Noticias Sanidade Pública Mesas Sectoriais Información Mesa Sectorial 12 de febreiro
 
 

Información Mesa Sectorial 12 de febreiro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cig informa

Información da Mesa Sectorial do 12 de febreiro de 2016

 

Puntos que se trataron:

1.- Proxecto de decreto oferta de emprego 2016.  Entregáronnos un cadro coa oferta de prazas que pensan sacar. As prazas convocadas son o 100% das vacantes xeradas no ano 2015. Concentran a totalidade das prazas nas categorías que queren, sendo a maior oferta a do persoal facultativo, que desde o 2010 tivo 3 convocatorias de OPE fronte a outros colectivos que tiveron e seguen a ter 0 oferta.

Desde a CIG-SAÚDE rexeitamos esta burla de oferta de emprego, esiximos a negociación dun plan de emprego que conteña todas as vacantes xeradas desde o ano 2009. Solicitamos OPE para todas as categorías, e subliñamos que non é casualidade que hostalaría e mantemento non tiveran en todo este tempo oferta de emprego: as privatizacións mandan. Valoraremos medidas a tomar para denunciar esta nova agresión.

Nesta convocatoria, e tal como recolle a normativa, a quenda de discapacidade terá unha reserva do 7% das prazas. Un 2% para discapacidade intelectual, e un 5% para o resto de discapacidades. As prazas de discapacidade intelectual convocaranse na categoría de celadora/or, por unha cuestión de titulación.

A oferta do 2016 vaise sumar á oferta do 2015, coma xa fixeron coa do 13 e 14. Abrirán novo prazo.

2.-Instrucións tribunais e OPE e traslados. Insistimos nas nosas alegacións, e reiteramos a necesidade de que o persoal que forme parte dos tribunais estea exento de actividade laboral. Máxime cando a propia administración recoñece que a fase de baremación é complexa, polo que dificulta e retrasa a publicación das listaxes. 

Así mesmo denunciamos a pésima tradución dalgunha das preguntas ao galego, esiximos que isto non volva suceder.

Cronograma OPEs:

  • OPE 2013. Enfermaría e Medicina de Familia. Seguen chegando impugnacións. Prevén publicar a semana que ven o cadro de respostas definitivas, e comezar a corrixir.
  • OPE 2014. Técnic@s e Diplomad@s Sanitari@s. O xoves 18 de febreiro publicaráse en DOG a lista definitiva de admitid@s e excluíd@s  e persoas exentas do exame de galego. Durante o mes de febreiro, publicarase en DOG a composición dos tribunais. O exame será cara final do semestre, preferibelmente en maio.
  • OPE 2015. Persoal de Xestión e Servizos e outras categorías. Xuntaranse as prazas coas da oferta 2016. Convocarán a Comisión Técnica de OPE para falar de temarios.
  • A partir de xuño convocarase concurso de traslados de Licenciad@s Sanitari@s.

Solicitamos que convoquen a comisión de OPE para revisar definitivamente os baremos e que non os anden cambiando sempre antes de cada OPE. 

3.-  Creación categoría enfermeira/o especialista. Fica aprobado o decreto de creación da categoría de enfermeira/o especialista. Desde a CIG-SAÚDE condicionamos a nosa aprobación do decreto á sinatura dunha acta, que recolle que no mes de marzo convocarase a comisión de seguimento para a reclasificación de prazas, e a convocatoria de OPE no 2017. Aprobouse a categoría e agora falta a creación de prazas, e as contratacións. 

Finalmente o SERGAS separou a reestruturación de categorías de oficios deste decreto. Mais tampouco nos alegramos disto, non falar do tema do mantemento supón que o SERGAS vai facer o que queira, e seguirá eliminado categorías pola vía dos feitos. Solicitamos que de inmediato se cree a categoría de persoal técnico superior en electromedicina.

4.- Itinerarios profesionais. Todas as organizacións sindicais, agás CESM-OMEGA, apoiamos o decreto de itinerarios profesionais para que o persoal facultativo dos servizos de urxencias hospitalarias, 061, Centro de Transfusións de Galiza... poidan optar a outros destinos, e outro persoal de Atención Primaria poida optar a estes postos. Reciprocidade. A necesidade de negociar a mobilidade destes profesionais vén dada pola particularidade da súa prestación laboral, e pola imposibilidade que había, até este decreto, de mobilidade fora do seu ámbito de orixe. Non podemos esquecer que o Estatuto Marco e a Lei 8/2008 de Saúde de Galiza recoñecen o dereito á mobilidade de todas/os as/os profesionais.

En base a isto, no ano 2009, as organizacións sindicais asinantes do acordo de condicións laborais e retributivas do persoal facultativo de urxencias, na comisión de seguimento do devandito acordo, asinamos unha acta de desenvolvemento do acordo que no seu punto 11 recolle o seguinte: “No primeiro semestre do ano 2009, negociarase un itinerario profesional para facilitar a mobilidade do persoal médico a outras unidades do SERGAS...” Non foi no 2009, senón agora no 2016, cando por fin negociamos o itinerario, non sabemos se o tempo transcorrido desde a sinatura da acta de acordo foi o que fixo mudar de opinión ao sindicato médico.

A mobilidade deste persoal no concurso de traslados vai ser limitada: Só poderán participar as/os maiores de 55 anos ou que teñan unha antigüidade de 15 anos na súa categoría, as prazas adxudicadas neste concurso non superaran o 25% do total dos destinos ofertados e en futuros concursos de mobilidade sempre concursarán dentro do 25% das prazas.

5.- Rogos e preguntas.

  • Prescrición enfermeira. 15.30h da tarde, comparece o director de asistencia sanitaria, para pouco máis que presentarse. Non lle dimos a benvida,  xa que é un vello coñecido do SERGAS. O director da A.S non estivo moito tempo, tiña unha reunión, e no tempo que estivo oía o que dicía a Directora de Recursos Humanos. Desde CIG-SAÚDE recriminámoslle o comportamento do SERGAS neste tema, non recorreron o decreto, non solicitaron a convocatoria do consello interterritorial, non se dirixiron as/os profesionais  para, aínda que só fose, tranquilizalos. Esiximos un pronunciamento da Consellaría nun tema tan grave que afecta as/os profesionais e á asistencia. Non poden esperar a que haxa un conflito con denuncia xudicial para que a/o xuiza/iz lle faga o seu traballo. O SERGAS é a empresa, e coma tal correspóndelle comunicarlle aos seu profesionais como lle afecta, ou non, o decreto de prescrición. Despois do debate, a Directora comunícanos que fixeron unha pregunta ao Ministerio, coma autor da norma, para ver os criterios e a poder ser en todas as CCAA iguais. Desde CIG-SAÚDE respostámoslle que, independentemente da pregunta ao Ministerio, o SERGAS ten que posicionarse. Do Ministerio non esperamos nada, pois se a resposta é coma o que di na prensa, remítese continuamente ao informe co consello do estado, e outros. Quedaron en convocarnos na próxima semana cando teña a resposta do Ministerio. Exiximos que nos convocaran con resposta ou sen ela.
  • Persoal da Lei 17. Preguntamos que pasa coa selección temporal e definitiva. Para a selección temporal xa teñen un documento que someteron á consideración de Función Pública, dado que este persoal é funcionario. Esperan que en breve responda FP e traerano á Mesa Sectorial. Coma este persoal non é considerado imprescindible, están afectados pola taxa de reposición: o 100% só é para os sectores básicos. E coa taxa de reposición do 50% a oferta é case nula.
  • Lei de Emprego. Solicitamos, unha vez máis, unha reunión para analizar e acordar como nos afecta a devandita lei: redución de xornada, permisos, licencias sen soldo...
  • Xornadas irregulares. O acordo de xornada de 2001 recolle que as xornadas serán de 7hs en quenda de maña e tarde, de 8h a 15h ou de 15h a 22 h, e unha quenda nocturna de 22h a 8 h. En base a estas xornadas negociouse unha retribución por quenda. Agora, nos centros, cada día son máis frecuentes as quendas de 10h a 17h. Sen negociación e sen retribución por quenda. Solicitamos que este tema se inclúa na próxima Mesa Sectorial.
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto