial da enfermaría, dotándoa da formación e ferramentas lexislativas axeitadas para poñela ao servizo da comunidade e das propias inquedanzas profesionais.
Camas hospital Lucus AugustiA Agrupación Enfermeira da CIG-Saúde entende tamén que o RD debería contemplar a prescrición enfermeira de medicamentos e produtos sanitarios de uso habitual na consulta e domicilio ou institución por enfermeiras/os no seu labor diario.

Neste sentido sinala que este colectivo atópase nunha situación “alegal” xa que na súa práctica diaria está utilizando certos medicamentos ou recomendando o seu uso ás/aos doentes, sen que isto estea regulado.

Por iso entende que é necesaria a elaboración de protocolos e guías con máis participación de profesionais e sociedades científicas, con tramitación áxil, e a acreditación de oficio a todas as enfermeiras/os, co obxectivo de facer na atención primaria que a enfermaría sexa unha porta de entrada ao sistema sanitario, mellorando tempos de espera e protocolos burocráticos.

Entende ademais que é preciso implicar neste proceso as sociedades científicas, asociacións profesionais, organizacións sindicais e non só as organizacións colexiais.

Desenvolvemento lexislativo

Na Lei 28/2009 de Garantías de uso racional de medicamentos e produtos sanitarios prevíase o seu posterior desenvolvemento para regular precisamente a cuestión da dispensación e uso de medicamentos por parte de enfermeiras/os. Daquela a Agrupación Enfermeira da CIG xa advertía de que non se recollerían as súas capacidades e competencias e entende que así se confirma co Real Decreto de prescrición enfermeira publicado.

De feito valora que “é unha desfachatez pretender satisfacer o colectivo con algo que xa podían facer libremente as/os pacientes sen formación sanitaria porque podían mercar na farmacia eses medicamentos e produtos, dado que non precisaban receita médica e máis desfachatez aínda, se cabe, porque son medicamentos e produtos xeralmente excluídos das prestacións”.

Ademais a Lei contempla a elaboración de protocolos e guías de práctica clínica pola Comisión Parmanente de Farmacia do Consello Interterritorial do SNS, con representación do Ministerio de Sanidade, Comunidades Autónomas, Mutualidades de Funcionarios, Ministerio de Defensa, Consello Xeral de Colexios Médicos e Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enfermeiras. Protocolos e guías que a Agrupación Enfermeira considera que “probablemente tardemos anos en ver desenvolvidas”.

En todo caso, e aínda coas guías e protocolos elaborados, a Agrupación Enfermeira da CIG-Saúde asegura que “para que a enfermeira poda indicar, usar e autorizar a dispensación de medicamentos suxeitos a prescrición médica, previamente o/a correspondente profesional prescritor/a (non a enfermaría) deberá determinar o diagnóstico, a prescrición e o protocolo ou guía práctica clínica e asistencial a seguir”.

Ademais o seguimento destas actuacións será feito pola persoa prescritora, o que entende que suporá unha volta atrás de 30 anos “cando esta relación entre a medicina e a enfermería se facía a través dun volante denominado P-10”.

Tamén pon en cuestión a acreditación, porque non se establece onde se poden adquirir as competencias necesarias, nin quen ten que impartir esa formación ou como se vai financiar, o que considera que pode favorecer o negocio privado.

Conclúe pois denunciando que tanto por parte da Organización Colexial como por parte do SATSE, que deu o seu beneplácito, “vendéusenos fume” e que “este RD vén pór moi claro como é e a quen defende o PP, e quen manda realmente na sanidade do Estado”.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto