Noticias Persoal OPE O SERGAS pon obstáculos ao proceso selectivo dunha embarazada por non achegar certificación médica de que vai parir en 48 horas
 
 

O SERGAS pon obstáculos ao proceso selectivo dunha embarazada por non achegar certificación médica de que vai parir en 48 horas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A Secretaría das Mulleres da CIG denuncia discriminación por razón de sexo no acceso á función pública

Unha muller embarazada de 40 semanas non poderá participar no concurso-oposición ao que se presentou se non achega certificación médica na que conste que vai estar ingresada o día 23 de xaneiro. Esta foi a contestación que recibiu do SERGAS, na que insta a muller a que achegue un certificado do seu ingreso hospitalario, debendo ser este dun mínimo de 48 horas antes da celebración do exame.
2014 08 20 ProtestaDiscriminacionEmbarazadasSergasVigo01
 

Para a Secretaría das Mulleres da CIG e a CIG-Saúde impedir que unha muller se presente a unha proba selectiva polo seu avanzado estado de xestación ou por un parto é discriminatorio. Neste caso non se da unha negativa a facer a proba, mais si o feito de que se lle insta a achegar unha certificación dun ingreso que nin o centro sanitario nin a propia aspirante poden achegar, dado que ninguén sabe en que momento vai ter lugar o parto, e por tanto, non poden certificar un ingreso que pode ser que non teña lugar no período solicitado polo SERGAS.

É dicir, a non ser que o parto se produza con posterioridade á proba, a muller non poderá realizar o exame.

Na súa contestación, o SERGAS cita o texto da Resolución do 10 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a segundo o cal, “os/as aspirantes serán convocados/as para cada exercicio nun único chamamento, e serán excluídos/as do concurso-oposición os que non comparezan. En todo caso, para garantir a unidade de acto, non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia”.

O texto continúa engadindo que “no marco das previsións da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitirá ás mulleres embarazadas ingresadas no mesmo día do exame facer os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo. Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, o Servizo Galego de Saúde desprazará ao centro sanitario unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que previamente o xustificasen e solicitasen no fax da Dirección Xeral de Recursos Humanos ou a través do correo electrónico, ata con 48 horas de antelación á data de celebración dos exercicios”.

Para a CIG esta negativa supón unha discriminación por razón de sexo, prohibida non só pola lexislación en materia de igualdade tanto na Galiza como no estado, senón mesmo na Constitución. A pretensión da aspirante está directamente relacionada coa súa inminente maternidade e a súa solicitude está destinada a restabelecer as condicións de igualdade que a inminencia do parto alteraron. Esta situación é unha circunstancia específica que só concorre na muller que está a punto de dar a luz, a cal por ese só feito ve impedida a súa normal participación no proceso selectivo.

Non é a vez primeira que o SERGAS imposibilita examinarse a unha embarazada co parto previsto na data da convocatoria. Xa no ano 2007 denunciamos un caso similar. Daquela, a escusa do SERGAS era que convocatoria non prevía esta situación. Agora que si o fai, inclúese unha engádega que dificulta en grande medida que as mulleres poidan facer uso deste dereito, malia que xa nas propias reunións previas á convocatoria, a CIG-Saúde alertara desta cuestión.

Desde a Confederación Intersindical Galega instamos ao SERGAS que posibilite examinarse á aspirante embarazada co parto previsto na data da convocatoria, garantindo o seu dereito á igualdade de oportunidades e á non discriminación no acceso á función pública.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto