Noticias Persoal Outras novas A CIG-Saúde exixe un Plan de Emprego para o SERGAS que cubra todas as prazas amortizadas desde 2010
 
 

A CIG-Saúde exixe un Plan de Emprego para o SERGAS que cubra todas as prazas amortizadas desde 2010

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O número de prazas vacantes xeradas entre 2011 e 2015 superan as 3.500

A CIG-Saúde presentou este martes, en rolda de prensa, un Plan de Emprego para o SERGAS que contempla a cobertura de todas as prazas vacantes xeradas entre os anos 2011 e 2015. María Xosé Abuín, secretaria nacional, denunciou a política de amortización de postos de traballo do PP e as consecuencias que isto está a ter na asistencia sanitaria no sistema público de saúde en Galiza e exixiu que se abra unha negociación na Mesa Sectorial para recuperar o cadro de persoal que tiña o SERGAS en 2010.
cigsaudesergasp
 

Abuín lembrou que en 2010 o goberno do Estado decretou unha taxa de reposición do 10% para a cobertura de prazas nos servizos públicos. Unha taxa de reposición que se mantivo até o ano 2015 cando pasa a ser do 50%. Xunto a isto explicou que neste período, 2011-2015, segundo os datos publicados nos Plans de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS, se produciron un total de 3.527 vacantes.

Malia isto, denunciou que as prazas convocadas nas ofertas públicas de emprego escasamente chegan ás 700. Unha cantidade que para a CIG-Saúde é “absolutamente insuficiente” para atender as necesidades do sistema e a calidade na atención ás e aos doentes.

E non só é insuficiente por iso, senón tamén porque a esas vacantes hai que lles engadir outras prazas que non están identificadas como tal pero que si son estruturais. “Trátase de prazas nas que o persoal é contratado en precario, día a día, por meses ou con outros vínculos laborais pero, en todo caso, en condicións de absoluta precariedade”.

Por iso explicou que desde a CIG-Saúde se demanda a negociación dun plan de emprego do SERGAS que permita recuperar todas as prazas vacantes e non convocadas na OPE, ademais de exixir que se identifiquen todas as prazas que están sendo cubertas por persoal eventual que son de duración superior a un ano, aínda que non figuren como prazas do cadro de persoal.

Isto permitiría unha sanidade pública de calidade.

Atención Primaria e Saúde Mental

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou ademais que o Plan Mellora de Atención Primaria recollía unha incorporación de 1.049 traballadores/as de diversas categorías: médicos/as, pediatras, enfermeiros/as, matronas, traballadoras/es sociais ou persoal de servizo de administración, entre outros. Un Plan que denunciou que quedou suspendido no ano 2009 polo goberno do PP, polo que tampouco se procedeu á cobertura destas prazas.

Unha situación que afecta tamén á Saúde Mental, “a máis esquecida e para a que nin sequera hai un plan galego”, denunciou. Recordou que si había un plan elaborado durante o bipartito que tamén incorporaba 150 profesionais entre psiquiatras, psicólogos/as, enfermeiros/as, traballadores/as sociais e auxiliares de enfermería e que tamén quedou no esquecemento.

Abuín advertiu que esta situación “vaise agravar no ano 2016”, porque a lei de orzamentos mantén a taxa de reposición, aínda que no seu articulado recolla que vai ser do 100%. “Na letra pequena di que esa cobertura do 100% só vai ser das vacantes xeradas no ano 2015, polo tanto non vai a haber unha cobertura de todas as prazas vacantes producidas entre 2010 e 2014”.

A isto engadiu que no propio articulado da Lei de Orzamentos contémplase que esta taxa de reposición de efectivos poida agruparse nas categorías profesionais cuxa cobertura se considere prioritaria para o funcionamento dos servizos públicos. “Esta é a demostración de que realmente se mantén unha taxa de reposición, de que non se van convocar todas as categorías”, sinalou.

Para a CIG-Saúde esta é unha ferramenta perfecta que utiliza o PP para seguir no camiño da privatización da sanidade pública. “Sen traballadores/as non é posible manter a actividade asistencial, polo que seguirán pechando camas, quirófanos, incrementándose as listas de espera en radiodiagnóstico e outros servizos o que provocará que, para manter as súas estatísticas de asistencia, concertarán todos estes servizos na sanidade privada. Unha vía máis de privatización da sanidade encuberta”.

Abuín sinalou que no SERGAS xa houbo plans de emprego anteriores para recuperar os postos de traballo e lembrou a oferta que convocou o bipartito en 2006, negociada en mesa sectorial, e que foi de 2.722 prazas e a OPE dos anos 2008-2009, que foi de 3.913 prazas. “Sen ser todas as prazas do sistema, no ano 2009 recuperouse unha estabilidade laboral que nega o PP”.

A CIG-Saúde asegura que este plan de emprego é cada día máis necesario para manter tanto a estabilidade laboral como a sanidade pública; evitar a privatización encuberta e eliminar as longas listas de agarda que se están a  producir no sistema sanitario. “Por moito que se maquillen os datos a xente sabe o que tarda en conseguir unha cita diagnóstica”.

A secretaria nacional subliñou ademais que estamos nunha situación de maior desemprego no sistema sanitario e facendo unha mostraxe de só 10 das categorías profesionais do SERGAS o número de persoas inscritas nas listas de contratación é agora mesmo de 36.410. Por iso concluíu que “o SERGAS condena a todos estes profesionais á emigración”.

Documentos
Plan de Emprego SERGAS.pdf
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto